As ordes de protección a vítimas de violencia machista aumentaron un 17% en Galicia no verán

Acto contra a violencia machista en Vigo CC-BY-NC-SA Galiza Contrainfo

Os xulgados galegos que asumen os casos de violencia sobre a muller concederon entre xullo e setembro deste ano 355 ordes e medidas de protección e seguridade, un 16,8 % máis que nas mesmas datas de 2022. En total, foron 521 as peticións recibidas para esta medida protectora —un 5,9 % máis que en 2022—, das cales foron concedidas o 68 %. Ademais, os xulgados en funcións de garda incoaron 110, das que adoptaron 72, o 65,4 %.

Os xulgados galegos concederon no terceiro trimestre do ano 355 ordes de protección, o que supón un aumento do 17%

Son os datos estatísticos feitos públicos este venres polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX). Deles tírase tamén que durante ese terceiro trimestre, os xulgados galegos rexistraron 1.856 denuncias por violencia de xénero, practicamente as mesmas que no mesmo período de 2022, cando recibiron 1.854. A gran maioría (1.499) chegaron aos órganos xudiciais a través de atestados policiais con denuncia das vítimas, mentres que as interpostas pola contorna das vítimas (41) apenas alcanzaron o 2,2 % do total.

O número de denuncias por violencia de xénero foi case o mesmo que no terceiro trimestre de 2022: 1.856

Estas 1.856 denuncias supoñen a cifra máis alta en Galicia no terceiro trimestre como mínimo nos últimos quince anos. Os datos, que inciden no aumento das denuncias nos meses de verán con respecto a outros trimestres, teiman na tese de que é este período vacacional o máis perigoso en canto á violencia machista contra as mulleres, como corroboran numerosas expertas.

De feito, no conxunto do Estado rexistrouse un novo máximo de denuncias e vítimas de xénero, con máis de 50.000 nun trimestre e un 8% máis que no mesmo período do pasado ano. 

En conxunto, nos nove primeiros meses de 2023, foron 5.300 as denuncias presentadas por violencia de xénero en Galicia, 62 menos das que se presentaran nos primeiros tres trimestres de 2022. Supón un lixeiro descenso do 1,2%. 

Os xulgados galegos ditaron entre xullo e setembro 500 sentenzas en procesos de violencia de xénero e máis do 80% delas foron condenatorias

Xa que logo, a taxa de violencia de xénero (mulleres vítimas por cada 10.000 mulleres) en Galicia situouse no 13,3, a máis baixa do Estado, cuxa media está en 21,4.  

Ademais, no terceiro trimestre do ano rexistráronse 17 menores tutelados vítimas de violencia de xénero, fronte aos 22 das mesmas datas de 2022. Neste último dato contabilízanse os fillos e fillas de vítimas sobre os que o maltratador exerceu violencia de forma directa.

Manifestación en Pontevedra polo 25 N CC-BY-SA Marcha Mundial das Mulleres

Por outra banda, os xulgados de violencia sobre a muller, xulgados do penal e as audiencias provinciais de Galicia ditaron entre xullo e setembro en procesos de violencia de xénero 500 sentenzas, das cales 417, é dicir, o 83,4 %, foron condenatorias. No período estudado, os xulgados de menores axuizaron cinco persoas por delitos relacionados con violencia sobre a muller.

Segundo os datos estatísticos do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, no país aumentaron un 71,3 % os casos de vítimas que se acolleron á dispensa para non declarar, pois no terceiro trimestre optaron por esta opción 137 mulleres, fronte ás 80 que o fixeron nas mesmas datas de 2022.

Por último, e en canto aos datos relativos ás medidas civís ditadas polos xulgados de violencia sobre a muller para protexer aos fillos das vítimas, que reflicten as modificacións legais introducidas na Lei Orgánica de protección integral á infancia e a adolescencia fronte á violencia, reflicten que entre xullo e setembro os órganos xudiciais galegos adoptaron 32 medidas consistentes na suspensión do réxime de visitas, case as mesmas que no mesmo período de 2022, cando decretaron 37.

Abrindo o foco, os datos falan de que 68 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex-parellas dende o ano 2003. En todo o Estado español o número supera amplamente as 1.200, máis que todas as vítimas mortais do terrorismo de ETA, unhas 850. As cifras da violencia machista poden ser maiores se se teñen en conta os asasinatos dos fillas e fillas e outros feminicidios non contemplados nas estatísticas oficiais do Ministerio de Igualdade ao abeiro da Lei de Violencia de Xénero. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.