"Se vos identificades con estes sinais, saíde correndo": Ana Peleteiro comparte a violencia machista que sufriu

Ana Peleteiro, na inauguración en setembro do módulo de atletismo do complexo deportivo A Fieiteira (Ribeira) © Concello de Ribeira

A atleta de Ribeira relata as diferentes agresións e vexacións que sufriu nunha relación de parella no pasado co obxectivo de axudar a que outras mulleres que poidan estar sufrindo estas violencias machistas sexan quen de identificalas

“Oxalá isto sirva para que outras nenas non queden, polo menos non tantas veces”, asegura a atleta ribeirense Ana Peleteiro, que este domingo compartiu no seu perfil na rede social TikTok un vídeo no que describe as diferentes maneiras de maltrato ás que foi sometida por unha exparella.

Peleteiro diríxese, sobre todo, ás outras mulleres que a poidan ver para que saiban recoñecer as violencias machistas que se poden chegar a normalizar no contexto dunha relación de parella. O vídeo responde a unha corrente que baixo o paraugas y aún así me quedé está a provocar que numerosas mulleres fagan públicas as agresións e vexacións que sufriron nas súas relacións sen ser conscientes da súa gravidade no momento.

@apeleteirob

Y aunque parecia imposible consegui salir y ser la mejor fuerte, valiente y feliz que soy hoy en dia ❤️‍🩹

♬ sonido original - Ana Peleteiro

“Discutía comigo e ameazaba con deixarme cada vez que subía un Stories con el de calquera cousa do día a día, e aínda así quedei”, conta Ana Peleteiro neste vídeo que acumula máis de 41.000 interaccións no seu TikTok. A atleta relata como a súa exparella lle mentía abertamente e a trataba como unha controladora, con xestos como cambiar a protección de pantalla do seu teléfono móbil por un cristal que só permite ver o que aparece na pantalla mirando de fronte, alegando que ela miraba moito para o seu móbil.

“Cada vez que sospeitaba que el estaba falando con outra rapaza máis ou estaba a piques de descubrir unha das súas infidelidades dicíame que estaba absolutamente tola e que todo estaba na miña cabeza, e que ía romper a nosa relación por tanta desconfianza; e aínda así quedei”, agrega.

O nivel de violencia que viviu Ana Peleteiro chegou a tal punto que "espertaba polas noites tendo relacións sexuais sen consentimento"

O nivel de violencia que viviu Ana Peleteiro, e que a ela mesma lle custou compartir no vídeo, chegou a tal punto que “espertaba polas noites tendo relacións sexuais sen consentimento”. Este home, segundo o relato de Peleteiro, tratou de cambiar toda a súa forma de expresión externa, desde a forma de vestir á maneira de peitearse, como sucede en moitas ocasións coa violencia machista en parella.

“Cando fomos vivir xuntos dixo que a cociña era cousa miña, que el non se ía ocupar de nada que tivera que ver coas tarefas do fogar; e aínda así quedei”, continúa o relato de Peleteiro, que asegura que “se vos identificades con algún destes sinais, por favor, saíde correndo. Nunca ides ser felices e vos están facendo moitísimo dano”.

Un dos saltos de Ana Peleteiro en Toquio 2020 © COE

A ribeirense recomenda pedir axuda “porque saír dunha relación cun narcisista é moi complicado porque reducen o teu amor propio a menos vinte”, pero incide en que “con axuda, e con persoas ao teu arredor que te queren, pódese saír”.

Un día despois de compartir este vídeo, na tarde deste luns, Ana Peleteiro viuse obrigada a subir outro vídeo ao seu TikTok respondendo ás numerosas reaccións que lle recriminaban por que non denunciara na Policía os feitos que decidiu compartir ao fío dos milleiros de vídeos de mulleres de todo o mundo describindo as diferentes manifestacións das violencias machistas que sufriron no pasado, como advertencia para outras mulleres que poidan pasar polo mesmo.

"Se me pasase hoxe, coa educación sexual que teño agora, claro que iría denunciar, pero naquel momento non o puiden facer porque non era consciente do que me estaba pasando"

“Moitas persoas, cando sofren este tipo de situacións, non saben que iso non é normal, e é o que a min me pasaba. Eu cría que esa relación era normal e que tiña que aguantar ese tipo de cousas. Foi cando comecei facer terapia, cando comecei falar coas miñas amigas e familiares sobre o que me estaba a pasar, cando vin que iso non era normal e que esas actitudes non se poden permitir”, asegura, para engadir: “Se me pasase hoxe, coa educación sexual que teño agora, claro que iría denunciar, pero naquel momento non o puiden facer porque non era consciente do que me estaba pasando”.

De feito, neste segundo vídeo Peleteiro conta que foi consciente de que fora vítima de agresións sexuais por parte da súa exparella grazas a outra testemuña que compartiu as agresións que sufrira no marco dunha relación. Unha testemuña que ela tamén puido ver por redes sociais e que lle fixo decatarse de que aquilo que lle pasara era un delito. “Foi aí cando me decatei de que eu era unha muller que sufrira abusos sexuais, pero tiña iso totalmente normalizado porque eses patróns vivíaos todos os días e era a primeira vez que convivía cunha parella”, afirma.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.