A Xunta corrixe con catro sindicatos o acordo educativo cun pacto que CIG-Ensino estuda denunciar

A Xunta asina unha addenda ao 'Acordo de mellora do sistema educativo' de 2023 con CCOO, ANPE, UGT E CSIF CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

En outubro de 2023, hai dous anos e medio, os sindicatos CCOO, ANPE e UGT asinaban coa Xunta o Acordo para a Mellora do Sistema Educativo de Galicia. Coa presenza dos representantes das tres centrais e o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pero tamén co presidente da Xunta, Alfonso Rueda, o pacto que pretendía a redución do número máximo de alumnos por aula e dos horarios lectivos dos docentes, ademais de melloras salariais e simplificación das súas tarefas burocráticas. 

O conselleiro de Educación asina con CCOO, ANPE, UGT e CSIF unha addenda ao pacto firmado en 2023 e no que xa non estaba a CIG, sindicato maioritario no ensino

CIG-Ensino, sindicato maioritario no ensino en Galicia e na mesa sectorial do sector, decidira non asinar e quedar fóra dun acordo que definiu como "da infamia" e polo que convocou, desde aquela, varias folgas contra este pacto ou para denunciar as eivas na ensinanza pública que, segundo advirten, non se arranxaron desde aquela. 

Entre críticas dos sindicatos asinantes, CIG-Ensino mantivo a mobilización e só neste curso levou a cabo —co apoio do STEG, a CUT, numerosas ANPAs e diversos colectivos de docentes organizados— xa varias xornadas de protesta e cinco xornadas de folga, algo "insólito desde a década dos 80", como destacan. Precisamente, nesta semana remataron tres dos 16 peches de profesorado organizados pola central nacionalista nos últimos quince días

Peche de profesorado no IES Agra de Raíces de Cee CC-BY-NC-SA CIG-Ensino

O acordo limítase a eliminar a cláusula que instaba a diferir a negociación para reducir horas lectivas ao momento na que se abordase a xornada de 35 horas para todo o persoal da Xunta

Ao tempo, neste venres, a Xunta anunciou a sinatura doutro acordo cos mesmos sindicatos que se firmara o pacto hai máis de dous anos (CCOO, ANPE e UGT) e mais co CSIF para "avanzar na redución do horario lectivo do profesorado de Secundaria e, deste xeito, progresar nos prazos de implantación do calendario fixado inicialmente no acordo para a mellora do sistema educativo galego selado a finais de 2023", tal e como indica a Consellería de Educación. Un pacto sobre o que CIG-Ensino xa estuda levar a cabo "accións legais". 

O conselleiro, Román Rodríguez, foi o encargado de asinar esta "addenda ao devandito acordo" pola cal se "progresa na negociación para regular a diminución da xornada lectiva do persoal docente de Secundaria das 20 horas semanais actuais ás 18 horas". Fíxoo no marco da comisión de seguimento do acordo na que estivo acompañado este venres polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez. 

Tal e como aclara CCOO, esta sinatura é "unha precisión de carácter técnico que permita unha aplicación coherente dos compromisos asumidos, sen alterar a súa finalidade nin o contido esencial". En concreto, consiste en eliminar unha cláusula, a que facía referencia ao paso de todo o persoal da Xunta  á xornada laboral de 35 horas semanais, dado que a previsión no outono de 2023 era que esa medida se materializase axiña. "Ao non terse producido ese cambio con carácter xeral, esa referencia quedou sen efectos prácticos", aclara o sindicato.

Por iso, decídese eliminar esa cláusula concreta, que instaba a diferir a negociación para a redución de horas lectivas ao momento no que se abordase a implantación das 35 horas a todo o persoal da Xunta. E faise para "evitar que unha previsión sen efectos reais condicione ou atrase outras medidas xa previstas no acordo", indica CCOO. "Aclárase o marco de aplicación do acordo e facilítase o desenvolvemento doutras actuacións nel recollidas".

A Xunta asina unha addenda ao 'Acordo de mellora do sistema educativo' de 2023 con CCOO, ANPE, UGT E CSIF CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

"É unha precisión técnica que permite unha aplicación coherente dos compromisos asumidos, sen alterar a súa finalidade nin o contido esencial", aclara CCOO

Para a Consellería, esta addenda asegura que a redución do horario lectivo en Secundaria "sumarase ás melloras xa vixentes desde o curso pasado para os mestres de Infantil e Primaria", que pasaron de 25 ás 23 horas lectivas, situándose así Galicia "no grupo de cabeza de comunidades con menos horas". 

Para os sindicatos asinantes, a sinatura desta addenda permitirá abordar a redución do horario lectivo para o profesorado de Secundaria, Bacharelato, FP e Ensinanzas de Réxime Especial, coa previsión de que os primeiros cambios teñan efectos xa no inicio do curso 2026-2027.

O acordo acadado en 2023, criticado pola CIG-Ensino e que foi levado aos xulgados polo seu "incumprimento" por parte dos sindicatos asinantes, é de "aplicación progresiva", segundo a Xunta, e "abrangue medidas estruturais do sistema, enfocadas principalmente a unha atención máis excelente e personalizada do alumnado, así como melloras das condicións do profesorado". 

CIG-Ensino reaccionou ao pouco de coñecerse a sinatura desta addenda, cualificando de "escandaloso" que se anuncie que se "avanza na negociación da recuperación horaria" sen concretar "ningunha mellora para o profesorado nin para o ensino público". 

Laura Arroxo, secretaria nacional da CIG-Ensino, anunciando mobilizacións no inicio do curso 2025/2026 CC-BY-SA CIG-Ensino

Ademais, o sindicato nacionalista advirte que, "despois de dous anos e medio de vixencia" do pacto, a única modificación que se fai é "emendar o texto no sentido en que pedía a CIG en outubro de 2023, desligando a redución horaria en Secundaria da negociación das 35 horas semanais para o persoal empregado da Xunta". 

Así, CIG-Ensino anuncia que "estudará accións legais" ante unhas medidas que, denuncia, "exceden o ámbito do Acordo e teñen que ser negociadas na Mesa Sectorial". Tamén lembraque calquera redución horaria "ten que ir da man do incremento do número de docentes para que non aconteza o mesmo que en Infantil e Primaria". 

A CIG-Ensino anuncia que xa estuda accións legais contra a medida por "exceder" o ámbito do acordo educativo e avisa de que o pacto non supón "ningún avance real"

"A comisión de seguimento do acordo é precisamente para facer seguimento do mesmo e non para negociar cuestións que son de Mesa Sectorial. Mediante esta estratexia non se está deixando fóra da negociación áa CIG, que ten 8 membros de 15 na mesma, senón á representación maioritaria do profesorado polo que a nosa asesoría xurídica estudará se estes acordos teñen garantías xurídicas", advirte a central. 

CIG-Ensino, por último, advirte que a nota de prensa de Xunta "non concreta nada" e que o ensino público "segue sen ver ningún avance real, nin na redución de ratios nin da burocracia nin na atención á diversidade". "Estes movementos de cara á galería son froito das mobilizacións que están a protagonizar profesorado e familias este curso", remata. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.