Un cuadraxésimo aniversario "en plena forma" para amosarse capaz de "liderar o goberno da Galiza que vén". O BNG pechará o verán e principiará o outono celebrando o 40º aniversario da súa fundación na histórica xuntanza do frontón coruñés de Riazor en 1982. Farano volvendo o mesmo día, 25 de setembro, ao mesmo lugar. Máis tamén con dúas pezas para a lembranza, un documental e un libro, nos que percorren a súa historia para amosárense como "un proxecto sólido, maduro, con raíces firmes e cargado de futuro", en palabras de Ana Pontón.
A portavoz nacional da formación soberanista presentou este 9 de setembro a programación do aniversario do Bloque xunto a Rubén Cela, presidente da Fundación Galiza Sempre. Este programa comezará coa presentación pública, o vindeiro 14 de setembro (20h, Teatro Principal), do documental Setembro do 82, o nacemento da unidade nacionalista. A peza audiovisual, adiantan, conta coa participación da propia Pontón, pero tamén de "persoas que xogaron un papel especialmente relevante na asemblea fundacional".
Tras unha pasada década marcada polas duras escisións de 2012 e un profundo devalo electoral, a actual segunda forza política do país celebra os seus 40 anos coa maior representación parlamentaria da súa historia e mesmo coa achega dun dos líderes históricos que decidiran deixala, Xosé Manuel Beiras, cuxo testemuño figura no documental. Nel tamén participan, entre outros, o histórico dirixente da UPG e ex-deputado Francisco Rodríguez, María do Carmo García Negro, Encarna Otero ou Lois Diéguez, salientan.
Un documental con dirixentes históricos como Xosé Manuel Beiras, Francisco Rodríguez, María do Carmo García Negro, Encarna Otero ou Lois Diéguez percorrerá a historia da formación nun programa que culminará cun acto político no escenario da súa asemblea fundacional, o frontón de Riazor
O percorrido pola historia do Bloque complétao o libro 40 anos ao servizo de Galiza. BNG, 1982-2022, de Manuel Anxo Fernández Baz, cuxa presentación está prevista para o 21 de setembro en Vigo (20h, Auditorio Mar de Vigo). Trátase, adianta Cela, dun "repaso, ano a ano, dos principais feitos políticos e actuacións chave do nacionalismo", mais tamén dun percorrido gráfico con "máis de 400 fotografías, moitas delas inéditas".
Este exercicio de memoria desembocará no acto de Riazor que, coida Pontón, debe servir para lembrar pero, sobre todo, para "asumir a responsabilidade de ser máis útiles ca nunca aos galegos e galegas" e isto, coida, "supón asumir que o BNG ten que aspirar a ter a presidencia". Con estas celebracións, cre, reflectirán que este é "un BNG con coñecemento, solvencia e bo facer contrastado e recoñecido" e que está "preparado para tomar as rendas do noso país", a comezar por "estar do lado da maioría social neste momento tan duro de crise de prezos" e ofrecer "alternativas" nunha "Galiza innovadora, feminista, ecoloxista, con confianza nas súas posibilidades e orgullosa da súa lingua e cultura".