O proxecto megamineiro en Touro e O Pino avanza entre polémica, o rexeitamento de veciñanza, entidades e formacións políticas e despois da presentación masiva de alegacións ao estudo ambiental. Atalaya Mining, xigante mineiro controlado por unha multinacional suíza, pactou entrar no capital de Cobre San Rafael para reactivar unha antiga mina de cobre situada a 27 quilómetros de Compostela. Numerosos colectivos advirten de "consecuencias moi negativas para o medio ambiente e a saúde da poboación" e, nomeadamente, a SGHN alerta das graves "deficiencias e contradicións" do informe dunha iniciativa que non descarta estender o seu ámbito de actuación moito máis aló da concesión actual e ata os 122 quilómetros cadrados. Á alarma entre a sociedade da zona engadiuse o accidente provocado a pasada semana por un helicóptero que realiza investigacións xeolóxicas nas proximidades dos terreos de Atalaya Mining. O aparello, que voaba a moi baixa altura, bateu cuns eucaliptos, deixando caer unha pesada estrutura metálica, que se precipitou sobre unha zona de monte en Loureda (Boqueixón). Falamos con Rubén Souto, un dos portavoces da plataforma veciñal Mina Touro-O Pino Non, que canaliza as protestas e as accións contra a megamina.
Houbo algunha denuncia polo accidente provocado polo helicóptero?
Houbo un grupo de veciños que si denuciaron, aínda que como plataforma aínda non o puidemos facer á espera dos papeis que legalicen totalmente a nosa situación. O que se quere é averiguar se a empresa pode voar tan baixo como para provocar ese sinistro. Sexa como for, co que non estamos de acordo e con algúns dos titulares que tives que ler por aí...
"O accidente co helicóptero fainos ter máis medo; puido ser realmente grave"
A que se refire?
Defendíase a empresa, alegando que non era un accidente senón que ese mecanismo soltouse para evitar que batese coas árbores, algo que non fai máis que caer na contradición. Se o helicóptero solta ese aparello ao apreciar un perigo é porque pasa demasiado preto das árbores, polo que aí xa hai un accidente. O que non poden é intentar facernos ver que non pasou nada e que non houbo incidente ningún.
Ese accidente engade indignación aos veciños?
Fainos ter máis medo. Se a empresa solta ese aparello intencionadamente porque considera que non hai perigo, pois poderíase desculpar, pero sóltano porque si, sen saber e sen comprobar se debaixo hai ou non hai alguén. Que tería pasado se houbese algún veciño alí traballando nunha leira, algo que era totalmente posible? Daquela estariamos falando dun accidente realmente grave.
Manteñen conversas coa empresa que proxecta a megamina?
Hai veciños que se intentan informar cos responsables, pero non hai contacto directo ningún máis aló das xuntanzas organizadas polos concellos hai xa semanas. Logo do incidente, houbo responsables de Atalaya Mining e da dos helicópteros achegáronse ao lugar do accidente, pero sempre falan desde unha suposta superioridade moral e ética, deixando claro que están por riba de todo e que todo o que fan é legal e que non vai ter consecuencias.
"En Marea e BNG defenden un 'non' rotundo á mina porque entenden, coma nós, que as consecuencias son graves e enormes"
Xa mantiveron reunións cos partidos e grupos parlamentarios, que conclusión sacan das conversas?
Houbo proposicións de lei, levouse o tema a Europa... A posición de En Marea, BNG, CxG ou EU é dun non rotundo á mina porque entenden, coma nós, que as consecuencias que pode ter o proxecto son graves e enormes e ten eivas moi grandes. O PSdeG mantense nesa posición na que non se molla, nin para o si nin para o non, aludindo á legalidade, recoñecendo carencias pero aclarando que aceptará a iniciativa de axustarse á lei. O PP, como partido de goberno que é, está nunha posición de espera aos informes e de estrito cumprimento da legalidade, nada máis.
Tamén se acaban de reunir con Bernardo Tahoces, director xeral de Enerxía e Minas, e coa subdirectora xeral de Recursos Minerais. Que avanzaron?
Analizouse o proceso administrativo e constatouse que o proxecto non é un estratéxico, polo que seguirá todos os procedementos administrativos. Facilitárannos información, que é o que nós esiximos, porque nunca nos queda claro que tempos rexen para que se lle faciliten datos aos afectados. Comprometéronse a achegárnolos.
"O proceso será longo; non imos baixar a garda nin pensar que temos algo gañado por ter apoios e máis visibilidade"
Son optimistas ou pesimistas?
É unha resposta difícil. Somos optimistas porque vemos que cada vez hai máis preocupación, que a xente está sensibilizada cada día máis co tema e descobre que as denuncias que facemos e as eivas que denunciamos existen e son reais. Hai unha maior mobilización, pero de cara ao proxecto temos que ser moi precavidos. O proceso vai ser longo e detrás hai unha grande empresa. Non imos baixar a garda nin pensar que por ter visiblidade e apoios temos algo gañado. O traballo vai ser constante e a oposición será dura e viva como o é até o de agora.
Hai quen ve unha gran semellanza neste proceso co ocorrido en Corcoesto con aquel megaproxecto cancelado...
As comparacións non só veñen desde o noso lado, senón que son diferentes asociacións ecoloxistas e implicadas naquela loita, como Contraminacción ou Salvemos Cabana, comparan os casos. Ambos os dous proxectos non son en principios moi grandes pero están abertos a ampliar enormemente a súa dimensión, as consecuencias poden ser tráxicas para a contorna e os informes presentados teñen moitas carencias. Ademais, o modus operandi que comprobamos é igual: a empresa mineira presenta un proxecto a calquera maneira por se coase e intenta seguir adiante se ninguén se opoñe.
"Vai haber 2.900 toneladas dun produto susceptible de causar cancro; os gobernos locais non poden esixirnos tranquilidade"
Prevé que o camiño a percorrer será o mesmo que naquel proceso da Costa da Morte?
As semellanzas son obvias, polo tipo de actividade que é e polo movemento en contra que se está a producir. No caso de Corcoesto, a poboación afectada era menor que neste caso, onde hai unha morea de núcleos habitados que poderían saír prexudicados. A xente ve na iniciativa mineira un problema para a saúde, para as comunicacións, para o medio ambiente, para a economía... Pero tamén advirte da afectación na vida cotiá e diaria, con explosións, movementos de terras, ruído, camión. Ademais, se vai haber 2.900 toneladas dun produto que é irritante e susceptible de causar cancro, o que non poden facer os gobernos locais é esixirnos tranquilidade.
"Non nos poden chamar alarmistas porque o alarmente é o proxecto; todos os datos preocupantes aparecen nos informes da empresa"
Cren que esaxeras os riscos?
A xente está moi concienciada e sabe ler. Non nos poden chamar alarmistas porque o alarmante é o proxecto e todos os datos e informacións preocupantes aparecen nos informes da propia iniciativa mineira. Á xente todo isto dános moito medo.