O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Juan Manuel Vieites, rexeita valorar se prefire un goberno dun único partido ou un bipartito: "Un goberno estable é un goberno estable, o que sexa"
"Non temos medo a nada sempre e cando o goberno sexa estable". Así se pronunciou este luns o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), Juan Manuel Vieites, preguntado pola posibilidade dun goberno de coalición de esquerdas BNG-PSdeG ou PSdeG-BNG á fronte da Xunta. A patronal galega, di Vieites, só reclama "un goberno estable, o que sexa".
As declaracións de Vieites producíronse despois da reunión que mantivo este luns co candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, José Ramón Gómez Besteiro, no marco dos encontros que a CEG vén mantendo coas principais forzas políticas que se presentan o 18F. Tras a reunión Vieites reclamou medidas políticas "amigables" co sector empresarial como "creador de riqueza" mentres que Besteiro apostou por incrementar 5 puntos o peso do sector industrial no PIB galego.
Do mesmo xeito, o pasado venres era a candidata do BNG, Ana Pontón, quen mantiña un encontro co Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo no que tamén apostaba pola reindustrialización de Galicia pola vía de aumentar a I+D+i.
As declaracións de Vieites chegan logo de diversos encontros de Pontón e Besteiro co sector empresarial galego
Este luns, tras as exposicións iniciais das súas impresións por parte de Vieites e Besteiro, chegaron as preguntas, e a que recibiu o presidente da CEG foi se a patronal galega ten medo a un posible goberno BNG-PSdeG ou PSdeG-BNG. E a súa resposta foi a seguinte: "Nós o que necesitamos é un goberno estable, e polo tanto non temos medo a nada sempre e cando o goberno sexa estable, poña as medidas adecuadas para que as empresas poidan competir e poidan desenvolver e poidan crecer, e para iso necesitamos unhas medidas desde o punto de vista fiscal, laboral e doutra índole que non prexudiquen a actividade económica e o crecemento das empresas".
Ante esa resposta Vieites foi repreguntado sobre se un goberno estable significa un goberno dun único partido ou se un bipartito podería ser un goberno estable. "Un goberno estable é un goberno estable, o que sexa", sentenciou.
Estas declaracións da patronal galega chegan despois de que o pasado xullo, poucos días despois das eleccións xerais que deixaron un incerto panorama de gobernabilidade pendente de acordos entre forzas, o mesmo Vieites pedise un goberno "moderado" en España que reducise impostos aos ricos e baixas laborais.
Fronte a esas reclamacións, uns meses antes, en outubro de 2022, o papa Francisco lembrara á mesma patronal galega, recibida en audiencia no Vaticano, que a economía "está ao servizo non só duns poucos senón de todos, especialmente dos pobres".
No pasado a CEG, habitualmente aliñada coas políticas do PP, xa se pronunciara rexeitando "medos" ante posibles gobernos de esquerdas, como fixo días antes das eleccións de 2016 o seu daquela presidente, Antonio Diéter Moure. "Todo o que sexa democrático non me preocupa", dixera.