No ano 2023 cometeuse en España un asasinato por violencia de xénero cada 6,3 días de media, é o peor ano a respecto dos feminicidios desde 2015
Ana Vanessa Serén foi asasinada pola súa exparella en Oia (Pontevedra) o 3 de xuño de 2023. Tiña 44 anos e o seu agresor 43. Ambos eran de nacionalidade española. El, que a matou cunha arma de fogo, escapou e suicidouse despois do crime. Ela denunciárao por violencia machista e tiña concedida unha orde de protección que prohibía que el se achegara a menos de 300 metros e se comunicase con ela. Ana Vanessa é a vítima número 22 das 58 mulleres que perderon a vida polo feito de seren mulleres o ano pasado no conxunto do Estado.
No ano 2023 cometeuse en España un asasinato por violencia de xénero cada 6,3 días, como ritmo medio ; un valor similar ao ritmo promedio do período entre 2003 e 2023, que indica se produciu un feminicidio cada 6,2 días. Os feminicidios son a punta do iceberg das violencias machistas, a manifestación máis letal do sistema patriarcal e do machismo que segue instalado na sociedade, por iso se considera que a violencia de xénero é un problema estrutural, porque está enraizada na propia columna vertebral do noso sistema social.
“Calquera morte, aínda que sexa unha, é inaceptable. Pero no histórico dos datos vemos como van diminuíndo os asasinatos –non as vítimas de violencia de xénero– e como exemplo podemos poñer o dato de outubro de 2004 con 60 mulleres asasinadas fronte ás 39 mulleres asasinadas ese mesmo mes deste ano. Poñer o foco en 2004 é interesante porque nese ano entrou en vigor a Lei de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, pero quero deixar claro que as cousas non van a peor, son horribles e inasumibles, pero non están peor que hai vinte anos”, asegura a xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, titular do Xulgado Penal nº 4 de Pontevedra e especializada en violencia sobre a muller.
O Informe sobre vítimas mortais da violencia de xénero e doméstica no ámbito da parella ou exparella, que elabora o Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial, mostra que 2023 é o peor ano a respecto dos feminicidios desde 2015. Rachando cos prexuízos racistas, máis da metade das vítimas e agresores tiñan nacionalidade española (55,2%). Ademais, “a análise dos datos extraídos dos expedientes xudiciais pon de manifesto que a violencia de xénero é un fenómeno criminal caracterizado pola diversidade, pois afecta a todos os ámbitos e orixes por igual: nacionalidade, clase social, idade, nivel de estudos, grupo étnico etc.”
A xuíza decana de Pontevedra, Belén Rubido, especializada en violencia sobre a muller, asegura que os datos confirman que "cando se denuncia hai menos posibilidade estatística de que che pase algo grave"
En 2023, o perfil da vítima é o dunha muller cunha idade media de 42,9 anos, nai, de nacionalidade española en algo máis da metade dos casos (55,2%), que convive co seu agresor (60,3%) e que mantén con el unha relación afectiva (70,7%), xa sexa matrimonial ou doutro tipo, no momento de producirse o crime. Do mesmo xeito que en anos anteriores, máis da metade das vítimas (58,7%) tiñan entre 26 e 45 anos, aínda que esa franxa de idade representa menos dun terzo da poboación de mulleres maiores de 15 anos.
Unha de cada catro mulleres asasinadas en 2023 (o 25,9%) presentara unha denuncia previa contra o seu agresor, o que supón 15 das 58 vítimas. Delas, cinco mantiñan a convivencia co seu agresor. A porcentaxe é notablemente inferior á rexistrada en 2022, ano no que preto da metade das mulleres asasinadas (40,8%) denunciaran a situación de violencia na que vivían. A análise da serie temporal de casos con denuncia previa mostra importantes oscilacións que van desde o 12,3% do ano 2005 ata o 40,8% de 2022.
Belén Rubido afirma que estes datos confirman que “cando se denuncia hai menos posibilidade estatística de que che pase algo grave” porque a maioría das que denunciaron non remataron no peor dos escenarios, que é o do seu falecemento. A xuíza tamén se refire aos casos nos que a muller retira a denuncia, que considera de “alto risco” porque “a muller non ten conciencia do perigo”. “Esta situación é moi frecuente na violencia de xénero polo ciclo psicolóxico do amor/odio ou da denuncia/perdón, e en moitos casos acaba coas mulleres volvendo co agresor, poñéndose máis en risco que nunca porque non hai cousa peor que non ter sistemas de autodefensa. Aí é onde a situación se volve moito peor tanto para elas como para os seus fillos e fillas”, explica.
Por outra banda, a maior parte das denuncias foron presentadas por mulleres con idades comprendidas entre os 36 e 45 anos (36,8%). O informe revela que as vítimas que denunciaron aos seus agresores pertencían a todas ás franxas de idade ata os 65 anos; non o fixeron en ningún caso as mulleres con máis de 65 anos, a pesar de que o 8,6% das asasinadas en 2023 pertencían a este grupo de idade.
O domingo é o día da semana no que se concentran máis feminicidios (36,2% dos casos en 2023), porque estamos máis tempo xuntos. Sucede o mesmo no verán (escenario de 25 dos 58 crimes machistas do ano pasado) ou en vacacións como as de Nadal. “Neses momentos nos que a convivencia é máis habitual é cando se produce o maior número de vítimas mortais”, apunta a xuíza decana de Pontevedra.
O informe do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero do Poder Xudicial indica que a maior parte das denuncias foron presentadas por mulleres entre os 36 e 45 anos (36,8%) e que ningunha muller maior de 65 anos denunciou
O fogar, común ou dun dos membros da parella ou exparella, foi o lugar no que se rexistraron oito de cada dez (77,8%) feminicidios. Unha constante no histórico de datos das violencias machistas. Aínda así, outros escenarios frecuentes foron o lugar de traballo (7%), hoteis (6%) ou mesmo a vía pública (5%).
Belén Rubido salienta que “é moi importante que o feito de quebrantar as medidas de protección ás vítimas de violencia de xénero que establecen os xulgados sexa un delito castigado con pena de prisión”. Entre os factores que actúan como agravantes para unha condena por violencia de xénero figura o feito de que se cometa a agresión ou o crime no domicilio, en presenza de menores ou quebrantando unha orde de afastamento da vítima.
O estudo do Observatorio contra a violencia doméstica e de xénero recolle que só un 12,1% dos vitimarios (cunha idade media de 47,3 anos, máis de catro anos superior á das vítimas) se entregaron tras cometer o crime en 2023. A maioría (56,9%) foron detidos e o 24,1%, suicidáronse. A respecto destes últimos, o informe revela que na súa maioría (57,1%) tiñan un vínculo matrimonial coa vítima, unha idade media de 55,3 anos e nacionalidade española en sete de cada dez casos (71,4%). A maiores, a serie histórica de datos mostra que o 64,6% dos feminicidios cometidos con arma de fogo terminaron co suicidio do agresor.
Sete de cada dez fillos e fillas das vítimas da violencia machista tiñan menos de 10 anos
Violencia vicaria: facer o máximo dano
Os datos do informe tamén indican que o 47,2% das 58 mulleres asasinadas en 2023 eran nais de nenos e nenas menores de idade. Durante 2023, dous menores foron asasinados polo seu pai ou pola parella da súa nai nun contexto de violencia de xénero. Este ano os nenos e nenas asasinados xa son nove, o que implica que son 62 os menores asasinados por violencia vicaria desde o1 de xaneiro de 2013 ata o día de hoxe.
No informe trasladan que a idade media dos dous menores asasinados en 2023 foi de 6,5 anos, moi próxima á media de idade da serie histórica, que é de 6,8 anos. Desde que hai un rexistro oficial, sete de cada dez (71,7%) fillos e fillas das vítimas da violencia machista tiñan menos de 10 anos.
O novo proxecto de lei de violencia de xénero propón que os xulgados de violencia sobre a muller non só se ocupen dos casos do eido doméstico, senón en calquera ámbito, aínda que non exista relación afectiva co agresor
“Un dos indicadores que incrementa exponencialmente o risco para as vítimas, non só para as mulleres vítimas da violencia machista senón tamén das vítimas vicarias (normalmente as crianzas), é a ameaza das autolesións porque significa que o agresor está nun momento límite no que se formula a posibilidade de acabar coa súa vida. Neste punto non ten moito que perder, por iso é cando máis perigo sofren as mulleres e as vítimas vicarias. Agora, nos protocolos do sistema VioGén, este é un dos factores que máis incrementa o risco para implementar as medidas de protección ás vítimas”, detalla Belén Rubido.
Cara a unha nova lei
O novo proxecto de lei de violencia de xénero que está en discusión propón que os xulgados de violencia sobre a muller non só se ocupen dos casos do eido doméstico, senón en calquera ámbito, aínda que non exista relación afectiva co agresor, como define o Convenio de Estambul. “Isto incrementaría exponencialmente as nosas competencias, sobre todo no tema de violencia sexual”, apunta Belén Rubido. Se este anteproxecto de lei sae adiante, será aínda máis necesario que se concedan todos os xulgados específicos de violencia sobre a muller que faltan en Galicia
“Fará que os xulgados se especialicen nesa violencia estrutural sobre a muller polo feito de ser muller, non por ser a túa moza ou exmoza; senón polo feito estrutural da desigualdade de ser muller e como te somete a maior número de expectativa de delito que outras persoas. É ese dereito que temos a volver a casa soas, sen ese medo case atávico a que nos poida pasar algo. Este cambio lexislativo contempla a violencia sobre a muller como un todo”, detalla a xuíza.
O teléfono 016 do Ministerio de Igualdade ofrece información e asesoramento ante posibles casos de violencia de xénero, e en Galicia a Xunta ten habilitado no 900 400 273 o Teléfono da Muller, ambos son gratuítos e anónimos e funcionan as 24 horas do día durante todo o ano (pero hai que borrar a chamada para que non figure no rexistro). Tamén se pode contactar co 016 escribindo na súa canle de WhatsApp co número 600 000 016, por correo electrónico no enderezo 016-online@igualdad.gob.es ou no chat online accesible desde o sitio web violenciagenero.igualdad.gob.es. Se se trata dunha emerxencia, hai que chamar ao 112 ou facer uso da aplicación ALERTCOPS, que envía unha alerta á Policía coa xeolocalización.