O Goberno galego crea cinco novas prazas de libre designación, tres de secretariado da alto cargo, a maiores das mudanzas na estrutura da actual delegación na Coruña que cada consellería queira introducir
Cando a mediados de xaneiro o Goberno galego aprobou a creación, prometida por Feijóo hai catro meses, dunha delegación da Xunta en Ferrol fíxoo asegurando que non suporía incremento de gasto. Dúas semanas máis tarde, cando o propio presidente anunciou que á súa fronte estaría Martina Aneiros, concelleira do PP, tivo que ser preguntado dúas veces para que amosase o seu suposto descoñecemento sobre o custo da medida: “Supoño que as nóminas da delegada, do seu gabinete, non llo podo dicir con exactitude, pero desde o punto de vista de persoal é un gasto máis comedido”, dixo Feijóo.
Agora comeza a coñecerse unha parte dese gasto, cando menos o do persoal de apoio funcionario que terá a delegada, cinco persoas nomeadas por libre designación noutras tantas prazas de nova creación cun custo anual de 218.000 euros a sumar aos 60.000 euros brutos que cobra cada delegado ou delegada da Xunta. A este persoal funcionario de libre designación podería sumarse persoal eventual de gabinete como o que teñen as outras delegacións.
A delegación da Xunta en Ferrol, a sexta coa que contará o Goberno galego xunto coas das catro capitais provinciais e Vigo, terá menos órganos que o resto e algunhas das súas funcións dependerán da delegación na Coruña. Cada consellería decidirá o reparto da súa estrutura entre A Coruña e Ferrol, polo que poderían crearse ou moverse máis prazas en cada departamento autonómico, pero a que xa está a tramitar eses cambios é a Vicepresidencia primeira, a través dunha modificación da súa Relación de Postos de Traballo (RPT) coa que vai crear cinco novas prazas de apoio directo á nova delegada.
Segundo a documentación á que tivo acceso Praza.gal, xunto coa delegada haberá un secretario ou secretaria territorial, funcionario do grupo A1 e nivel 30 que será o máximo responsable de respaldar xuridicamente as actuacións da delegada. Por baixo dese posto haberá unha xefatura de sección de “apoio técnico e coordinación administrativa” e tres secretarios ou secretarias da delegada, unha delas en xornada de tarde.
O Consello de Contas vén de censurar o abuso que a Xunta fai das prazas de libre designación, con preto dun milleiro en toda a administración
Estas cinco novas prazas terán como forma de provisión a libre designación. Isto é, quen as ocupe deberá ser funcionario pero poderá ser elixido libremente polo cargo político cunha limitada motivación da súa selección, igual que outras preto de mil persoas en toda a Xunta. Hai un par de meses o Consello de Contas censurou o abuso que o Goberno galego fai da libre designación.
Ademais destas prazas de funcionariado que agora crea para Ferrol a Xunta, as delegacións, como as consellerías centrais, tamén contan con coche oficial e con persoal eventual de gabinete
Xunto con este persoal de apoio directo á delegada, e as outras mudanzas que cada consellería poida introducir na súa propia estrutura para mudar o reparto actual entre A Coruña e Ferrol, as delegacións, como as consellerías centrais, tamén contan con coche oficial e con persoal eventual de gabinete (de comunicación, xefes de gabinete, asesoría ou apoio) contratado de fóra do funcionariado e para o que non é preciso mudanzas nas relacións de postos de traballo do persoal público como a que agora está a tramitar a Vicepresidencia primeira. Ademais, no caso de Ferrol o propio Feijóo xa avanzou que a Xunta ten a intención de remodelar o edificio administrativo actual e facer alí “unha sede institucional ampliada”, como tamén o está a facer coa sede central en Santiago cun custo duns cen millóns de euros.
Ata 2009, nunha estrutura herdada de Fraga que PSdeG e BNG non mudaron, a Xunta contaba con delegacións territoriais de cada consellería en cada provincia. A chegada á presidencia aquel ano de Feijóo supuxo unha reforma coa creación de cinco grandes superdelegacións de todo o Goberno galego nas catro capitais provinciais mais en Vigo, ao tempo que por abaixo suprimíronse as delegacións de cada consellería pero se deu máis peso político ás figuras dos seus xefes territoriais.