O impulso de científicas como María de la Fuente e colectivos como Investigal avalou, o pasado marzo, a coñecida como lei Ángeles Alvariño, a iniciativa promovida polo BNG para procurar a igualdade entre homes e mulleres no ámbito da investigación científica. Concretamente, para evitar que os períodos de tempo directamente ligados ao feito de ser nais (permisos de maternidade ou lactación, por exemplo) penalice ás investigadoras nas convocatorias que avalían os méritos científicos -como publicacións ou patentes- logrados nuns determinados meses ou ano.
Esa discriminación, que diversas científicas e colectivos de persoal investigador levan anos denunciando, quedou acreditado nunha pioneira sentenza no caso particular de De la Fuente. As eivas reflectidas nese pronunciamento xudicial foron plasmadas nos mecanismos correctores da proposta promovida polo BNG que, non obstante, non se converterá en lei exactamente nos mesmos termos nos que a formulou a formación que encabeza Ana Pontón. O texto que este martes recibiu por unanimidade visto e prace definitivo do pleno do Parlamento introduce varias emendas do PP, imprescindible para a aprobación. Algunhas, de relevancia.
A proposta orixinal, formulada polo BNG, fixaba un único criterio para evitar a penalización ás nais nas axudas á investigación científica; as emendas do PP fixan que cada convocatoria establecerá "o factor corrector que en cada caso corresponda"
O proxecto orixinal do Bloque propuña que, á hora de avaliar os méritos científicos nas convocatorias de I+D+i dependentes das Administracións públicas, a Xunta "compute como tempo de inactividade investigadora" os períodos de permisos de maternidade ou paternidade, as licenzas por embarazos de risco ou lactación. Ademais, indicaba unha fórmula concreta para facelo: "A ponderación do tempo de inactividade investigadora fixarase en valores porcentuais e converterase no factor de corrección a agregar sobre a puntuación final acadada pola persoa candidata na avaliación, redondeando á alza o resultado final ao enteiro máis próximo"
Pero as emendas do PP modificaron este segundo precepto. O texto aprobado mantén o devandito cómputo como tempo de inactividade investigadora os devanditos períodos asociados á maternidade. Indica, a continuación, que será cada convocatoria de axudas a que estableza "o factor corrector que en cada caso corresponda e que permita compensar os períodos de inactividade investigadora e garantir a igualdade de oportunidades", no canto de introducir un único criterio. Ademais, como xa avanzara durante o trámite parlamentario, os populares suprimen da exposición de motivos do texto as mencións á traxectoria da oceanógrafa Ángeles Alvariño como inspiradora da reforma que si inclúe o texto orixinal.
"Á vangarda da igualdade na investigación"
Alén destes cambios, no debate definitivo da lei a vicevoceira do BNG, Olalla Rodil, considerou a aprobación un "salto adiante enorme", ao "establecer por lei a obriga de todos os organismos, públicos e privados" para "establecer mecanismos correctores" nas convocatorias e que así "o tempo de maternidade e crianza non supoña discriminación nos procesos de avaliación". O texto, destaca Rodil, chega tras un "traballo colectivo" non só do lexislativo galego, senón do propio sector a través do grupo de traballo de igualdade da Rede Galega pola Investigación (Investigal).
A "loita" de investigadoras como María de la Fuente, resalta a deputada, "xunto coa de moitas outras mulleres galegas e de todo o mundo, foi a que abriu este camiño". Esa reivindicación, afirma, foi "imprescindible" para que agora a Cámara "aprobe unha lei que non só di que non se pode discriminar ás mulleres por seren nais", senón que tamén "establece os mecanismos necesarios para garantilo", sen que dependa da "boa vontade ou da arbitrariedade" de cada institución. Galicia, conclúe, entra así na "vangarda da igualdade" no ámbito da investigación científica.
O PP coida que de agora en diante "non hai ningún sistema tan avanzado como o que aprobamos en Galicia" para evitar a discriminación das científicas que son nais e o PSdeG aplaude a inclusión das súas emendas en materia de formación en igualdade do persoal universitario e investigador
A vicevoceira do PP, Paula Prado, salienta, dende agora, "non hai ningunha lexislación nin ningunha convocatoria, no só en España senón tamén en Europa, que estableza un sistema tan avanzado como o que aprobamos en Galicia" para evitar a discriminación ás científicas que son nais. Os populares, agrega, deron o seu voto a prol á norma porque "somos conscientes de que a traxectoria profesional e investigadora das mulleres conta con innumerables obstáculos, pero dous moi evidentes nos que é preciso actuar: a conciliación e a maternidade".
O PSdeG, pola súa banda, aplaude a través de Noa Díaz a inclusión de emendas socialistas como as encamiñadas a que "a formación do persoal universitario e investigador en materia de xénero e prevención da violencia machista deixe de ser unha posibilidade e pase a ser unha garantía". A nova regulamentación, reslta, vai no camiño de "garantir a igualdade de oportunidades en todos os niveis da carreira investigadora, derrubar dende idades temperás os estereotipos que vinculan a ciencia coa masculinidade" e "asegurar procedementos que non penalicen as maternidades".
O colectivo Investigal, representado este martes no Parlamento a través de Elena Lendoiro e Vanessa Valdeiglesias, tamén aplaudiu a aprobación definitiva da norma e agradeceu o voto faborable dos grupos. "Grazas ao voso apoio, esta Lei Ángeles Alvariño é unha realidade", resaltaron.
- DOCUMENTO | Proposta orixinal do BNG
- DOCUMENTO | Emendas do PP
- DOCUMENTO | Emendas do PSdeG