Anova valora a colaboración co BNG pero defende "traballar seriamente" por AGE

Asemblea deliberativa de Anova CC-BY Anova

Unidade orgánica non, pero acordos e interlocución si. A fin de semana na que Anova celebrou a primeira parte -a deliberativa- da súa primeira asemblea nacional serviu tamén para que a formación liderada por Beiras se reafirmase na súa folla de ruta e estratexia arredor de AGE, pero tamén para que as manifestacións dos seus líderes deixaran claro que valoran as chamadas á unidade que chegan do BNG.

Beiras aposta pola "interlocución" co BNG, pero non pola "unidade orgánica"

O propio Xosé Manuel Beiras cualificou -antes da asemblea- de "moi positivas" as propostas que chegaron de Xavier Vence, novo voceiro nacional do BNG, que apostou pola "interlocución" entre o nacionalismo galego. O portavoz de Anova ten claro, no entanto, que a unidade orgánica non é posible, xa que iso sería "meter a historia política do nacionalismo galego dos últimos dez anos na moviola". Si apostou por tecer pontes "se se trata de interlocución, de buscar acordos nos espazos nos que esteamos de acordo e procurando os puntos comúns de coincidencia dos que, en definitiva, somos nacionalistas e de esquerda", asegurou antes da asemblea deliberativa da súa formación.

A reacción de Beiras non se fixo agardar. O líder de Anova, considera "moi positivas" as propostas do portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, "de interlocución" entre as forzas nacionalistas galegas, aínda que descartou unha unidade orgánica, porque "iso é meter a historia política do nacionalismo galego do últimos dez anos na moviola marcha atrás".

Aínda así, e malia agradecer as palabras de Vence, Beiras non dubidou en censurar as declaracións doutros líderes do Bloque. "Din que nos fomos porque perdemos na asemblea de Amio ou que nos financiamos con diñeiro das alcaldías que usurpamos ao BNG. Entón como se pode falar de unidade e menos orgánica?", aclarou. "Haberá interloución e pódese camiñar xuntos", insistiu.

Ademais, e xa na clausura do encontro de Anova en Compostela, chamou a Anova a "traballar seriamente en favor de AGE" para desenvolver un programa política que cre "dinamita pura". E pide facelo da man "das clases oprimidas" para "levar adiante a transformación radical da sociedade" neste contexto de crise.

Do mesmo xeito, lembrou que á coalición de AGE "viñeron os que quixeron" e defendeu os froitos da colaboración con Esquerda Unida no Parlamento, así como o traballo xunto aos ecosocialistas e Equo. "Pido que empecemos a ser o que se pelexou en construción para facer un movemento sociopolítico ancorado na esquerda radical e rupturista que defenda a oberanía e a independencia", engadiu. 

"Anova está elaborando un proxecto común que non pode ser nin asumido polos demais, nin un mosaico de diversos proxectos, senón o resultado da combinación de individuos coa achega de grupos políticos", remarcou.

Jorquera insiste en que o BNG traballa "para recuperar" a unidade do nacionalismo e di estar "disposto a falar con quen sexa"

Antes, Francisco Jorquera, voceiro parlamentario do Bloque, advertiu nunha entrevista na Cadena Ser de que o BNG "traballa para recuperar" esa unidade e amosouse disposto a "falar con quen sexa e cando sexa", malia aclarar que a súa formación "é a forza maís importante do nacionalismo", pero "aberta" a alianzas. 

Beiras tamén deixou claro que Anova non é a formación hexemónica do nacionalismo. Nin moito menos. "O BNG ten toda unha rede de sedes que nós non temos", argumentou. Así, insistiu en que a nova formación viu a luz "convencida de que era necesario un novo proxecto, unha nova lectura da realidade e, sobre todo, un novo proxecto común, pero non para desprazar a ninguén". "A asemblea deliberativa ten o sentido claro de clarexar mellor as cousas para logo facer unha reflexión até a asemblea definitiva de xuño", engadiu.

Martiño Noriega, responsable de acción institucional de Anova, tamén cre que Anova debe ser a que "marque cales son os seus camiños colectivos cara ás alianzas" e defendeu a aposta por AGE durante a asemblea deliberativa. "Somos a pequena parte dunha maioría que entende que AGE é o punto de partida", asegurou, tras situar como un dos obxectivos "construír unha nova cultura", que "non é unha táctica nin unha estratexia, senón o intento na praxe de novas maneiras de relacionarse".

Beiras queixouse da "anemia" que provoca que Anova e EU non "nutran" máis o proxecto de AGE

Xa na clausura da asemblea, Xosé Manuel Beiras amosouse confiado en que "en xuño Anova teña os planos para construír o edificio". "Sei que será unha marea azul e vermella", rematou.

Aínda así, tamén se queixou. "Botamos de menos que, máis aló das plataformas cidadás, o que son propiamente as organizacións políticas que están ao pé da coalición están nutríndonos moi pouca cousa e estamos sentíndonos con anemia; e esto ten qeu facelo Anova e o que corresponsa a EU", lamentou.

Asemblea deliberativa de Anova CC-BY Anova
Beiras e Martiño Noriega, na manfestación de Queremos Galego Dominio Público @Anova_irmandade

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.