12 anos e 2,5 quilómetros: "Era importante cicatrizar as feridas"

Ana Pontón e Xosé Manuel Beiras tras a sinatura do acordo de BNG e Anova este domingo CC-BY-SA Praza Pública

A Anova de Martiño Noriega e Xosé Manuel Beiras asina un acordo co BNG de Ana Pontón que pecha fendas abertas na traumática asemblea de Amio de 2012

2,5 quilómetros é a distancia en liña recta que separa, en Santiago de Compostela, o recinto feiral de Amio do hotel NH Collection. E 12 anos é o tempo que pasou desde a asemblea nacional que en 2012 derivou na escisión de Anova do BNG. Esas dúas fendas pecháronse este domingo 14 de xaneiro no hotel compostelán coa sinatura entre a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e o coordinador nacional de Anova-Irmandade Nacionalista, Martiño Noriega, dun acordo para as eleccións galegas do 18 de febreiro. En primeira fila, Xosé Manuel Beiras, co-fundador do BNG e co-fundador de Anova, co que Pontón se fundiu nunha aperta ao rematar o acto.

Ana Pontón e Martiño Noriega amosan o acordo asinado entre BNG e Anova CC-BY-SA Praza Pública

O achegamento de Beiras ao BNG xa vivira un primeiro fito en setembro de 2022, cando participara con Pontón ou Camilo Nogueira nun acto polo 40 aniversario da fronte nacionalista. Un ano máis tarde Beiras pediría directamente unificar o voto para as eleccións xerais no BNG. Pero agora o acordo vai máis alá das declaracións sempre rechamantes de Beiras. Tras o intento de Sumar de atraer ao seu 'fillo' político, Martiño Noriega, malia o descontento que deixaron en Anova as experiencias de integración coa esquerda estatal de Alternativa Galega de Esquerdas (AGE) en 2012 e de En Marea de 2016, agora os irmandiños farán campaña para que Pontón sexa presidenta. 

E despois? "Non podemos contestar a esa pregunta porque non temos unha bola de futuro, isto é unha declaración de vontades, despois hai que testalas e ten que pasar polo filtro do tempo", dixo Noriega.

"Estamos a facer o que a xente nos pedía, di Noriega, e Pontón salienta o "momento histórico, moi poucas veces o tren vai pasar pola porta"

O que di o acordo, tras uns primeiros parágrafos de análise da situación política, económica e social de Galicia, é que as dúas formacións van "xuntar forzas para propiciar o cambio político que Galiza precisa con urxencia" e "para facer de Ana Pontón a primeira presidenta do noso país". Será "un proceso destinado a redimensionar nos vindeiros anos o soberanismo galego". 

Porque, di o escrito asinado por Pontón e Noriega, "só dese unha decidida aposta polo autogoberno é posible reverter a actual dinámica de retroceso cultural e dependencia económica. Só desde un goberno dirixido por unha forza soberanista é posibel mudar o rumbo das políticas do PP que teñen como obxectivo converter o noso país en menos que un país, nunha despensa enerxética e nunha reserva de man de obra e capitais".

O acordo asinado entre BNG e Anova CC-BY-SA Praza Pública

Segundo explicou Noriega na comparecencia deste domingo, "Anova está a poñer o capital simbólico dunha organización golpeada ao servizo dun país" para "conquerir que o próximo goberno da Xunta estea liderado por un espazo soberanista e poidamos ter a sorte de contar cunha presidenta como Ana Pontón".

"Era importante cicatrizar feridas, entender o momento, o que nos xogamos no presente e nos vindeiros anos como país", dixo o ex-alcalde compostelán, quen salientou que "Anova sempre exercitou a responsabilidade e a xenerosidade alí onde estivo". "Non estamos aquí para un reparto de cargos", engadiu, nun acto que se celebrou despois de que este sábado o BNG xa fixese públicas as súas listas electorais completas. El mesmo, médico de familia, quixo trasladar aos seus pacientes "tranquilidade" porque "o luns estarei en Fontiñas, no centro de saúde". 

"Estamos a facer o que a xente nos pedía que fixeramos, por todas e por todos nós non vai quedar que o 18 de febreiro haxa un cambio", concluíu.

"Unir todo o voto de cambio é a maneira de derrotar o PP nas urnas", sentencia Pontón

Pola súa banda, Pontón salientou que ao acordo se chega "cun compromiso claro con Galiza e coas maiorías sociais do noso país" para "derrotar nas urnas 14 anos de nefastas políticas do PP". A portavoz nacional do BNG agradeceu en varias ocasións a "altura de miras" de Anova e do seu portavoz xa que, dixo, "unir todo o voto de cambio é a maneira de derrotar o PP nas urnas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.