Segundo o CIS, as candidaturas de dereita perden forza en relación á enquisa preelectoral publicada hai dez días, con baixadas para o PP (do 25,5% ao 24,7%) pero sobre todo para Vox (do 18,4% ao 15,6%). A esquerda subiría, dende o PSOE a FA, pasando polo BNG
Horas antes de que se impoña o silencio informativo para a publicación de enquisas electorais (seguirán realizándose sondaxes, pero non se poderán publicar en España), o CIS publica unha nova estimación para os comicios do 29 de novembro. Faino a través do Barómetro correspondente ao mes de novembro, composto por oito mil entrevistas realizadas entre o 10 e o 17 de novembro, xusto nos días nos que deu comezo a campaña electoral -13 de novembro- e coincidindo tamén coa folga xeral do pasado 11 de novembro.
Aínda que nesta ocasión o instituto público non ofrece unha estimación da distribución de escanos, como si fixo o pasado 12 de novembro, os datos do traballo publicado este luns amosan cambios e tendencias en relación ás respostas daquel outro estudo. A esquerda, en xeral, mellora a súa estimación de voto, con subas tanto para o PSOE (do 33,3% ao 34,4%), coma para a Fronte Ampla, Compromís-Front Valenciá e Ara Més. Tamén subiría o BNG (do 1% ao 1,1%), o mesmo que Adelante Andalucía.
En cambio, as candidaturas de dereita perden forza en relación á enquisa preelectoral publicada hai dez días, con baixadas para o PP (do 25,5% ao 24,7%) pero sobre todo para Vox (do 18,4% ao 15,6%), en liña co apuntado por varias outras sondaxes nos últimos días. Cae tamén Junts e, no campo progresista, tamén ERC e Podemos.
A vivenda segue a ser o problema que máis preocupa á cidadanía, pois aparece citado como o principal problema polo 33,3% dos entrevistados e como un dos tres principais problemas polo 59,5%
A enquisa ofrece, independentemente da intención de voto, outros datos de interese. Por exemplo, informa de que a vivenda segue a ser o problema que máis preocupa á cidadanía, pois aparece citado como o principal problema polo 33,3% dos entrevistados e como un dos tres principais problemas polo 59,5%. A continuación aparece a economía (7,2% como primeiro problema, 24,7% entre os tres primeiros problemas) e despois o emprego. A inmigración aparece como o cuarto problema que máis preocupa, por diante dos "políticos" ou a sanidade.
Como adoita suceder nos últimos anos, a cidadanía cualifica a situación económica de España como "mala" ou "moi mala" (o 59,8% así o afirma) pero a súa situación económica persoal como "boa" ou "moi boa" (o 66%), fronte a só un 24,4% que a define como "mala" ou "moi mala".
Sánchez é o preferido como presidente (o 43,3% das respostas) pero o 63,1% cre que o PP vai gañar os comicios
Pedro Sánchez é o candidato preferido como presidente (o 43,3% das respostas), por por riba de Alberto Núñez Feijóo (23,3%) e Santiago Abascal (13,2%), o mesmo que o PSOE aparece como o partido que máis cidadáns preferirían que gañase as eleccións. Porén, o 63,1% cre que o PP vai gañar os comicios, fronte a só un 30,7% que opina que haberá unha vitoria socialista.