68 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas dende o ano 2003. A maior parte tiñan entre 31 e 50 anos (33 delas, case a metade do total, estaban neste grupo de idade), pero a violencia machista afecta a todas as idades
68 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas dende o ano 2003. En todo o Estado español o número supera amplamente as 1.200, máis que todas as vítimas mortais do terrorismo de ETA, unhas 850. As cifras da violencia machista poden ser maiores se se teñen en conta os asasinatos dos fillas e fillas e outros feminicidios non contemplados nas estatísticas oficiais do Ministerio de Igualdade ao abeiro da Lei de Violencia de Xénero.
Neste 25 de novembro, Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres, esta cuestión volve poñerse sobre a mesa en declaracións e campañas institucionais e manifestacións nas rúas. Os números son só números, aínda que subliñen unha realidade. Detrás deles están os nomes das asasinadas, das maltratadas, das mulleres que teñen que sufrir un inferno día a día nos seus fogares. Hai catro anos a Deputación de Pontevedra pendurou das súas instalacións un listado cos nomes das máis de mil asasinadas, nomes como Estrella, María Jesús, Catalina, Sandra, Isabel, María Elena, Carmen ou Alba, unha iniciativa tamén impulsada por outras institucións.
No conxunto do Estado as asasinadas son máis de 1.200, superando o número de vítimas mortais do terrorismo de ETA
A estatística oficial do Ministerio de Igualdade informa que, desas 68 mulleres asasinadas, a maior parte tiñan entre 31 e 50 anos (33 delas, case a metade do total, estaban neste grupo de idade), pero a violencia machista afecta a todas as idades, con 11 mulleres entre 18 e 29 anos, 10 entre 51 e 60, 7 entre 61 e 70 e 6 por riba dos 71 anos.
Este venres na súa Declaración Institucional, a presidenta do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero e vogal do Consello Xeral do Poder Xudicial, Ángeles Carmona, respondía á pregunta de se todas estas mortes se poderían ter evitado: "a resposta é única: si. Cada muller asasinada, cada neno e cada nena que quedan orfos e orfas poñen en evidencia un fallo do sistema que todos os que nos dedicamos a combater a violencia machista debemos asumir como propio". E finalizaba enviando "unha mensaxe de alento e apoio ás vítimas da violencia machista que loitan cada día para saír adiante" e subliñando que "poden estar seguras de que hai saída da espiral de violencia que as atrapa”.
Dende o ano 2009 presentáronse en Galicia máis de 85.000 denuncias por violencia de xénero, unhas 20 por día
Seguindo con cifras, dende o ano 2009 presentáronse en Galicia máis de 85.000 denuncias por violencia de xénero, entre 6.000 e 7.000 por ano, unhas vinte por día. A tendencia, como se ve neste gráfico, é crecente e o pasado ano 2022 superouse o récord histórico de denuncias presentadas, con 7.029.
En setembro superouse o récord histórico de chamadas dende Galicia ao número 016
Outro indicador á alza é o que informa do número de chamadas pertinentes recibidas no número 016 de información, asesoramento xurídico e de atención psicosocial inmediata a todas as formas de violencia machista. O número de chamadas dende Galicia foi no pasado ano 2022 dunha 4.500 e neste 2023 está a superar todos os récords, con case catro mil só entre xaneiro e setembro, no que se acadou o máximo histórico nun só mes: 546.
Declaracións institucionais e demandas
"Non podemos consentir este terrorismo machista, debemos berrar contra o machismo, contra quen intimida, ameaza e dana a unha muller polo feito de ser muller”
Este venres o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, advertiu contra a permanencia do machismo na sociedade “que dá soporte e alento a eses homes que deciden matar ás súas parellas e ás nais dos seus fillos e fillas” e concluíu que "non podemos consentir este terrorismo machista, debemos berrar contra o machismo, contra quen intimida, ameaza e dana a unha muller polo feito de ser muller”.
No acto, celebrado na Coruña, participaron entre outras representantes institucionais a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, ou o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde. No medio dun grupo de cadeiras baleiras colocouse unha faixa onde, sobre fondo negro, estaban escritos os nomes das máis de mil mulleres asasinadas nos últimos vinte anos. O delegado explicou que “estas cadeiras son o baleiro que deixan na nosa sociedade. Son tamén familias rotas, amizades perdidas, compañeiras de traballo que non volveron".
A Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller (ASOCIM) puxo o foco na situación dos CIM rurais e na violencia dixital que sofren as mulleres
Pola súa banda, a Asociación de Profesionais de Centros de Información á Muller (ASOCIM) puxo o foco na situación dos CIM rurais e na violencia dixital que sofren as mulleres. A entidade reclama o reforzo e a ampliación dos Centros de Información á Muller, especialmente nos núcleos rurais cunha gran dispersión e envellecemento da poboación que continúan maioritariamente desatendidos.
Recentemente o Tribunal de Contas suxeriu unha revisión no deseño do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para optimizar a asignación de fondos a aquelas áreas de maior risco municipal e aos colectivos máis vulnerables, entre os que se atopan as mulleres maiores de 65 anos que, dada a súa idade e a imposibilidade de acceder ao mercado laboral, quedan fóra de moitas axudas.
A Deputación da Coruña, pola súa banda, celebrou este venres no Pazo Provincial o acto institucional polo 25N. O presidente, Valentín González Formoso e a deputada de igualdade, Soledad Agra, interviron nun acto que contou tamén coa actuación musical do dúo Caamaño & Ameixeiras. O presidente afirmou que a Deputación “combate de fronte a violencia de xénero en todos os ámbitos”, e aludiu ao discurso negacionista e “aos que prentenden derogar leis e recortar dereitos e liberdades no eido da igualdade”, engadiu.
Concentracións
O movemento feminista convocou para este sábado concentracións e manifestacións nunha trintena de cidades e vilas galegas
O movemento feminista convocou para este sábado concentracións e manifestacións nunha trintena de cidades e vilas galegas, mobilizacións que terán lugar principalmente pola tarde, pero varias das convocatorias adiántanse a este mediodía. No seu manifesto, titulado 'Organicémonos contra as violencias machistas', a Marcha Mundial das Mulleres subliña que "achamos máis que imprescindíbel a autoorganización das mulleres, a autoorganización da loita feminista para combater este sistema que nos condena"