Dous meses despois de que Feijóo avivase a crise entre e Casado e Ayuso que lle deu a presidencia do PP a xunta directiva dos populares galegos pon data ao congreso extraordinario que ratificará o acordo dos baróns provinciais para liderar o PPdeG e a Xunta
Na noite do mércores 16 de febreiro elconfidencial.com publicou que persoas próximas á dirección estatal do PP de Pablo Casado contactaron con detectives para investigar a compra de material sanitario por parte da Comunidad de Madrid nunha operación na que o irmán da presidenta, Isabel Díaz Ayuso, cobrou unha comisión. Poucas horas despois, sen que se coñecesen aínda nin os detalles da operación nin a reacción airada de Ayuso contra Casado, Feijóo púñase do lado dela fronte á dirección do partido, á que pedía que “non provoque ningún incendio”.
Dous meses despois do inicio desa crise que vén de levar a Feijóo á presidencia do PP estatal, cuxa axenda está a minimizar a institucional como presidente da Xunta, segue sen haber data para a súa substitución neste segundo cargo. Unha remuda á fronte da presidencia do Goberno galego que quedou supeditada a que os baróns provinciais do PPdeG chegasen a un acordo para que a mesma persoa, Alfonso Rueda, asuma tanto o liderado do partido como da Xunta. A ese acordo chegouse o pasado mércores, despois de ceder o presidente dos populares da Coruña, Diego Calvo, ante o ourensán Manuel Baltar, pero non será ata este luns, 18 de abril, máis de dous meses despois do comezo da crise do PP, que se iniciará o procedemento formal para a sucesión na presidencia do partido, que irá secundado en datas aínda por definir polo proceso para a sucesión na Xunta.
Tras o acordo dos baróns do pasado mércores, no que que Baltar se impuxo a Calvo, este luns o PPdeG fixará o seu congreso extraordinario para dentro dun mes coa expectativa de que polo medio quede resolta tamén a sucesión na Xunta
Tras o acordo do pasado mércores entre os baróns, este luns, ás 17.30 horas, coincidindo co 13 aniversario da chegada de Feijóo á presidencia da Xunta, a xunta directiva do PPdeG reunirase en Santiago para poñer data ao congreso extraordinario que fará a Alfonso Rueda presidente do partido, dentro de aproximadamente un mes. Pero antes debe abrirse un prazo para facilitar o formalismo de que se poidan presentar outras candidaturas. Será ao remate dese prazo, cando se poida constatar que Rueda é o único candidato ou o que conta con máis avais tras o apoio dos baróns, cando os populares ou o propio Feijóo poderán asegurar que ao ser a persoa na que confía o partido que ten a maioría absoluta no Parlamento de Galicia tamén é a persoa máis indicada para asumir a presidencia da Xunta.
Os movementos no partido condicionan así a data que elixirá Feijóo para facer efectiva a súa dimisión á fronte da Xunta e o posterior proceso de consultas por parte do presidente do Parlamento de Galicia entre os grupos para que finalmente os populares lle digan que Rueda é a súa proposta como novo presidente do Goberno galego. Desde ese momento Rueda pode tomar posesión en aproximadamente unha semana (o presidente do Parlamento debe convocar un pleno, Rueda defender o seu programa de goberno ante a Cámara e esta votalo dous días máis tarde). Uns prazos que permitirán que o novo presidente da Xunta comece a exercer e nomee os seus novos conselleiros e conselleiras uns días antes de que se culmine o seu nomeamento paralelo como presidente do PPdeG.

Mentres se concretan estes pasos, e tras o acordo dos baróns do pasado mércores, nas últimas xornadas Rueda e Feijóo transmitiron imaxes de suposta normalidade e mesmo relaxación
Mentres se concretan estes pasos, e tras o acordo dos baróns do pasado mércores, nas últimas xornadas Rueda e Feijóo transmitiron imaxes de suposta normalidade e mesmo relaxación. Quen será novo presidente da Xunta divulgou fotografías nas súas redes sociais practicando ciclismo, nunha procesión de Semana Santa en Ferrol e paseando polo Salnés con Mariano Rajoy, mentres que Faro de Vigo amosou sucesivas imaxes de Feijóo en Moaña “para desfrutar duns días de descanso”, entre elas unha con Rueda na que o diario aseguraba que os dous estaban “cerrando a sucesión en vaqueiros.
Para cando esa sucesión se concrete tanto na Xunta como no PPdeG pasarán xa tres meses desde o comezo da crise do PP que derivou nunha crise do Goberno galego, na primeira vez que un presidente da Xunta en exercicio renuncia ao cargo.