Hai poucos días a enerxética Greenalia cargou aberta e duramente en público contra o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia por frearlle parques eólicos coma os de Bustelo, entre Coristanco e Carballo, e Campelo, entre Coristanco e Santa Comba. En ambos casos, o alto tribunal galego anulou as autorizacións administrativas que a Xunta concedera á empresa polo que considera fragmentacións indebidas -presentar como se fosen varios parques eólicos o que realmente é só un de maior dimensión-. Fíxoo tras senllos recursos de colectivos ecoloxistas como Adega.
Tras o cuestionamento público de Greenalia ao tribunal e aos seus membros, aos que acusa de basearse en "meras sospeitas de dano", agora é a Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) a que se suma á crítica explícita ao Poder Xudicial neste ámbito. Como a devandita compañía, asegura que o Tribunal Superior está a promover a "inseguridade xurídica" no noso país.
Nun comunicado con declaración atribuídas ao seu presidente, Juan Manuel Vieites, a CEG di ter interese en manifestar unha "profunda preocupación" para o "desenvolvemento de parques empresariais e proxectos industriais en Galicia" ante a "revisión das autorizacións en sede xudicial". Porque, ao seu xuízo, eses ditames "poñen en cuestión o traballo da Administración", da Xunta, e "en particular a correcta avaliación ambiental e de impacto sobre o medio".
O presidente da Confederación de Empresarios de Galicia carga contra a "revisión das autorizacións en sede xudicial" e censura que o TSXG "poña en cuestión o traballo" da Xunta e que colectivos ecoloxistas "xa anunciasen accións legais" contra outros parques
A patronal apunta a "prexuízos para os promotores e a súa contorna" pola estimación de recursos que "fan que planee entre as nosas empresas e promotores a sombra da inseguridade xurídica que pode chegar a ser paralizante para calquera investidor", di Vieites. O dirixente patronal di preguntarse "quen vai pagar" eses "prexuízos" antes de reclamar un "marco xurídico claro e estable" e afirmar que están "moi preocupados" polas "consecuencias que poida ter cara ao futuro a revisión da aplicacións sistemática da normativa estatal ou autonómica" neste eido.
"Galicia -abonda- está nun momento clave para modificar o seu modelo económico e industrial e os proxectos eólicos son parte fundamental da necesaria transición enerxética que debe facernos máis competitivos". Neste punto, refírese sen nomealos aos colectivos ambientalistas ou veciñais que promoven os recursos, caso de Adega, para lamentar que "xa anunciasen que iniciarán accións legais contra decenas de proxectos autorizados".
Fronte ás críticas abertas á Xustiza, a patronal conclúe a súa comunicación pública con eloxios á Xunta. Despois de que durante anos "os tempos de tramitación das instalacións e das súas obras fosen un escollo importante que atrasou moitos proxectos", din, "hai uns meses as Administracións fixeron un gran esforzo por axilizar o seu traballo". Segundo a CEG, teñen constancia de que "o fixeron sen variar un ápice o rigor".