Neste mesmo martes, no mesmo día no que a Xunta anunciaba a fin do proxecto da mina de Touro e O Pino, a plataforma que leva máis de dous anos liderando e organizando a oposición ao proxecto advertía nunha nota de prensa da grave afectación que na flora e na fauna provoca a minería a ceo aberto, "a actividade industrial máis agresiva ambiental, social e culturalmente".
A plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non traballa desde dous anos e medio contra a reactivación do megaproxecto mineiro
Foi unha pedra máis das moitas que este colectivo puxo ata chegar ao día desexado, o da cancelación do proxecto megamineiro. "Nin o agardabamos nin sabíamos se chegaría ou cando chegaría, pero por fin chegou; foron dous anos e media de loita", lembra Isabel Bama, voceira da plataforma veciñal.
Pouco despois de que en agosto de 2017 Cobre San Rafael iniciase cos seus plans para reactivar o antigo proxecto mineiro, as pintadas e pancartas co lema "Non á mina" abrollaron en toda a comarca. Naceu así un movemento veciñal organizado despois baixo o colectivo Mina Touro-O Pino Non. "O proceso será longo; non imos baixar a garda nin pensar que temos algo gañado por ter apoios e máis visibilidade", dicía en Praza.gal Rubén Souto, un dos seus portavoces, ao pouco de organizarse a plataforma.
Abofé que foi longo e que mantiveron alta a garda. Axiña presentaron alegacións ás intencións do xigante Atalaya Mining, que contrarrestaba prometendo centos de empregos, achegando cartos en patrocinios ou influíndo desde patronais empresariais da zona. Continuaron con alegacións, informes sobre as graves consecuencias do proxecto e a difusión das continuas multas que a empresa impulsora recibía por contaminar ríos, regatos e terreos da contorna, xa afectados pola anterior explotación mineira, activa durante máis de tres décadas.
Mocións nos concellos, informes sobre afectacións, manifestacions, recollida de sinaturas... A mobilización cidadá foi "masiva e case unánime"
A plataforma tamén impulsou mocións en concellos que levou a que 45 municipios rexeitasen a mina, levou a cabo concentracións, andainas e manifestacións, como a tractorada que encheu as rúas de Touro en febreiro de 2018 ou a marcha que o 10 de xuño dese ano levou milleiros de persoas á Praza do Obradoiro de Compostela. Pouco despois apañou máis de 25.000 sinaturas contra o proxecto, levou as súas denuncias a Bruxelas e colaborou con colectivos en defensa da Ría de Arousa que advertían tamén das consecuencias que a contaminación do Ulla podería provocar naquela rica zona marisqueira, pesqueira e paisaxística.
Daquela colaboración coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa (PDRA) xurdiu un vídeo que chamaba a "fuxir" e "bulir" no caso de confirmarse un proxecto que traía "explosións diarias", "balsas de lodos" contaminantes, "filtrado" de materiais tóxicos ou a chegada da posible polución ao mar e á ría. Todo foi necesario para un rexeitamento que rebordou en Vilagarcía pouco antes da gran manifestación en Santiago.
Tamén ante os atrancos. A plataforma Mina Touro-O Pino Non viu como a antiga Valedora do Pobo intercedía para retirar pancartas da praza de abastos de Santiago e logo de que comunicase ao alcalde compostelán da apertura dun expediente baseado nunha "reclamación" de persoas próximas ás empresas promotoras do proxecto.
Todo acabou coa satisfacción de que lles desen "a razón". "A Xunta confirma que todo o que advertíamos era certo, de que todos os informes que elaboramos ou impulsamos dicían a verdade, que este proxecto non era viable pola súa afectación á natureza, á auga, ao patrimonio cultural e ao noso modo de vida", insiste Bama, que está convencida de que "sen a mobilización masiva e case unánime" a mina estaría "funcionando a tal hora".
"Isto tamén é unha chamada de atención para os gobernos: decisións coma estas teñen que contar sempre coa xente que habita, traballa e vive a terra"
Entre agradecementos a ducias de colectivos, asociacións, sindicatos e "a toda a sociedade galega" implicada, a plataforma promete "manterse en alerta" ante as posibles intencións da empresa de "alegar, recorrer ou facer calquera cousa para reactivar o proxecto".
Ademais, desde Mina Touro-O Pino Non cren que o ocorrido é "un exemplo" de que "coa mobilización e coa unidade pódense tamén parar empresas depredadoras como estas". "Tamén é unha chamada de atención e un aviso para este e futuros gobernos: que saiban que estas decisións teñen que contar sempre coa xente que habita a terra, que a traballa e que a vive", engade quen advirte que na comarca saben "ben" o que significa a contaminación deste tipo de minas. "Témola aínda na auga, herdada do anterior proxecto", remata.