Punto e final ao megaproxecto mineiro en Touro tras catro anos de loita social

Andaina pola zona da antiga mina de Touro © Mina Touro-O Pino Non

Como ocorrera en Corcoesto, a loita e a presión cidadá contra outro megaproxecto mineiro e as súas consecuencias medioambientais e económicas abocou a Xunta a denegar de vez a iniciativa. Nesta ocasión, a reapertura da mina de cobre nos concellos do Pino e Touro, que vén de ser tombada cunha nova resolución do Goberno galego que confirma a declaración de impacto ambiental (DIA) negativa ditada hai pouco máis dun ano

A Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais envía a Cobre San Rafael a resolución que ratifica o rexeitamento á reapertura da mina

A empresa Cobre San Rafael recibiu a resolución da Dirección Xeral de Planificación Enerxética e Recursos Naturais que pon fin a un proxecto que pretendía explotar unhas 700 áreas de superficie. O departamento dependente da Consellería de Economía ratificou a resolución desfavorable para unha iniciativa impulsada de parcería polo xigante Atalaya Mining (propiedade dun grupo chinés e outro suízo e cotizando na Bolsa de Londres) e Explotaciones Gallegas, a empresa propietaria dos terreos. 

Cabeceira dunha manifestación contra a mina de Touro en Santiago CC-BY-SA Praza Pública

A resolución da Xunta acaba así cun proxecto que se iniciou hai case catro anos, cando Cobre San Rafael encetou os plans para reactivar a mina. Pouco despois, pintadas e pancartas co lema "Non á mina" abrollaron en toda a comarca e deron pé a un movemento veciñal organizado baixo o colectivo Mina Touro-O Pino Non.

"A pesar das evidencias, tivemos que agardar ata agora, máis dun ano despois dende a DIA desfavorable, a que a Xunta comunicase a resolución negativa", di a entidade veciñal, que advirte de que se enterou da nova pola prensa e que critica que, malia ser parte interesada en todo o proxecto, non lle fose comunicada a decisión. 

A entidade cidadá asegura, ademais, que "de non ser pola resposta social e cidadá" o proxecto de Touro, "e tantos outros semellantes en Santa Comba, San Fins, O Iribio ou Monte Neme, son susceptíbeis de aprobación sen ningunha supervisión nin comprobación". Todo, alertan, malia as "catastróficas, terríbeis e calamitosas repercusións e a ausencia de garantías que supoñen para o medio natural e cultural, como quedou demostrado neste proxecto". 

"De non ser pola resposta social e cidadá, o proxecto de Touro e tantos outros semallantes son susceptíbeis de seren aprobados sen supervisión ningunha"

O caso en Touro e O Pino conecta con outros nos que, tamén, o idilio inicial da Xunta coa empresa promotora acabou por rachar ante as evidentes eivas do proxecto. As conclusións da DIA negativa de hai un ano eran claras advertindo da "nova presión para os sistemas fluviais e augas subterráneas" que suporía a reapertura da mina e o máis que posible "novo impacto sobre o ciclo hídrico". Tamén se sinalaran as deficiencias á hora de implementar medidas preventivas ou de xestión posterior en caso de accidente, un risco que, de confirmarse, non evitaba a posibilidade "dunha grave afección aos valroes naturais da zona". 

Era, en definitiva, un proxecto co que "non se garantía a sustentabilidade ambiental", algo constatado polos informes técnicos "desfavorables" e "insalvables"da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e de Augas de Galicia. 

Membros da plataforma contra a mina de Touro-O Pino Dominio Público Plataforma Mina Touro-O Pino Non

"As conclusións resumen tres anos de traballo contra un proxecto sen garantías, algo que soubemos ver no mes de exposición pública que se nos deu para presentar alegacións", di Mina de Touro-O Pino Non, que sinala que a Xunta "dilatou e estirou sen explicación o proxecto durante catro anos"

Cobre San Rafael asegura que analiza a resolución para "poder valorar as opcións de desenvolvemento do proxecto"

Nesta última resolución, a Xunta rexeita tamén a aprobación do plan de restauración da actividade mineira presentada por Cobre San Rafael, entre outros motivos, por corresponderse cun proxecto de explotación rexeitado e que recibiu, en total, unhas 1.200 alegacións. Ademais, e durante estes últimos anos, a mineira foi sancionada e expedientada pola Xunta en numerosas ocasións por verteduras contaminantes ou actuacións irregulares. 

A empresa asegura que está a avaliar a comunicación recibida, xa esperada, para determinar se é posible ou viable continuar coa iniciativa dalgún outro xeito. "A compañía vai analizar a resolución para poder valorar as opcións de desenvolvemento do proxecto e os vindeiros pasos a seguir", di a compañía.

Cobre San Rafael cifraba en máis de 7 millóns de euros o investimento realizado ata finais de 2019 para a reapertura dunha mina onde levou a cabo centos de prospeccións. Segundo os seus cálculos, prevía investir uns 200 millóns de euros nos próximos quince anos e crear 400 empregos directos. Polo camiño, achegou importantes cantidades en patrocinios e publicidades e mesmo influíu ao seu favor desde patronais empresariais da zona

Balsa mineira en Touro © Adega

Unha forte contestación social

Na súa contra, un movemento veciñal que impulsou mocións en concellos que levou a que 45 municipios rexeitasen a mina, levou a cabo concentracións, andainas e manifestacións, como a tractorada que encheu as rúas de Touro en febreiro de 2018 ou a marcha que levou milleiros de persoas á Praza do Obradoiro de Compostela. Apañou máis de 25.000 sinaturas contra o proxecto, levou as súas denuncias a Bruxelas e colaborou con colectivos en defensa da Ría de Arousa que advertían tamén das consecuencias que a contaminación do Ulla podería provocar naquela rica zona marisqueira, pesqueira e paisaxística.

Agora, Mina de Touro-O Pino Non lembra que é "esencial" que as administracións "permitan á cidadanía e ás organizacións medioambientais e sociais ter dereito e acceso á información pública en tempo e forma". Desta maneira, din, poden "defenderse e defender os seus medios de vida e o medo natural e cutural que habitan, ademais dos seus recursos económicos". Para a entidade veciñal, o co megaproxecto mineiro agora rexeitado "quedou en evidencia a mercantil promotora e tamén a Administración".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.