Este 25 de novembro o movemento feminista fíxose escoitar por todo o territorio galego para reclamar a fin da violencia machista. A Marcha Mundial das Mulleres convocou concentracións e manifestacións nunha trintena de cidades e vilas galegas, mobilizacións que tiveron lugar principalmente na última hora da tarde aínda que algúnhas xa foron ao mediodía.
A Marcha Mundial das Mulleres no seu manifesto, titulado 'Organicémonos contra as violencias machistas', defende que "achamos máis que imprescindíbel a autoorganización das mulleres, a autoorganización da loita feminista para combater este sistema que nos condena". Organicémonos contra as violencias machistas, A nosa loita é pola vida ou Contra a violencia patriarcal, feminismo radical, foron algúns dos lemas das mobilizacións que percorreron Galicia
Dende o ano 2003 68 mulleres foron asasinadas en Galicia polas súas parellas ou ex parellas . En todo o Estado español o número supera amplamente as 1.200, máis que todas as vítimas mortais do terrorismo de ETA, unhas 850. As cifras da violencia machista poden ser maiores se se teñen en conta os asasinatos dos fillas e fillas e outros feminicidios non contemplados nas estatísticas oficiais do Ministerio de Igualdade ao abeiro da Lei de Violencia de Xénero.