A Fiscalía pide dous anos de cadea por vertidos aos propietarios da mina de Touro

Vertidos nos terreos da mina de Touro CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

A Fiscalía pide abrir xuízo oral á empresa propietaria dos terreos e dos dereitos de investigación da antiga mina de Touro, Explotaciones Gallegas, así como penas de dous anos de cadea e inhabilitación especial para o exercicio de calquera actividade relacionada con actividades mineiras e extractivas a dous dos seus responsables por presuntos delitos contra o medio ambiente. 

Así llo comunicou o Ministerio Fiscal a Ecoloxistas en Acción, a quen advirte deses presuntos delitos consistentes nos vertidos con altas concentracións de metais pesados realizadas desde a explotación mineira, . Ademais, tamén demanda a imposición de multas por valor 47.000 euros, ao entender que a póliza de seguros da mina tan só cobre a responsabilidade civil por contaminación súbita e accidental e non por actividades ilegais.

Vertidos nos terreos da mina de Touro CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

A Fiscalía pide dous anos de cadea aos donos da mina de Touro ao entender que non tomaron medida correctora ningunha para evitar os vertidos de extrema acidez e metais pesados

A solicitude da Fiscalía prodúcese tras seis anos de instrución por parte do Xulgado de Arzúa e como paso previo á apertura de xuízo oral. Na investigación, iniciada despois da denuncia de Ecoloxistas en Acción polas verteduras da mina ao río Barral, tributario indirecto do río Ulla, "acumuláronse as probas contra a mineira de Touro, incluíndo numerosos informes e atestados da policía xudicial e ditames periciais", segundo a entidade ambientalista. Isto levou á Fiscalía a concluír que os acusados non tomaron ningunha medida correctora que evitara os lixiviados de extrema acidez e altos contidos en metais pesados. 

Desde Ecoloxistas en Acción, comparecente na causa penal como acusación popular ambiental, denuncian que a contaminación desde a mina de Touro é continua, sen que as numerosas sancións impostas desde Augas de Galicia, sempre de contías mínimas, tiveran efecto ningún. 

“A solicitude de penas de cárcere por parte da Fiscalía evidencia a gravidade e intencionalidade da contaminación causada pola minaría e dá unha idea da catástrofe ambiental que suporía confiar a unha empresa con estes antecedentes un novo proxecto de magnitudes xigantescas”, afirma Cristóbal López, voceiro de Ecoloxistas en Acción.

Nos terreos propiedade de Explotaciones Gallegas pretende reiniciar a explotación de cobre a empresa Cobre San Rafael, composta por Atalaya Mining, que achega o capital e a tecnoloxía, e a propia Explotaciones Gallegas, dona da superficie e dos dereitos de investigación. Foi agora hai case un ano cando a Xunta decidiu impulsar un novo proxecto nestes terreos logo de que frease o anterior polo seu grave impacto

A plataforma contra a mina de Touro solicitará á Xunta que retire a condición de "proxecto industrial estratéxico" á iniciativa e que free a aprobación do novo proxecto

Ante esta situación, a Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non solicitará á Xunta que retire a condición de “proxecto industrial estratéxico” á mina de Touro, distinción concedida a comezos do ano pasado que permite unha tramitación acelerada, e que arquive o procedemento de aprobación do novo proxecto, ao constatarse a incapacidade técnica e neglixencia da empresa promotora. De feito, Ecoloxistas en Acción xa recorreu ante o TSXG esta decisión de proxecto estratéxico da Xunta.

Pancartas contra a mina de Touro CC-BY-SA Ecoloxistas en Acción

Rueda di descoñecer a decisión da Fiscalía e aclara que o proxecto da mina "será examinado independentemente de quen sexan os promotores"

“Non é posible confiar o futuro de todo o sistema fluvial do Ulla, da ría de Arousa, do Camiño de Santiago e dunha comarca recoñecida internacionalmente polos seus produtos agrogandeiros de alta calidade nunha empresa á que está a piques de abrírselle xuízo por delitos ambientais e en directivos para os que a Fiscalía pide penas de cárcere”, advirte Isabel García, voceira da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non. 

Mentres, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, preguntado pola cuestión, limitouse a dicir que "pouco" pode dicir dunha "providencia" que non coñece. Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o xefe do Executivo galego aclarou que o proxecto da mina de Touro "será examinado independentemente de quen sexan os seus promotores"

"Pouco podo dicir desa providencia que non coñezo", dixo o presidente galego, Alfonso Rueda, preguntado sobre esta cuestión. Tras a rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, o presidente galego insistiu en que este proxecto "será examinado independentemente" de quen sexan os seus promotores", desbotando a posibilidade de retirarlle a condición de iniciativa "estratéxica" para o Goberno autonómico. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.