Dende o inicio da crise do coronavirus alertouse de que o confinamento podía estar agravando a situación de moitas mulleres maltratadas, obrigadas a permanecer pechadas na casa cos seus agresores. A ansiedade provocada por esta situación podería estar incrementando a violencia de moitos maltratadores e, ademais, a imposibilidade de saír á rúa faría que esta posible violencia ficase máis invisibilizada. En marzo a asociación Si, hai saída advertía de que había mulleres "incomunicadas" e apelaba ao traballo da policía e a que os veciños dean aviso ante "calquera indicio".
Dende o inicio da crise do coronavirus alertouse de que o confinamento podía estar agravando a situación de moitas mulleres maltratadas
Xa a finais de marzo o Ministerio de Igualdade deu a voz de alarma sobre o incremento que se estaba a producir no número de chamadas recibidas no teléfono 016, número de información e asesoramento xurídico en materia de violencia de xénero. Un aumento que se confirmou nos datos de abril para todo o Estado. Durante a primeira quincena do mes produciuse un incremento do 48% no número de chamadas con respecto á primeira quincena do mes de marzo, un aumento que ascendía ata o 733,3% no caso das consultas online.
Este mércores publicouse a estatística de chamadas ao 016 en abril correspondentes a Galicia, con cifras que revelan un importante incremento, tanto con respecto aos primeiros meses do ano como en relación ao mes de abril do pasado ano. En total, neste primeiro mes de confinamento completo producíronse 336 chamadas "pertinentes", fronte ás 250 de marzo e as 215 de febreiro. O incremento con respecto a marzo é do 34% e do 56% en relación a febreiro.
En abril do pasado ano as chamadas realizadas directamente pola muller afectada foran 114, polo que practicamente se duplicaron nesta ocasión, chegando a 221
Se comparamos os datos cos do pasado ano, o ascenso é aínda máis evidente: en abril rexistráranse 194 chamadas pertinentes, polo que o incremento é do 73%. Denomínanse "chamadas pertinentes" aquelas cuxo contido tratou sobre situacións de violencia de xénero e foron atendidas por un equipo de información especializado.
Desas 336 "pertinentes", 221 foron efectuadas pola propia muller vítima de violencia de xénero e 89 por familiares e outras persoas achegadas. En abril do pasado ano as chamadas realizadas directamente pola muller afectada foran 114, polo que practicamente se duplicaron nesta ocasión.
No conxunto do Estado o aumento no número de chamadas é igual de evidente. No mes de abril foron 8.692, fronte ás 6.273 de marzo (un aumento do 39%) e ás 5.194 de febreiro (+67%)
No conxunto do Estado o aumento no número de chamadas é igual de evidente. No mes de abril foron 8.692, fronte ás 6.273 de marzo (un aumento do 39%) e ás 5.194 de febreiro (+67%). En abril do ano 2019 houbera 5.396, polo que o incremento este ano é do 61%.
Hai dúas semanas, no informe 'A perspectiva de xénero, esencial na resposta á COVID-19', o Instituto da Muller subliñaba a necesidade de ter en conta esta perspectiva de xénero á hora de executar políticas públicas durante os meses da pandemia e, tamén, nos meses seguintes, de desescalada e de crise económica.