Anunciados en 2021 para finais de 2023 con fondos da UE, as obras para instalalos en hospitais de Ferrol, Lugo, Santiago, Vigo e Ourense estaban rematadas en xullo, pero aínda agora comezan a ser postos en servizo
A comezos de 2021 a daquela ministra de Igualdade, Irene Montero, impulsou a creación dunha rede de centros de atención integral 24 horas ao día a mulleres vítimas de violencia sexual. Tirou para facelo de fondos europeos de recuperación que o Estado repartiu entre as comunidades autónomas, responsables últimas da apertura dos centros e ás que se deu de prazo ata finais de 2023. Pero para esa data só tres comunidades cumpriran, Asturias, Cantabria e Madrid.
Agora, un ano máis tarde, e malia que as obras xa estaban rematadas o pasado xullo, a Xunta aínda está a culminar a posta en servizo dos cinco centros que haberá en Galicia -inicialmente ían ser catro-, en hospitais de Vigo, Ourense, Lugo, Santiago e Ferrol. Os cinco terán xestión privada, xa que a Consellería de Política Social decidiu externalizar o seu funcionamento contratando para levalos a OHL e Eulen.
No caso de Galicia, o Goberno galego decidiu abrir os centros en espazos reacondicionados dos hospitais Álvaro Cunqueiro de Vigo, no Gil Casares de Santiago, no Lucus Augusti de Lugo, no Novoa Santos de Ferrol e no PAC-Centro de Especialidades de Ourense, na rúa Concello, 13. E decidiu tamén subcontratar a súa xestión en lugar de asumila con persoal propio. Para iso convocou un concurso por algo máis de 3,7 millóns de euros ata finais de 2025, pero contemplando xa unha posible prórroga por dous anos máis cun importe total superior aos 8 millóns.
Un concurso que non limitou a entidades do terceiro sector, como fai con outras subcontratacións, senón abrindo a porta a empresas convencionais, ás que esixiu un "mínimo" de sete profesionais para cada centro: dúas persoas tituladas en Traballo Social, tres en Psicoloxía e unha en Dereito, así como unha sétima persoa para realizar labores administrativos.
As obras de acondicionamento dos centros estaban xa rematadas o pasado xullo, como admitiu a propia Xunta ás empresas interesadas o día 12 dese mes. Pero o concurso para a súa xestión aínda fora convocado o 16 de xuño, polo que a súa tramitación, coa valoración das ofertas presentadas, demorou a posta en marcha do novo servizo.
A Xunta decidiu subcontratar o servizo e finalmente Eulen xestionará o centro de Santiago e OHL os outros catro
O concurso convocado pola Xunta foi dividido en cinco lotes, un por cada centro, e tras a valoración das ofertas presentadas as empresas seleccionadas foron OHL para os centros de Vigo, Ourense, Lugo e Ferrol e Eulen para o de Santiago. Unha adxudicación esta última que se produce en plena polémica polas sucesivas contratacións da Xunta con ese grupo empresarial dirixido en Galicia pola irmá do ex-presidente Feijóo.
A adxudicación concretouse formalmente hai aínda dez días, pendente de revisión de documentación e formalización dos contratos, o que fixo que a Xunta fose demorando as súas previsións de apertura dos centros. Se o 3 de xullo a conselleira de Política Social, Fabiola García, visitaba o espazo habilitado en Santiago no Hospital Gil Casares e aseguraba que "os cinco centros de crise 24h estarán en funcionamento no último trimestre do ano", o 21 de setembro, nunha visita similar ao Lucus Augusti, xa estendía o prazo a "antes de que finalice o ano". E o 28 de outubro era a delegada da Xunta en Ferrol a que nunha visita ao centro desa cidade indicaba que estaría "en funcionamento a comezos do mes de decembro".
Os centros darán "asistencia inmediata, integral, interdisciplinar e especializada (xurídica, psicolóxica e social)" nun "contexto de seguridade e bo trato, que evite a vitimización secundaria"
Cos novos centros quérese "promover asistencia inmediata, integral, interdisciplinar e especializada (xurídica, psicolóxica e social) a mulleres vítimas de violencia sexual, xa sexa sufrida actualmente ou no pasado, atendendo ás súas necesidades e demandas particulares, cun apoio interdisciplinar a curto e medio prazo, que lles permita afrontar a crise e que facilite a súa recuperación". Farase nun "contexto de seguridade e bo trato, que evite a vitimización secundaria, así como os efectos negativos que ten para a vítima de violencia e abuso sexual o proceso de recoecemento da experiencia vivida". Tamén se desenvolverá a través dos cinco centros "un labor divulgativo especializado de prevención, formación e sensibilización sobre a violencia sexual".
Desde os centros ofrecerase "acompañamento integral á muller vítima de violencia sexual na asistencia a outros recursos sanitarios, sociais, policiais ou xudiciais" e daráselles asistencia psicolóxica, social e xurídica.