Novo clamor feminista nas rúas contra a violencia machista

Unha das mobilizacións deste 25N en Vigo CC-BY-NC-SA BNG

As mobilizacións do movemento feminista en vilas e cidades pecharon unha xornada de reivindicacións e concienciación contra as agresións de xénero: "A violencia machista ten moitas formas: combatámolas todas"

"A violencia machista ten moitas formas: combatámolas todas". Foi un dos lemas que ecoou este 25 de novembro en rúas e prazas galegas para acompañar unha nova xornada de mobilizacións feministas contra a violencia de xénero. Esa idea foi o encabezamento do manifesto da Marcha Mundial das Mulleres, que canalizou gran parte das mobilizacións coas que finalizou un día inzado de reivindicación e tamén de lembranza das mulleres asasinadas.

Porque eses asasinatos, di o manifesto da marcha, son "a máxima expresión da violencia machista" e así o leva denunciando o feminismo durante décadas, evidencian. Pero esta violencia, advirten, "toma numerosas formas que tecen unha rede de opresión sobre as mulleres", especialmente nas de clase traballadora, subliñan. E todas elas, agregan, cómpre combatelas máis aínda nun contexto de "reacción da dereita e dos sectores máis reaccionarios", que dan mesmo en negar a existencia mesma da violencia machista.

Manifestación polo 25N na Coruña CC-BY-NC-SA MA

O "abandono das políticas públicas de prevención, detección, acompañamento e sensibilización fronte á violencia" ou a "normalización" dos asasinatos cunha "reacción social que se limita a continuar o reconto sen mover nada da axenda pública" son elementos que, destacan, evidencian a necesidade de manter a mobilización. Con reclamacións como máis "educación en igualdade e medidas de autoprotección", apoio "continuado" ás vítimas de violencia sexual ou reclamar a formación en igualdade da xudicatura que debe abordar os crimes.

O manifesto da Marcha tamén puxo o foco na "incomprensíbel separación das competencias de igualdade e de violencia de xénero" en dúas direccións xerais da Xunta, suprimindo como tal a antiga Secretaría Xeral de Igualdade. "As políticas de igualdade deben ser centrais na organización dun goberno que pretenda acabar coa violencia de xénero" e "a persoa que asuma o papel de rexer ou coordenar as políticas contra as violencias de xénero debería ter formación en igualdade e coñecer as alternativas feministas", advirten.

As mobilizacións organizadas polos movementos feministas contra o serán chegaron tras un día inzado de actos promovidos por organizacións sociais, forzas políticas, sindicatos e tamén multitude de institucións públicas, especialmente os concellos. 

Actos institucionais e sociais contra a violencia machista en Ourense, Lugo, Santiago e Pontevedra, este 25 de novembro CC-BY-NC-SA PSdeG | Concello de Lugo | USC | CIG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.