O Bloque pon o foco en rexeitar "a privatización de servizos de atención ás vítimas de violencia machista" tras adxudicar a Xunta a OHL e Eulen a xestión dos centros de crise para mulleres que sofren agresións sexuais
"Feliz 25N, multinacionais!". Baio este lema, "acedo e directo", o BNG lanza cara ao Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres unha campaña centrada en rexeitar "a privatización de servizos de atención ás vítimas de violencia machista".
Unha vez confirmado que os centros para vítimas de violencia sexual que a Xunta abre por orde do Estado financiados con fondos europeos terán xestión privada e que as adxudicatarias dos contratos serán as compañías OHL e Eulen, a formación soberanista coida que o 25N é a data axeitada para poñer o foco unha "decisión absolutamente indecente". E, ao tempo, ir alén de "rituais" e "efemérides disfrazadas de festexos", sinala a responsable de Acción Feminista do Bloque, a deputada Noa Presas.
Acompañada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, as tamén deputadas Mercedes Queixas e Ariadna Fernández e outras dirixentes e militantes, Presas subliña que esta campaña pretende "denunciar claramente que a violencia machista non pode ser un obxecto máis das privatizacións dos servizos públicos que exerce o PP na Xunta". "A violencia machista non é un negocio" co que beneficiar ás que sinala como "dúas multinacionais amigas do PP que van recibir por estes servizos sete millóns de euros".
"É unha irresponsabilidade que reborda calquera límite moral"
"É unha irresponsabilidade que reborda calquera límite moral", defende a parlamentaria, que ve na decisión da Xunta "unha mala noticia para as mulleres deste país", pero "boa para quen se beneficia das contratacións". "Non podemos dicir ás vítimas que non imos garantir a atención de forma pública e directa na propia sanidade pública" e que os centros van quedar "nas mans de empresas multiservizo que non garanten persoal suficiente" nin "presencialidade".
O Goberno galego, acrecenta, debera ter en conta que "o pasado ano houbo máis de 900 delitos contra a liberdade sexual" en Galicia, un crecemento do 20% que supón "o maior aumento de toda a serie histórica" e tamén a maior cifra absoluta. Estes datos chegan canda outros coma "o brutal estudo da Universidade de Vigo segundo o cal arredor de 1.500 universitarias en Galiza recoñecen ter sido vítimas dunha violación".
Un dos soportes empregados polo Bloque para difundir esta campaña son carteis de gran formato como o colocado nun soporte alugado no Ensanche compostelán, que a formación vén utilizando para difundir as súas iniciativas. Este sábado, horas antes da presentación, ese soporte apareceu aberto e o cartel, estragado. "As feministas sabemos que o feminismo molesta aos sectores máis conservadores, pero ninguén nos vai amedrentar, imos seguir aplicando esta campaña con contundencia e firmeza" e "por moito que estraguen os cartaces haberá máis, máis campañas e máis propostas", afirma Presas.