Como despois de cada cita electoral, a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) vén de emitir un comunicado cargado de desexos e recomendacións ao futuro Goberno de España, do que reclama "estabilidade e moderación", ademais da redución e supresión de impostos, entre outras demandas.
Faino a través do seu presidente, Juan Manuel Vieites, que "urxe á estabilidade no marco de conformación" dun novo Executivo central ao que marca "prioridades": "creación de emprego e baixada da inflación subxacente e da débeda pública". En 2019, e logo dos comicios do 10N, a CEG xa avaliara o resultado electoral cargando contra o acordo entre PSOE e Unidas Podemos para conformar un executivo.

A patronal reclama "un acordo que garanta estabilidade e moderación" para a conformación do goberno
Agora, a patronal galega non só ofrece consellos a ese futuro goberno senón tamén ao proceso para conformalo. "Debe haber un acordo que garanta estabilidade e moderación para asegurar o bo funcionamento da economía e o benestar social do país", di a CEG, que amosa como a súa "principal preocupación" a "incerteza económica" e a "desaceleración" que di que afrontan España e Galicia.
"Debe prevalecer o sentido de Estado e hase de respectar o marco constitucional para protexer os avances económicos e sociais logrados durante as últimas décadas e manter a confianza en España como país", di Vieites, que insiste na "incerteza que se agarda despois do verán". Para afrontala, cre, o "gran reto" do novo goberno debe ser "o reequilibrio das contas públicas, unha nova fiscalidade que fomente a competitividade empresarial, o impulso da industria no marco da transición verde e a dixitalización e o fomento da formación profesional adaptada ás necesidades das empresas", di.
A CEG pide "o cese de ataques institucionais ao empresariado" e "un sistema de elaboración de normas sosegado e racional"
Con todo, di, a CEG non pode "deixar de reivindicar tampouco o cese de ataques institucionais ao empresariado". Porque a receita da patronal inclúe a "necesidade" de "volver a un sistema de elaboración de normas sosegado, racional e cunha participación axeitada dos sectores afectados". Tamén reclama "avanzar na redución das cargas administrativas", así como "evitar que a nova lexislación engada máis cargas que contrarresten outros efectos beneficiosos".
"É imprescindible avaliar o impacto económico de cada nova disposición, tanto para o ámbito público como para o privado", reiterou Vieites, que alude a unha "medida esencial" ao seu ver: "As cotizacións sociais deberían atender exclusivamente a prestacións contributivas, imputando o custo das demais prestacións aos Orzamentos Xerais do Estado".
En definitiva, como a propia CEG explica, trataríase de "reducir as cotizacións empresariais á Seguridade Social por traballador e promover un menor custo laboral, maior competitividade e maior capacidade de contratación.
En canto aos impostos, a súa aposta é clara: reducilos, suprimir varios e non crear ningún máis. Así, a patronal reclama "incentivos fiscais para o investimento e a creación de emprego e o emprendemento", eliminar o Imposto sobre o Patrimonio e "evitar a creación de novos impostos". "Precisamos unha baixada para todos, xeneralizada", insiste, advertindo da necesidade de reducir o número de tributos e a súa "presión" tanto a "cidadáns como a empresas".
A patronal aposta por "reducir as cotizacións empresariais á Seguridade Social", suprimir os impostos de Patrimonio e Sucesións e acurtar as baixas
Así, engade a necesidade de suprimir non só o Imposto sobre o Patrimonio, senón tamén "o de Sucesións e Doazóns, como xa ocorreu recentemente nalgunha comunidade autónoma, en referencia clara aos novos gobernos conformados por PP e Vox en Balears ou a Comunitat Valenciana, que anunciaron nada máis chegar ao poder a supresión deste tributo.
Vieites engade no seu comunicado un novo desexo, neste caso "sobre absentismo laboral". "O gasto en continxencias comúns podería ser minimizado e controlado se as mutuas puidesen incrementar a súa capacidade de actuación no ámbito de xestión das mesmas". Así, asegura que "reducir a duración media e prevalencia dos procesos de IT [incapacidade temporal] nas empresas é imprescindible".
Por último, solicita tamén "a adopción de medidas necesarias para o emprendemento", en referencia a "instrumentos de financiamento e garantías axeitadas para proxectos viables", así como a "axilidade e simplificación da tramitación administrativa necesaria para pór en marcha un negocio".