Os concellos do Pino e Touro suman apenas 9.000 habitantes entre os dous e, alén da influencia do Camiño de Santiago, o sector agrogandeiro é esencial na súa economía local. É por iso que o feito de congregar centos de persoas -uns dous milleiros, segundo o colectivo convocante- para opoñérense á reapertura da mina de cobre inactiva dende hai 30 anos permite afirmar á plataforma convocante que a vivida este domingo foi unha mobilización "sen precedentes na comarca" pola participación veciñal e polo feito de seren quen de uniren a máis de medio cento de colectivos dos dous municipios pero tamén da ría de Arousa, onde chegan as augas do Ulla e en cuxa actividade marisqueira e pesqueira, manteñen, tería un enorme impacto a reapertura da explotación.
A antiga balsa mineira de Angumil, da que partiu este domingo a protesta, a medio camiño entre a manifestación convencional e a emblemática tractorada, é para a veciñanza a mostra máis palpable de por que non debe ser autorizado o proxecto megamineiro que promove a empresa Cobre San Rafael "da man da corporación internacional Atalaya Mining". Permitilo sería tanto como permitir morrer o modo de vida da contorna e por iso, xunto aos tractores, foron protagonistas simbólicos da manifestación os cadaleitos, as gadañas e media ducia de persoas caracterizadas como esqueletes. Sería, afirman, a morte para Touro e O Pino.
Tractores participantes na protesta / Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non
Colectivos sociais, ecoloxistas, sindicatos agrarios e representantes de En Marea e BNG secundaron tamén a chamada da Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non, a cuxas reivindicacións puxeron voz no remate da protesta un mozo e unha moza residentes na zona. "Tras máis de 30 anos de convivencia coa contaminación herdada da anterior explotación" a xente non está disposta a que Cobre San Rafael se "apodere de case 500 hectáreas de terreos agrícolas e forestais que son a base produtivoa de moitas explotacións agrarias", tampouco a que "se eliminen 341 hectáreas de masa forestal e 150 de cultivos e vexetación que nunca máis volverán producir".
Sinais dos efectos da antiga mina no rego Portapego / Plataforma Veciñal Mina Touro-O Pino Non
O proxecto basáse na planificación de "quince anos de megaminaría intensiva", con "maquinaria pesada e actividade as 24 horas do día, os 365 ano, con voaduras diarias" mediante explosivos. Apenas década e media de extracción na que se "crearían dous depósitos de residuos a catro vertedoiros que ocuparían en total case 300 hectáreas". Ou, o que é o mesmo, "unha enorme balsa de lodos que contará cun muro perimetral con capacidade para 50 millóns de metros cúbicos de residuos estériles da mina", "unha xigantesca balsa de lodos tóxicos" que porá en risco "a vida das persoas", pero tamén a auga do ulla, os acuíferos da zona da zona e o propio atractivo da ruta xacobea.
O "impacto directo nos sector do mar da Rousa" ou a "destrución de centos de postos de traballo" no sector primario completan un panorama que, din, farán "inevitable e forzoso" o abandono destas terras se a mina é autorizada pola Xunta. É por iso que, din, non admitirán que se "escusen certas deficiencias no proxecto" ou se "minimicen riscos" como, aseguran, fixeron diversos cargos da Xunta en xuntanzas coa plataforma. "Queremos que se cumpran todas as leis, que a Xunta emita informes negativos" por "todas as afectacións que o porxecto implica" e, adicionalmente, que se "promova unha completa restauración dos terreos da antiga explotación mineira, eliminando os focos de contaminación de metais pesados e drenaxe aceda".