O vindeiro 25 de setembro faranse 40 anos da asemblea fundacional do Bloque Nacionalista Galego no frontón coruñés de Riazor. Baixo o lema Por un frente amplo de unidade nacionalista confluíran organizacións soberanistas que en parte da viñan colaborando nalgúns eidos, incluído o electoral, coa Unión do Povo Galego (UPG) e o Partido Socialista Galego (PSG) como partidos máis destacados.
Catro décadas despois, o BNG e a súa Fundación Galiza Sempre lembran aquel fito da historia política do país a través dun programa de actos iniciado este 14 de setembro en Santiago coa estrea do documental Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista. O acto adquiriu máis relevancia política por acudiren a el, xunto a militantes e dirixentes de toda a historia do Bloque, participantes na peza audiovisual que na década pasada se afastaran do Bloque, especialmente quen fora o seu primeiro portavoz nacional, Xosé Manuel Beiras.
Xunto a Beiras -que deixou a formación frontista en 2012 co Encontro Irmandiño, para posteriormente encabezar Anova-, secundaron a Ana Pontón ás portas do Teatro Principal compostelán outros rostros significativos dos procesos de unidade do soberanismo iniciados en 1982. Camilo Nogueira e Encarna Otero estiveron con Pontón e ao carón de Alfredo Suárez Canal, ex-conselleiro e ex-deputado que como militante segueg colaborando activamente coas sucesivas direccións do BNG ata a actualidade.
A portavoz nacional do Bloque destaca, entre rostros históricos do nacionalismo que participaron no documental sobre a historia da formación, a "vocación unitaria" coa que naceu en 1982
O acontecido na presentación non é sinónimo completo de retorno. Así o reflicte, por exemplo, Beiras nunha entrevista publicada este xoves en La Voz de Galicia-. Pero entre os participantes si agromaron consideracións en torno á importancia da unidade, sobre o significado de imaxes como ás que deixa este acto e o seu potencial, tamén nas urnas.
Da "vocación unitaria" da asemblea fundacional de Riazor, precisamente, falou Pontón na presentación do documental. O BNG, evocou, naceu como "punto de unión entre correntes ideolóxicas" que confluían "na defensa de Galiza e no dereito a decidir". Suárez Canal, Pilar García Negro, Beiras, Francisco Rodríguez, María do Carmo García Negro, Xoán Carmona, Néstor Rego, Encarna Otero, Pilar Allegue e Mario López Rico, citou a portavoz nacional, déixano reflectido na peza audiovisual, que pretende ser tamén unha "homenaxe" á militancia.
Entre lembranzas de Saleta Goy, recentemente falecida e obxecto dunha sonora ovación, Ana Pontón coida que da gravación pódese tirar tamén que "Galiza gañou co BNG" e que o Bloque impulsou "moitos avances" para o país, o cal non quita que "como toda creación humana, tivemos acertos e erros", se ben "o importante é que fomos capaces de aprender" dos fallos. "Pero no que nunca nos equivocamos foi en saber en que lado estar, o da defensa de Galiza e o da autoorganización", afirmou.
"Chegamos en plena forma" aos cuadraxésimo aniversario, "con máis gañas ca nunca" porque "moita cidadanía nos ve como a esperanza deste país", afirma Pontón
Co pano de fondo da lembranza, a actual Executiva do BNG aposta por converter o aniversario nun marco no que amosarse capaz de "liderar o goberno da Galiza que vén". Por iso, ironiza Pontón, a formación nacionalista non vive unha "crise dos 40", senón que "chegamos en plena forma, con máis gañas ca nunca e máis ilusión" para reflectir que "a ferramenta que ten a xente do común para poder cambiar a realidad é a política" e que "moita cidadanía nos ve como a esperanza deste país", tamén para gobernar, cre.
Os actos do cuadraxésimo aniversario do BNG continúan en Vigo o día 21 coa presentación do libro 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022 (20h, Auditorio Mar de Vigo). Culminarán na Coruña, o día 25, cun acto político no propio frontón de Riazor.