Tras non "considerar oportuno" informar ao respecto a pasada primavera, a Xunta non remite á Cámara datos solicitados polo BNG sobre usuarias e tipo de atención prestada nos primeiros seis meses dos "centros de crise 24 horas"
O pasado maio, cando levaban cinco meses abertos, a Consellería de Política Social e Igualdade respondeu oficialmente a Praza.gal que "agora" non "consideraba oportuno" informar sobre o funcionamento dos "centros de crise 24 horas" para mulleres vítimas de violencias sexuais. Trátase dos centros que a Xunta tivo que abrir por orde do Goberno de España e con fondos transferidos polo Estado para cumprir o artigo 35 da lei de liberdade sexual.
Este xornal solicitara ao departamento que dirixe Fabiola García a información e contactos precisos para explicar os primeiros meses de implantación destes recursos, abertos cun ano de demora sobre o previsto en instalacións públicas do Sergas en Vigo, Santiago, Ourense, Lugo e Ferrol, pero con xestión privada. O Goberno galego non considerou pertinente facilitar unha información que agora tamén evita revelar ao Parlamento, no seu caso sobre os primeiros seis meses de actividade dos centros.

O pasado xuño, en vésperas da fin dese primeiro semestre de actividade dos centros para vítimas de violencias sexuais, a deputada do BNG solicitou a través do artigo 9 do Regulamento do Parlamento -que permite aos seus membros pedir documentación en poder da Xunta- "un informe cos datos referentes aos seis primeiros meses de funcionamento" dos centros onde figurase cantas mulleres atenderan cada un deles. Tamén a "tipoloxía da atención" -psicolóxica, xurídica ou social- ou a "forma de atención" -telefónica ou presencial- .
A Consellería argumenta a súa negativa sinalando que "considera oportuno" elaborar un "informe anual" sobre estes centros para ofrecer daquela unha "visión máis axeitada e completa"
Nesa petición de datos, a parlamentaria reclamaba, asemade, coñecer a "recorrencia na atención", isto é, cantas veces foi atendida cada usuaria, e mais a "orixe da derivación das usuarias" que chegasen dende outro recurso público ou entidade. Por último, Presas pedía tamén ao Goberno detallar "campañas ou actuacións de sensibilización nas que participou ou impulsou cada un dos centros".
Hai escasos días, o pasado 26 de setembro, Política Social remitiu a súa resposta ao Parlamento. E como aconteceu ante a devandita petición xornalística, mais tamén como ante outras iniciativas parlamentarias da oposición, a contestación consiste en non facilitar a información. Argumenta agora a Consellería que, "igual que ocorre cos informes anuais" sobre a aplicación da lei galega de violencia de xénero ou o relativo a "violencia sexual e prestacións periódicas", "considérase oportuno seguir o patrón de presentación dun informe anual sobre o funcionamento dos centros de crise 24 horas".
Ese futuro informe, asegura a Xunta, "conterá todos os datos, programas e actuacións realizadas en cada un dos cinco centros". "Tendo en conta que os devanditos centros foron abertos case a principios do ano 2025, os datos requiridos poderán enviarse unha vez cumprido un ano natural do seu pleno funcionamento", di malia que a deputada pide información sobre seis meses xa cumpridos. Así, argumentan, será posible "ter unha visión máis axeitada e completa da súa actividade".