Nova sanción á mineira de Touro por vertidos, a terceira en medio ano

Consecuencias do último vertido da empresa mineira de Touro © Aldea Viva

A Xunta de Galicia comunicoulle á asociación Aldea Viva que incoou un expediente sancionador á empresa Explotaciones Gallegas SL, máxima accionista de Cobre San Rafael, por un novo vertido de augas residuais ao río Brandelos, afluente do Ulla, á altura da corta mineira de Bama.

"Os feitos non son novos", lembra Aldea Viva, que advirte de que xa que en setembro do ano pasado a mineira recibira unha sanción de 20.000€ polo desbordamento da mesma balsa. Os informes analíticos confirman a afectación ao curso fluvial, constatando un importante aporte de metais pesados.

A empresa foi sancionada por verter augas residuais ao Brandelos; en setembro xa fora multada polo desbordamento da mesma balsa

"A realidade é que o río Brandelos recibe constantemente as augas da balsa mineira sen que Explotaciones Gallegas, propietaria dos terreos, tome medidas ao respecto", denuncia a entidade, que se queixa das "múltiples denuncias e a constatación por parte da Administración pública de que a empresa está a cometer un neglixencia grave que se mantén no tempo". Malia iso, din, "semella curioso que Augas de Galicia cualifique a infracción como leve". 

Aldea Viva alegará para que a multa sexa grave ante  "a reiteración dos feitos e o desleixo amosado pola mineira ao non pór solución a un problema que coñece dende hai moitos anos"

Aldea Viva presentará alegacións e reclamará a tipificación da multa como grave dada "a reiteración dos feitos e o desleixo amosado pola mineira ao non pór solución a un problema que coñece dende hai moitos anos".

A asociación medioambientalista, ademais, considera que esta nova sanción é un "golpe duro ao Proxecto Touro, xa que a Xunta de Galicia non debe autorizar un proxecto de megaminería a unha empresa con semellante historial de infraccións", xa que en apenas medio ano é a terceira que recibe (30.000, 20.000 e os 30.000 que se detallan nesta nova). Son 80.000 euros nuns seis meses. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.