En Galicia as denuncias por violencia machista incrementáronse un 9,5% nos primeiros tres meses do ano, sendo nos que estatisticamente se producen menos denuncias
Os órganos xudiciais do Estado español recibiron un total de 47.865 denuncias por violencia de xénero no primeiro trimestre de 2025, un 4,28% máis que no mesmo período do ano anterior. O número de mulleres que denunciaron como vítimas foi de 43.586, polo que o Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Poder Xudicial sinala que entre o 1 de xaneiro e o 31 de marzo houbo unha media de 484 vítimas e 532 denuncias diarias.
En Galicia as denuncias por violencia machista incrementáronse un 9,5% nos primeiros tres meses do ano, sendo nos que estatisticamente se producen menos denuncias. Así, os xulgados galegos recibiron 1.887 denuncias, a gran maioría (1.583) presentadas directamente polas mulleres vítimas. Na provincia da Coruña o Poder Xudicial contabiliza 758 vítimas da violencia de xénero entre xaneiro e marzo, 571 en Pontevedra, 205 en Lugo e 153 en Ourense. Con todo, a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia está en 12, a segunda máis baixa do Estado (que de media ten 17,6), só por detrás Castela e León (con 11,1).

Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon neste primeiro trimestre 297 ordes e medidas de protección e seguridade das vítimas das violencias machistas, un 3,8% máis que en 2024. Recibiron 457 peticións destas medidas protectoras en total, o que supón un 2% de incremento a respecto do inicio do ano pasado, e concederon un 65% das mesmas. No caso dos xulgados en funcións de garda incoaron 131, das que adoptaron 78, o 59,4%, segundo os datos estatísticos publicados polo Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) este luns.
Na provincia da Coruña o Poder Xudicial contabiliza 758 vítimas da violencia de xénero entre xaneiro e marzo, 571 en Pontevedra, 205 en Lugo e 153 en Ourense
Ademais, neste trimestre inicial de 2025 os xulgados galegos impuxeron 608 medidas de protección de carácter penal, que veñen derivadas das ordes de protección e doutras medidas cautelares de protección e seguridade das vítimas. As máis frecuentes foron a prohibición de comunicación (272) e a orde de afastamento (269).
Por outra banda, os órganos xudiciais galegos ditaron 80 medidas cautelares civís, cuxa finalidade é a protección da muller e dos menores en tanto se resolve o proceso penal. Neste caso, as máis habituais (23) están relacionadas coa prestación de alimentos, 21 foron relativas á atribución da vivenda, 16 sobre a suspensión do réxime de visitas e 10 sobre a suspensión da garda e custodia.
A nivel estatal, no 44,4% dos casos a relación de parella (cónxuxe ou relación afectiva) mantíñase no momento de solicitar a orde de protección ao xulgado de violencia sobre a muller. Dous de cada tres mulleres (5.794, o 61,6%) que solicitaron protección tiñan nacionalidade española e un 1,2% do total (españolas e estranxeiras) eran menores de idade.
En canto ao resultado das denuncias, en Galicia o 89% das sentenzas ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller entre xaneiro e marzo de 2025, en procesos de violencia de xénero, foron condenatorias, unha cifra que alcanza o 80,2% nos ditames emitidos polos xulgados do penal neste tipo de procedementos; e o 87,5% nas sentenzas ditadas polas audiencias provinciais. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron a tres persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller en Galicia.
Neste trimestre inicial de 2025 os xulgados galegos impuxeron 608 medidas de protección de carácter penal. As máis frecuentes foron a prohibición de comunicación (272) e a orde de afastamento (269)
A presidenta do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero, Esther Erice, destaca que do total de denuncias interpostas por violencia de xénero, as realizadas polas propias vítimas seguen constituíndo a porcentaxe máis alta, arredor do 70% do total.
Esta porcentaxe segue sendo moi superior á das denuncias presentadas no seu conxunto por familiares, por outros servizos alleos ás instancias do sistema xudicial ou por terceiros. Por este motivo, Erice lembra que todos os anos se observa como nos meses de verán hai un incremento de feitos delituosos desa natureza, "o que fai necesaria unha maior atención, colaboración e prevención destes delitos durante o período estival".