Entre os colectivos que se están a ver afectados pola crise do coronavirus está o dos investigadores e investigadoras precarias, pendentes sempre da renovación dos seus contratos e bolsas ou da aparición de novas convocatorias, que lles permitan seguir desenvolvendo as súas investigacións e continuar a súa carreira.
As medidas excepcionais tomadas a raíz da crise sanitaria da COVID-19 provocaron o peche dos centros de traballo onde habitualmente realizan o seu labor, impedindo as tarefas presenciais obxecto dos seus contratos (elaboración de teses doutorais, desenvolvemento de proxectos de investigación, tarefas de xestión e mesmo docencia). Isto afecta á duración de moitos contratos temporais deste persoal.
Alertan de que as disposicións do Real Decreto deixan "no limbo" a aquelas outras investigadoras e investigadores contratados a cargo de programas autonómicos, propios de universidades ou de fundacións públicas
Para facer fronte a esta situación excepcional, o Real Decreto Lei 11/2020 contempla, na súa disposición adicional decimoterceira, a posibilidade de prórroga dos contratos do persoal investigador. O colectivo de investigadores galegos InvestiGal valora de forma positiva o fondo das medidas establecidas no RD, pero observa "con preocupación" como a aplicación destas medidas están orientadas a unha parte do persoal investigador. En primeiro lugar, porque afecta só ao persoal financiado por programas públicos estatais, o que "deixa no limbo" a aquelas outras investigadoras e investigadores contratados a cargo de programas autonómicos, propios de universidades ou de fundacións públicas.
En segundo lugar, sinalan que "esta medida tense contemplado unicamente no caso de persoal que finaliza o seu contrato no ano vixente" e engaden que "esta medida establece un agravio comparativo para as restantes investigadoras e investigadores, que tamén están vendo interrompido e mesmo paralizado o desenvolvemento natural das súas actividades de investigación".
"Todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais", di Investigal
Por este motivo, Investigal fai un chamamento á Consellería de Educación a organismos públicos de investigación, a fundacións e a universidades para que "realicen unha lectura integradora das indicacións emanadas desde os Ministerios" e "fagan valer perante as instancias correspondentes a noción de que todo o persoal investigador que presta servizo nas súas entidades debe ser arroupado, sen exclusións de convocatorias, anos, ou tipos contractuais". "Consideramos que as prórrogas que se establezan deben comprender a todo o persoal investigador, sen exclusións", engaden.
Investigal lembra que "dentro da situación excepcional pola que está a atravesar toda a sociedade, a investigación estase mostrando como o piar fundamental que é para garantir o benestar, progreso, convivencia e reflexión crítica das persoas que a compoñen".