Outro expediente sancionador contra Explotaciones Gallegas, máxima accionista de Cobre San Rafael e impulsora da reapertura da polémica mina de Touro. É outra vez Augas de Galicia, organismo dependente da Xunta, quen sinala unhas obras non autorizadas na cabeceira do rego Portapego. Segundo a acta de inspección dos axentes, a empresa desviou o curso do rego e mesmo puido subtraer augas públicas.
No informe, Aguas de Galicia cualifica as actuacións de Explotaciones Gallegas como posible “figura delitiva”, ao constatar os feitos que foran denunciados pola asociación Aldea Viva.
Augas de Galicia cualifica as actuación de Explotaciones Gallegas como posible "figura delitiva" por desviar un regato sen autorización
O colectivo relatou como o pasado outono e inverno, as augas do rego Portapego, cargadas con lodos da mina, rebordaron polas rúas do núcleo de Fontedíaz, en Touro, logo de que a compañía propietara da mina levase a cabo momentos de terra e desviase parte deste rego.
“Púidose comprobar por ambos axentes unha desviación do leito natural do regato, ou ben a subtracción do curso de augas públicas, puidendo ser esta última figura delitiva dado que esta conduta debera ser catalogada como unha distracción das augas, como entendendo diso a desviación das mesmas sen contar coa pertinente autorización do organismo da conca”, di o informe.
Aldea Viva defende que o propietario da mina, “como causante, é que ten que restaurar os terreos e resolver a contaminación do Portapego”. E lembra que xa reprobou en reiteradas ocasións os investimentos públicos feitos por distintas administracións nese regato coa finalidade de “tapar as desfeitas causadas polo propietario da mina”.
“A última, a conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez que en recente visita a Touro, comprometeu 60.000 euros de diñeiro público para ampliar unha canalización coa pretensión de que os lodos da mina non entullen o leito e circulen río abaixo até o Ulla”, explica Aldea Viva, que lembra que Augas de Galicia tamén notificou ao Concello de Touro para que se absteña de dar calquera permiso ou licenza nestes terreos mentres non se resolva o expediente.
A mineira de Touro foi sancionada tres veces en medio ano por Aguas de Galicia, que certificara hai un ano que todos os ríos na contorna da mina están xa contaminados
Agora queda por determinar cal será a sanción que Augas de Galicia estableza para Explotaciones Gallegas, que en apenas medio ano recibiu tres por un total de 80.000 euros (30.000, 20.000 e outros 30.000 máis).
O organismo dependente da Xunta foi quen certificou tamén hai case un ano que todos os ríos na contorna da mina de Touro están xa contaminados, baseándose nos datos das analíticas realizadas en todos os puntos de control da contorna dunha explotación mineira que agora quere reabrir Cobre San Rafael, malia o forte rexeitamento social e político.