Beiras proponlles a BNG, EU e CxG unha fronte "anti PP" de difícil concreción

Xosé Manuel Beiras, durante unha entrevista con Praza CC-BY-SA Tingaralanga

Xosé Manuel Beiras dixo moito pero non resolveu demasiadas dúbidas. Dixo moito porque a súa proposta: Unha coalición electoral que agrupe de novo todo o nacionalismo e xunte as forzas á esquerda do PSdeG-PSOE, co obxectivo declarado de derrotar a Feijoo, é dende logo unha idea cun gran peso específico. Pero en realidade non se diferencia moito da "fronte electoral popular ampla" que Anova xa plantexara como obxectivo o pasado 4 de agosto. A diferenza é que a proposta se concreta cun chamamento expreso non só a Esquerda Unida e Compromiso por Galicia, senón tamén ao BNG.

Beiras explicou que o obxectivo é conformar una "ofensiva electoral" contra o Partido Popular e que a proposta se limita á "unidade de acción no plano electoral", máis aló de debates ideolóxicos, sempre que se acepte que "o inimigo" é o PP e que "en consecuencia, tamén o é a opción que permite a alternancia no sistema, o PSdeG".

O BNG aínda non se pronunciou, pero pódese anticipar a súa negativa por moitos motivos

Porén, parece moi improbable que esta coalición se concrete. O BNG aínda non se pronunciou, pero pódese anticipar a súa negativa por moitos motivos, sendo os menores deles que o Bloque xa escolleu un candidato e xa traballa na súa campaña, ou a limitación dos prazos para debater unha fórmula e programa conxuntos. O vindeiro 7 de setembro remata o prazo para presentar coalicións electorais.

Tampouco parece probable que Compromiso acepte a proposta, pois xa anunciou publicamente que non está disposto a presentarse nunha "fronte anticapitalista" ou con Esquerda Unida. Ademais, a formación galeguista, que leva semanas en conversas cos dirixentes de Anova, entre eles o propio Beiras, fíxo pública este xoves ao mediodía unha proposta formal de coalición, “xenuinamente galega" e que “teña como piares básicos a defensa do autogoberno, do Estado de benestar e da democracia”.

CxG leva semanas en conversas cos dirixentes de Anova, entre eles o propio Beiras, e fíxo pública este xoves ao mediodía unha proposta formal de coalición a dous

Esquerda Unida si podería aceptar a oferta, que se inscribe no mesmo obxectivo de conformar unha "fronte ampla de esquerdas" para conformar "unha alianza dos de abaixo para facer fronte aos de arriba" e gañarlle as eleccións ao Partido Popular. Este xoves Beiras afirmou que con EU mantén "contactos pero non conversas". A formación que lidera Yolanda Díaz xa dixo en varias ocasións que o obxectivo desta fronte non era electoral, pois as súas enquisas garántenlle a obtención de representación parlamentaria, pero de seguro vería con bos ollos unha coalición coa formación de Beiras. Tamén desbotou publicamente chegar a acordos con Compromiso por Galicia, sobre todo cos seus sectores máis conservadores.

Esquerda Unida si podería aceptar a oferta, que se inscribe no mesmo obxectivo de conformar unha "fronte ampla de esquerdas"

En calquera caso, calquera proposta formal deberá ser aínda debatida e aprobada polas asembleas locais e comarcais de Anova (que se celebrarán maioritariamente este venres e sábado) e despois pola Coordinadora Nacional da formación, que se reunirá en Compostela o domingo pola mañá. Non hai unha proposta oficial e polo tanto o debate será aberto, amosando como respiran os militantes desta formación, nalgúns casos máis inclinados a chegar a un acordo con Compromiso e noutros máis proclives a unha coalición con Esquerda Unida, por exemplo, nas asembleas de Vigo e Cangas, nas que a FPG ten unha presenza moi importante.

Polo tanto, pódese dicir que a rolda de prensa de Beiras, a pesar da artillería pesada empregada, deixou todo máis ou menos como estaba. Deixa clara, si, a vontade de Anova de chegar a unha fronte ampla, pero que é difícil que se cumpra, sobre todo nun prazo tan curto de tempo. Podería ser que esta oferta de fronte a catro, escenificada hoxe por Beiras, moi logo se convertese nunha posible coalición a tres, ou máis ben a dous, se Esquerda Unida acepta.

Beiras, nunha comparecencia ante a prensa CC-BY-SA Merixo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.