"O acoso sexual é endémico no Camiño", afirma a creadora dun grupo activo hai unha década para mulleres que teñen pensado facer soas a ruta xacobea
Mulleres que fixeron soas o Camiño de Santiago desde diferentes puntos da xeografía europea refírense a un “terrorífico” acoso sexual en zonas pouco poboadas do rural español, portugués e francés. Así o revela unha reportaxe publicada hai uns días no xornal británico The Guardian, asinada polas xornalistas Ashifa Kassam e Mabel Banfield-Nwachi, na que entrevistan nove peregrinas que contan as súas experiencias de acoso nos últimos cinco anos.
Das nove mulleres que participan na reportaxe de The Guardian, seis denunciaron os incidentes de acoso ás forzas de seguridade locais do lugar onde estaban e só nun dos casos –sinalan– chegaron a deter e procesar o agresor. Requirida a información sobre as denuncias presentadas no noso país no contexto da ruta xacobea, a Delegación do Goberno de España en Galicia trasladou a Praza.gal que “segundo os datos facilitados pola Garda Civil e a Policía Nacional, nos dous últimos anos rexistráronse 15 denuncias contra a liberdade sexual na demarcación do Camiño de Santiago ao seu paso por Galicia”.
En 2015, Miguel Ángel Muñoz Blas asasinou a peregrina estadounidense Denise Thiem preto de Astorga tras modificar o trazado do Camiño para que pasara xunto a unha finca da súa propiedade. Este caso, segundo analizan no xornal británico, abriu o debate da seguridade entre as mulleres que xa realizaran a ruta xacobea e entre as que pensaban facelo. O asasino foi condenado a 23 anos de prisión, unha pena ratificada polo Tribunal Supremo.
Ese mesmo ano creouse o grupo privado de Facebook Camigas, que ten preto de 37 mil membros e está especificamente pensado para mulleres que teñen pensado facer soas o Camiño de Santiago desde calquera lugar do mundo, para que conecten entre elas “por compañía e seguridade”. A súa fundadora, Lorena Gaibor, asegura a The Guardian que “o acoso sexual é endémico no Camiño”.
A Delegación do Goberno incide en que se trata de "casos moi puntuais, debido a que afectan ao 0,003% do total de mulleres que realizaron o Camiño durante estes anos, máis de 460.000"
A xornalista francesa Marie Albert relatou nun artigo publicado na revista We Demain as distintas agresións que sufriu ao longo do Camiño Norte en 2019. Un home tratou de agarrala, outro masturbouse diante dela, outro fíxolle xestos obscenos coas mans e a boca, outro realizoulle comentarios sobre o seu físico, outro insultouna, outro seguiuna pola rúa... Marie Albert coincidiu na súa chegada a Santiago, tras recoller a Compostela (a credencial dos peregrinos), con outra peregrina francesa que compartiu con ela como fora acosada “tres veces seguidas” por “tres homes distintos” en Burgos.
Os datos da Policía e Garda Civil que manexa a Delegación do Goberno indican que houbo sete denuncias en 2023 e oito no que vai de ano por delitos contra a liberdade sexual no contexto do Camiño en Galicia. “Trátase de denuncias de agresións sexuais sen acceso carnal, maioritariamente exhibicionismo e comentarios ofensivos cara ás persoas”, abundan desde a Delegación, que incide en que se trata de “casos moi puntuais, debido a que afectan ao 0,003% do total de mulleres que realizaron o Camiño durante estes anos, máis de 460.000”.
“Podemos afirmar que o Camiño de Santiago en Galicia é seguro para as peregrinas”, defende a Delegación do Goberno. As mulleres representan xa o 53% das persoas que realizan o Camiño, moitas das veces en solitario, por iso desde o ano 2021 está en marcha a campaña informativa #NoCaminasSola en Galicia, Aragón, Navarra, A Rioxa, Castela e León e Estremadura dirixida a reforzar a súa protección. Recoméndase ás peregrinas planificar o camiño con antelación, ir sempre identificadas, informar a familiares e amigos da posición e lugar en que se atopan, levar un teléfono móbil con batería suficiente, non descoidar as pertenzas e camiñar por lugares seguros e máis concorridos. Tamén promoven que instalen a aplicación móbil AlertCops para poder comunicarse coa Policía ou a Garda Civil en caso de necesidade, e enviar a súa xeolocalización, así como imaxes e vídeos.
Ademais, desde a Delegación do Goberno informan de que hai catro Oficinas móbiles de atención ao peregrino despregadas polos distintos treitos "para facer do Camiño unha experiencia máis segura para as persoas que o realizan". "Este servizo compleméntano policías estranxeiros que son comisionados para prestar apoio durante os meses de maior afluencia do Camiño", agregan.
Unha das testemuñas que logrou reunir o diario británico The Guardian reflexiona sobre como a cuestión da súa propia seguridade supón un reto máis para as mulleres que realizan o Camiño de Santiago soas. Esta muller, que relata unha agresión de tipo sexual en terreo portugués, afirma que isto afecta por completo a como as mulleres poden gozar da experiencia do Camiño.
"As agresións que se están a relatar no Camiño falan da impunidade dos homes que manteñen ese tipo de condutas vergoñentas, polas que aínda moitas veces sentimos vergoña as mulleres, que somos as vítimas", di Victoria Canosa
En decembro do ano pasado a Garda Civil detivo en Nájera (La Rioja) a un home por agredir sexualmente a unha muller alemá de 24 anos que estaba a realizar o Camiño soa. A peregrina quedara sen sitio no albergue e pediu indicacións o home para continuar a ruta, pero este ofreceulle a súa vivenda para pasar a noite. Unha vez nela retívoa contra a súa vontade e agrediuna, ata que ela logrou escapar de alí e acudiu a unha comisaría a denunciar.
“Non teñen que ser agresións das consideradas das máis graves porque as agresións que se están a relatar no Camiño falan da impunidade dos homes que manteñen ese tipo de condutas vergoñentas, polas que aínda moitas veces sentimos vergoña as mulleres, que somos as vítimas, por ter que denunciar esa clase de condutas. Seguramente queden moitas agresións sen denunciar polas dificultades que temos xa de por si na nosa contorna. Penso en todas as veces que unha muller ten medo a denunciar por se non a van crer ou mesmo por se a van xulgar por denunciar”, debulla Victoria Canosa, psicóloga sanitaria en Ourense e colexiada no Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.
“A ver se empezamos a cambiar o foco e que estes casos non queden só entre vítima e agresor. Agora que identificamos como violencia estas actitudes hai que sacarlle as cores a quen se sinte na liberdade de actuar así”, propón a psicóloga, que explica como as mulleres “estamos máis alerta”, pensando en que se poida producir a agresión: “Iso deixa unha pegada na persoa, trátase dunha experiencia realmente adversa”.
No filme Todas as mulleres que coñezo, de Xiana do Teixeiro, a xornalista e poeta Nieves Neira Roca comparte a súa experiencia nun treito do Camiño Primitivo, ao seu paso pola Fonsagrada, e o medo que sentiu tras atopar un home en coche. “A película fala de como ás persoas que somos socializadas como mulleres nos condiciona ese terror sexual en forma de relato, de violencias simbólicas, no que nos educan; e tamén a acumulación de agresións que imos recibindo, sempre con relación ao espazo público. Cada día da vida, como facemos para estar en espazos públicos tendo en conta como nos educan e como funcionan aquí eses espazos públicos con respecto ás violencias machistas, sobre todo de tipo sexual”, describe a cineasta.
"Protexernos sempre está ben, pero tampouco podemos permitir que a protección nos limite ata tal punto que deixemos de poder desenvolver as nosas vidas", salienta a psicóloga Victoria Canosa
É un documental participativo gravado no verán de 2017, antes do Me Too e da primeira folga feminista no Estado español. Parte de testemuñas persoais dun grupo de mulleres e aí xorde o tema de viaxar soa. Na vivencia que comparte a xornalista Nieves Neira conta como días despois, xa na redacción do xornal para o que traballaba, un compañeiro lle comenta que fora moi valente porque nesa zona hai moitos lobos. Todas as mulleres da película comprenden o irónico da pregunta, pois ela, en todo caso, de quen tivo medo foi dos homes. [Todas as mulleres que coñezo pode verse na plataforma Filmin]
“Falta esa confianza de que podes contar iso que che pasou”, apunta a psicóloga Victoria Canosa, que ten atendido a mulleres vítimas das violencias machistas. Canosa afirma que unha experiencia como as que relatan estas mulleres pode chegar a “limitar” a unha muller na súa vida. “Ao final, deixas de facer cousas para as que tes todo o dereito, como camiñar por calquera sitio, por este tipo de acontecementos, por non sentirte o suficientemente segura”, lamenta. “Protexernos sempre está ben, pero tampouco podemos permitir que a protección nos limite ata tal punto que deixemos de poder desenvolver as nosas vidas –incide a especialista–. A ver se por fin podemos poñer os recursos necesarios para que os homes non se sintan con esa liberdade e comprendan que estas agresións non teñen cabida na nosa sociedade”.