O Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da Universidade de Santiago acolle a varios dos equipos que están a traballar á procura dunha vacina para a covid-19 e mais en proxectos que permitan facer máis efectiva esa vacina cando sexa descuberta e poida ser aplicada. A portavoz nacional e candidata do BNG á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, visitou este martes o centro para reunirse con parte deste persoal e presentar alí parte do programa da formación para as eleccións galegas en materia de innovación e ciencia.
Asegura Pontón que, se o BNG goberna tras o 12X, a área de investigación, desenvolvemento e innovación (I+D+i) será unha "prioridade de país" tras a primeira vaga dunha pandemia que evidenciou, di, que a "a ciencia salva vidas". Pero tamén porque "a investigación achega competitividade ás empresas". Por ambos factores, asegura, o compromiso do Bloque pasaría por incrementar o orzamento da Xunta en I+D+i ata chegar a practicamente duplicar o actual.
O cumprimento da promesa incluída no programa do BNG implicaría que, no remate da vindeira lexislatura o orzamento de I+D da Xunta roldase o 330 millóns de euros fronte aos algo máis de 180 das contas de 2020
Nun contexto no que "a media europea" é "dedicar a investigación e desenvolvemento o 2,5% do produto interior bruto", sinala Pontón. Mentres, lamenta, "once anos de Goberno de Feijóo deixaron este investimento por baixo do 1%".
Así, o programa do BNG contempla chegar a "dedicar á ciencia, I+D, o 3% dos orzamentos" en catro anos. Dado que os Orzamentos Xerais da Xunta para 2020 roldan -incluíndo o dedicado á débeda pública- os 11.000 millóns de euros, isto implicaría que esta partida roldase os 330 millóns de euros. Este ano, a partida de I+D estivo dotada cuns 189 millóns de euros, polo que o cumprimento da promesa implicaría, practicamente, duplicala. Os fondos de I+D+i das contas públicas descenderon de 2009 (142 millóns) a 2013 (103) e volveron ascender dende ese ano.
"O meu compromiso -afirma Pontón- é que un Goberno liderado polo BNG coloque a investigación científica como prioridade de país" e iso implica o devandito "apoio económico", porque "sen orzamentos, calquera louvanza da investigación é pura retórica". Trátase, si, de que o sistema científico galego conte con "recursos", pero tamén con "estabilidade laboral".
"Sen orzamentos, calquera louvanza da investigación é pura retórica", defende Pontón, quen asegura que o Bloque tamén poría en marcha un plan para "recuperar o talento emigrado por falta de oportunidades ou por condicións laborais pésimas"
Nesta segunda liña, sinala, o programa da formación soberanista inclúe "definir a carreira profesional investigadora, que debe contar co seu propio estatuto que recolla dereitos e deberes", pero tamén un plan de retorno para "recuperar o talento emigrado por falta de oportunidades ou por condicións laborais pésimas. Tamén, asegura, impulsarían o proxecto que denomina Innogal, para "a retención e captación de talento, como xa teñen outros territorios, como Euskadi e Catalunya, con grandes resultados".
Este proxecto, expuxo a candidata do Bloque aos investigadores, tamén implicaría "fomentar e promover a participación das mulleres na ciencia e na investigación" con "medidas que aposten pola igualdade real". Así, sinala, o BNG impulsaría "medidas que poñan fin á discriminación salarial" ou "ao feito de que se vexan penalizadas nas súas carreiras se deciden ser nais".
No encontro con Pontón participaron investigadores como José Castro Tubío, Mabel Loza e Rubén Nogueiras. Tamén o director do CiMUS, Carlos Diéguez, e mais o vicerreitor de Innovación da Universidade de Santiago, Vicente Pérez Muñuzuri.