No mes de xullo que vén de finalizar foron oito os asasinatos machistas cometidos no Estado. Só nos últimos días, tres os casos de violencia de xénero que acabaron coa morte de tres mulleres: unha moza de 22 anos en Sevilla o pasado luns, unha de 29 anos en Barcelona o día 30 e outra en Girona de 26 apenas 48 horas antes.
Supón o xullo máis tráxico en canto á violencia machista desde que no mesmo mes de 2019 foran dez as mulleres asasinadas polas súas parellas ou ex-parellas. Estes datos corroboran a tese da que o pasado martes advertiu a delegado do Goberno contra a Violencia de Xénero, Victoria Rosell, logo da reunión do comité de crise sobre violencia machista que xunta comunidades autónomas, ministerios de Interior e Xustiza, unidades de Violencia sobre a Muller e a fiscal da Sala Delegada neste ámbito.
Os datos e as conclusións das persoas expertas advirten de que os meses de verán e de vacacións aumentan o risco de violencia machista e de máis asasinatos
"O verán é unha época, ou o mes de xullo concreto, especialmente comprometida. Hai que estar especialmente alerta ante a violencia de xénero máis extrema", dixo Rosell ao saír dun comité que se reúne cando nun mesmo mes se concentran cinco ou máis feminicidios, como aconteceu en decembro, xaneiro, maio e este pasado xullo.
Xa un estudo do Ministerio de Igualdad que analizaba o período entre os anos 2003 e 2017 advertía de que os meses de verán "son os que máis asasinatos acumulan", unha advertencia que os expertos fixeron sempre.
"Comparto esa tese que, ademais, é demostrable con datos", explica Concha Fernández, coordinadora da Comisión feminista do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia (COPG). "En épocas vacacionais é moito maior o tempo de convivencia das parellas e aumentan as posibilidades de que existan situacións de maltrato e abuso, de que se exerza o poder sobre decisións cotiás que non están rutinalizadas. As cifras así o demostran ano tras ano", engade.
"En vacacións hai máis tempos de convivencia e aumentan as posibilidades de maltrato e abuso, de que se exerza o poder sobre decisións cotiás que está fóra da rutina"
"Cando hai convivencia xorden máis enfrontamentos que non se ven alterados por rutinas como ir a traballar, por exemplo", explicaba en infoLibre, nunha información de Lara Carrasco, o ex-delegado do Goberno de España contra a Violencia de Xénero, Miguel Lorente, que engadía o aumento do risco tamén nas ex-parellas, aínda que esa convivencia xa non exista. "Os agresores, malia a separación, continúan controlando. Durante o año élles sinxelo porque saben as rutinas da súa ex-parella, pero no verán iso muda e a perda de control lévaos a asasinar", insistía.
"Creo, ademais, que durante este pasado xullo ocorreu algo adicional, cun contexto extra que cimentou a violencia", explica Concha Fernández. "Nos últimos meses, especialmente de maio cara a aquí, houbo un contexto electoral no que grupos de extrema dereita organizados viron amplificados mediaticamente os seus discursos negacionistas da violencia, discursos defensores de colocar o feminismo e as mulleres sometidos ao poder e á violencia dos homes", engade, tras afirmar que este ambiente "favorece que se exerza maior violencia machista e que o resultado sexan asasinatos máis frecuentes".
Segundo os expertos, nos últimos meses engadiuse "un contexto que cimentou a violencia": "O negacionismo da extrema dereita foi amplificado mediaticamente polo ciclo electoral"
"Hai unha polarización social visible e un alto impacto deste discurso negacionista da violencia de xénero, contra o feminismo e contra os avances na igualdade e no empoderamento", insiste Fernández, en liña con outras voces expertas que sinalan non só eses discursos senón tamén decisións que se levaron a cabo en concellos ou autonomías gobernadas por PP e Vox, como a eliminación de institutos da muller ou consellerías de igualdade. Unha forma de normalizar ou lexitimar o negacionismo.
Precisamente, este pasado mércores, os sinais contra a violencia machista recentemente instalados polo Concello en Lugo volveron ser boicoteados. "Unha vez máis, temos que lamentar un acto vandálico na cidade vinculado co negacionismo da violencia de xénero, ideario no que están instalados os partidos da dereita", lamentaba a alcaldesa, a socialista Lara Méndez, quen agrega que "mentres se branquean este tipo de violencias polo mero feito da nosa condición de mulleres, só neste mes de xullo asasinaron oito mulleres" en diversos puntos do Estado. "Todo o que non sexa loitar contra a violencia machista é ser cómplice da mesma!", conclúe.
As mensaxes á mocidade
"Este ano, ao estrutural que ten o período estival uníuselle o negacionismo que vimos nos dous procesos electorais. Iso xera desconfianza ás vítimas e reforza o agresor", engadía Lorente en infoLibre.
Ante esta nova vaga de asasinatos machistas no Estado, Victoria Rosell reclamou á sociedade que sexa "intolerante" ante calquera tipo de violencia contra a muller. "Se somos intolerantes, as mulleres saberán que estamos aí para cando nos necesiten. Este rexeitamento a toda forma de violencia salva vidas", insistiu quen alertou do "silencio cómplice ou encubridor".
Ademais, destacou outro factor durante a rolda de prensa do pasado martes: que as tres últimas vítimas en España de violencia machista non chegaban aos 30 anos de idade. E advertiu que as mensaxes que chegan á mocidade "non poden ser de relativización, nin moito menos de negacionismo".
"É así. Os últimos informes ou macroenquisas que se fixeron sobre igualdade e violencia de xénero indican que este discurso negacionista e antifeminista vai medrando entre os mozos máis novos, que ven cuestionados os seus privilexios e posición social e desenvolven actitudes e comportamentos violentos coas mulleres", explica Concha Fernández.
Así, un informe de Unicef presentado o pasado febreiro indicaba que os nenos e nenas españois están cada vez menos preocupados pola desigualdade, o machismo e a violencia de xénero. Pasando este problema de ocupar o primeiro lugar na primeira edición do barómetro (2019-2020) a situarse no 13º no último. Noutros estudos, e malia que unha maioría de xente nova se identifica co feminismo, máis dun terzo dos mozos consideraba que o movemento "busca prexudicar os homes" e case un 40% que "non se ocupa dos problemas reais".
"O problema ten complicada solución; os negacionistas da violencia de xénero son os que poñen os 'pins' parentais nas escolas"
Para Concha Fernández, o que ocorre entre a mocidade "tamén ten que ver co maior eco que teñen os discursos negacionistas". "Fíxate que entre os máis novos a opción de voto rompedora e rebelde é a extrema dereita, o partido que defende estes discursos. Hai unha conexión entre estes elementos", di.
Para a coordinadora da Comisión feminista do COPG, o problema "ten moi complicada solución". "O fácil é dicir que fai falta educación sobre dereitos, sexualidade e respecto á diversidade, pero os mesmos que amplifican e difunden discursos negacionistas da violencia de xénero e cualifican de ideoloxía de xénero calquera avance en dereitos ou feminismo son os que poñen os pins parentais na escola", advirte quen vai máis aló da necesidade evidente de campañas de información e de concienciación.
"O discurso da extrema dereita calla entre familias e profesorado; hai quen non se mete en enredo ningún e a autocensura é perigosa"
"Non só é o que fan, senón que o discurso calla entre as familias e o profesorado. A menos que exista unha conciencia enorme e un traballo firme previo, os docentes non se van meter en enredo ningún. Esta autocensura e busca da equidistancia é perigosa, por iso lle vexo un mal prognóstico á situación", engade Fernández que, con todo, aclara que moitas das reaccións que agora se dan á contra "xorden porque se vai avanzando e se van dando pasos, como a lei do só si é si, con todas as súas dificultades, a lei trans ou un movemento feminista forte e vitalista".
"Hai formas de resistencia ante estes avances; non son pesimista pero a situación non é doada. Unha das solucións pasa porque os medios de comunicación social exercesen unha maior responsabilidade social con este tema, sen amplificar nin dar cabida a discursos negacionistas ou directamente antifeministas e contra os dereitos civís", remata.