A empresa impulsora do proxecto de reapertura da mina de cobre en Touro e O Pino non deu "resposta completa" ás "medidas de xestión a adoptar" no caso dun accidente ambiental na zona. Esta foi unha das razóns principais polas que a Consellería de Medio Ambiente emitiu unha Declaración de Impacto Ambiental (DIA) negativa tras a que a Xunta decidiu cancelar a polémica iniciativa logo de máis de dous anos de mobilizacións.
Medio Ambiente advirte da falta de "resposta completa" ás "medidas de xestión a adoptar" no caso dun accidente ambiental
Os informes nos que se baseou o Goberno galego para vetar a mina advirten de graves afectacións a varios cursos fluviais, das posibles incidencias a animais nunha zona de especial protección agraria ou do elevado risco para o medio ambiente e as poboacións en caso dunha "catástrofe". Pero a Dirección Xeral de Calidade Ambiental céntrase, sobre todo, na "nova presión sobre os sistemas fluviais e aguas subterráneas" das que advirte con detalle Augas de Galicia, así como na falta de medidas nun escenario de risco ante un posible accidente por parte de Atalaya Mining, multinacional impulsora do proxecto.
Así se explica no informe de 15 páxinas da DIA negativa emitida pola devandita Dirección Xeral, que advirte de que esa ausencia de plans ante un "escenario accidental" provoca que non se poida "garantir que a actuación proxectada non produza unha grave afección aos valores naturais da zona nin un prexuízo á integridade da Zona de Especial Conservación (ZEC) Sistema fluvial Ulla-Deza”.
A Dirección Xeral de Patrimonio Natural alertaba en 2018 do "risco moi elevado para poboacións humanas próximas e ao medio ambiente en caso de catástrofe"
Son, ademais dos informes de Augas de Galicia, os da Dirección Xeral de Patrimonio Natural os que máis inflúen na DIA negativa. No primeiro deles, de abril de 2018, informa do "risco moi elevado para as poboacións humanas próximas e ao medio ambiente en caso de catástrofe", mentres que dez meses despois advirte das "carencias documentais" na resposta da empresa, que deixa "sen contestar algúns aspectos relevantes" e sen "dar cobertura ao requirido".
É no terceiro informe onde Patrimonio Natural analiza sobre todo a probabilidade de afección á ZEC e indica que esta "non foi avaliada polo promotor ao considerala inexistente". Así, avisa da posibilidade da rotura dun depósito de estériles, ao que a empresa responde que, malia que a probabilidade "nunca é nula", si pode "minimizarse a valores pouco relevantes adoptando as medidas axeitadas".
A compañía, Cobre San Rafael, de feito, conclúe que é pouco probable a ocorrencia de escenarios de risco, mentres que Patrimonio Natural advirte de que é posible que se desencadeen eses accidentes cando, por exemplo, non hai diques nos devanditos depósitos nin medidas contra a incorporación de augas subterráneas contaminadas. "Ao non terse definido as medidas necesarias no caso de materializarse un risco, a proposta non garante que non vaia a existir unha grave afección aos valores naturais da zona nin á integridade da ZEC", conclúe.
"As medidas de prevención e xestión da continxencia parecen limitarse a xustificar que o suceso non se producirá", advirte directora xeral de Calidade Ambiental
"As medidas de prevención e xestión da continxencia parecen limitarse a xustificar que o suceso non se producirá", sentencia María Cruz Ferreira Costa, directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e asinante da DIA negativa.
Ademais, a DIA tamén repara no informe final emitido por Augas de Galicia en decembro de 2019, onde se sinala as "afeccións directas" a oito cursos fluviais "relacionadas directamente co proxecto de explotación". Advirte tamén de "profundos cambios morfolóxicos, dos usos do chan" e dos balances da auga achegada e devolta ao medio natural. Estas modificacións provocarían alteracións nas cuncas, unha "alteración substancial" de corrementos de terras e, xa que logo, "importantes variacións no comportamento hidrolóxico" pola elevada demanda de auga.
Entre as múltiples afectacións, Augas de Galicia recorda que estas "manteríanse máis aló da fin da explotación".
A Dirección Xeral de Gandería, pola súa banda, alerta da "posible repercusión" no gando nunha área especialmente produtora e sinala as voaduras, a contaminación por po e a perda de augas como prexudiciais para o "benestar animal".
En canto á Dirección Xeral de Saúde Pública, descarta riscos para o medio ambiente dos produtos químicos da planta de tratamento, pero si alerta dos problemas no seu manexo ou nos riscos laborais. Tamén destaca "riscos radiolóxicos", "presión sonora" e afectación á calidade do aire.
A Dirección Xeral de Gandería alerta da "posible repercusión" para o "benestar animal" do gando polas voaduras, a perda de auga e a contaminación por po
Entre as moreas de informes contrarios tamén aparecen documentacións favorables ao proxecto mineiro. Así, a Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria indicaba que o proxecto "se axusta basicamente ao esixido pola lexislación vixente" e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural non ve afección nin ao trazado nin ao ámbito de protección do Camiño de Santiago, aínda que pide varias medidas de control arqueolóxico.
No caso dos municipios afectados, o Concello de Touro advertiu nun primeiro informe de 2017 que había varias "deficiencias", pero nun segundo defendeu que era compatible coa zona, a pesar de ser de especial protección agraria e forestal. No caso do do Pino, en 2017 reclamaba completar o proxecto en aspectos como controis da calidade da auga e o plan de restauración, pero en 2019 afirmaba que "en liñas xerais" se cumprían os requisitos.
A Consellería de Economía dá o visto e prace a un proxecto ao que os Concellos de Touro e O Pino puxeron reparos para acabar validándoo
Algo semellante aconteceu coa Dirección Xeral de Ordenación Forestal, que nun informe de 2018 advertía dunha explotación mineira que "non resulta compatible" co solo rústico de especial protección forestal, pero que en outubro de 2019 indicaba a súa opinión "favorable".
Ademais, o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España pedía "intensificar" o estudo hidroxeolóxico e o funcionamento do estanque de augas, mentres que a Sociedade Galega de Historia Natural e a Federación Ecoloxista Galega amosaban o seu claro rexeitamento ao proxecto, alertando dos números riscos e perigos, así como fixeron centos de veciños nas súas alegacións particulares.
Cobre San Rafael acata a resolución da Xunta
Nun comunicado, a empresa Cobre San Rafael di acatar a resolución da Xunta, que xa estuda para decidir as súas accións. Ademais, a compañía asume que "non conseguiu transmitir a todos os departamentos a solidez da súa argumentación técnica".
A firma, que serve de pantalla a Atalaya Mining, asegura que leva investidos máias de 7 millons de euros no proxecto mineiro, tamén en invstigación desenvolvida co apoio das universidades públicas galegas. A empresa agradece "o apoio da maioría dos veciños de Touro e O Pino que vían no proxecto unha oportunidade de futuro para o comarca".