O presidente da patronal coruñesa será xulgado por estafa nunha operación inmobiliaria e a Fiscalía pide absolvelo

Antonio Fontenla, presidente da patronal da Coruña e ex-presidente da galega CC-BY-SA Xunta de Galicia

Antonio Fontenla deu un préstamo a un construtor e despois embargoulle por impago terreos en Culleredo que este obtivera de varios veciños a cambio de pisos que nunca recibiron, operación que os afectados consideran concertada para deixalos sen as propiedades

Antonio Fontenla, presidente da Confederación de Empresarios da Coruña, ex-presidente da de Galicia e empresario do sector inmobiliario e da construción, será xulgado a próxima semana por estafa no xulgado do Penal número 4 da Coruña xunto con outros dous empresarios, Manuel Gómez e Dositeo Rodríguez. Están acusados por varios veciños de Culleredo de concertar unha operación pola que quedaron sen terreos que eran da súa propiedade e que cederan a cambio de pisos que nunca recibiron

Ao xuízo chégase despois de que a Audiencia da Coruña vise "sólidos indicios de criminalidade" na actuación dos empresarios. Pero a Fiscalía pide a absolución porque di que os feitos, que considera acreditados, "non son constitutivos de ilícito penal".

Terreos implicados na operación que os veciños cederon a cambio de pisos que nunca recibiron CC-BY-SA Praza Pública

Eses feitos remóntanse a 1999, cando unha vintena de veciños de Culleredo cederon varios terreos da súa propiedade a Promociones Naiguata, do construtor Manuel Gómez, a cambio de que, unha vez o permitise o plan de urbanismo daquela en tramitación, edificase neles e lles entregase a cambio varios pisos. O plan demorouse, o construtor nunca edificou e en 2009 Promociones Naiguata pediu un crédito a outra empresa, Monelos Aparcamientos, de Antonio Fontenla, na que era apoderado o terceiro acusado. 

Foi un millón de euros con devolución en só dous meses cuns xuros do 1%. Pero a primeira empresa non devolveu os cartos e aos poucos meses a segunda reclamou nos tribunais, que lle deron en compensación os terreos de Culleredo, quedando así os veciños sen soares e sen os pisos nunca construídos.

A Audiencia da Coruña dixo sobre o crédito impagado que facilitou o cambio de mans dos terreos que “os máis elementais usos bancarios e empresariais desaconsellarían polo seu elevadísimo risco unha operación financeira tan insólita"

En abril de 2011 unha sentenza civil obrigou a Naiguata a indemnizar a catro propietarios orixinais ou aos seus herdeiros cun total de preto de 450.000 euros, pero a empresa quebrou e non pagou. Aquel proceso civil de 2011 permitiu que varios dos afectados lograsen abrir unha investigación penal sobre a operación de crédito entre Fontenla e Gómez. Nela os demandantes salientaron o feito de que os cartos do préstamo non foron ingresados nas contas de Naiguata senón doutra empresa de Gómez, e que a resolución do mesmo só afectou a eses terreos e non a outras propiedades que foran postas como aval. 

De feito, segundo salientaron os afectados, unha vez obtidas as terras de Culleredo, Fontenla deixou sen reclamar “máis de 400.000 euros que se seguían debendo despois de dita execución”. Malia ao mal resultado da operación, Fontenla e Gómez tentaron despois obter “conxuntamente as licenzas precisas para construír en tales terreos”.

Auto da Audiencia da Coruña que en 2018 ordenou seguir investigando o caso CC-BY-SA Praza Pública

A investigación penal foi arquivada provisionalmente en 2017 co argumento de que todo se debera ás “vicisitudes” do complexo proceso de desenvolvemento urbanístico da zona e que non había indicios dunha acción “concertada e fraudulenta” de Fontenla e Gómez. Pero en 2018 a Audiencia da Coruña ordenou reabrila cun auto no que aseguraba que nada tiña que ver se despois os acusados puideron ou non edificar na zona, senón que o relevante era como quedaran sen nada os antigos propietarios dos terreos a través da execución da garantía do préstamo.

A Audiencia deu especial relevancia ao crédito impagado que facilitou que os terreos pasasen das mans de Gómez ás de Fontenla: “Os máis elementais usos bancarios e empresariais desaconsellarían polo seu elevadísimo risco unha operación financeira tan insólita (cantidade moi elevada, prazo de vencemento ínfimo, xuro do 1% unido a unha patente insolvencia do debedor) e que parece elaborado precisamente para levar a cabo a execución da garantía”, dicía aquel auto. 

A Audiencia tamén viu aínda máis indicios de criminalidade no feito de que despois Naiguata, a empresa de Gómez, volvese aparecer como titular nunha solicitude de licenza urbanística para eses mesmos terreos, o que suporía “razóns para, máis alá da simple sospeita e máis alá tamén da pura conxectura, acreditar a presenza de sólidos indicios de criminalidade que permiten formular acusación contra os investigados mudándoos á categoría de acusados”.

Vivendas antigas que había en parte dos terreos permutados e nas que vivían varios dos veciños afectados pola operación Dominio Público Praza Pública

Tras ese auto da Audiencia da Coruña, a finais de 2018 o xulgado instrutor propuxo a apertura de xuízo contra os acusados salientando que a operación “trataríase dun préstamo ficticio subscrito entre dúas sociedades en quebra técnica coa única finalidade de executar a garantía hipotecaria constituída sobre as fincas dos querelantes, traspasar a titularidade das fincas e evitar, así, a resolución dos contratos de permuta, coa conseguinte perda das citadas fincas”.

A Fiscalía pide a absolución dos acusados porque aínda que avala os feitos non os considera delito xa que non ve acreditado que se urdise un plan contra os afectados senón que no proceso "influíron modificacións lexislativas" que foron "alleas á súa vontade"

Fronte a esas consideracións da Audiencia e do xulgado instrutor, a Fiscalía, que avala os feitos, di que estes "non son constitutivos de ilícito penal". Segundo o Ministerio fiscal, "non consta que por parte dos acusados se urdise desde o inicio das negociacións ou durante as mesmas un plan para facer inefectivos os dereitos" dos veciños afectados. 

A fiscalía non valora o ocorrido arredor da execución do préstamo impagado, senón que pon o foco en que "no proxecto inicial influíron modificacións lexislativas (as cales foron completamente alleas á vontade dos querelados) e este proceso, que se dilatou quince anos, despois da sinatura inicial, é alleo aos acusados". Por iso considera que "procede decretar a absolución". Agora, tras varios adiamentos, será o xulgado do Penal quen sentencie. 

Antonio Fontenla durante a súa presidencia da patronal galega © CEG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.