O Consello de Contas censura o mal uso que o Goberno galego dá ás figuras “excepcionais” da libre designación e a comisión de servizos
O informe que vén de emitir o Consello de Contas, entidade encargada da fiscalización das administracións públicas galegas, sobre a xestión que a Xunta fai do seu persoal non só analiza a evolución das grandes cifras, co recorte de cadros rexistrado na última década, o cuarto maior de todas as comunidades autónomas, senón tamén a falta de planificación e discrecionalidade do Goberno galego. Segundo documento de Contas [aquí o PDF], a Xunta abusa das figuras “excepcionais” da libre designación e a comisión de servizos para colocar funcionarios en determinados postos sen motivación suficiente, forma de actuar que vén recibindo diversas condenas xudiciais.
O informe de Contas reflicte como entre 2014 e 2019 os postos de traballo por libre designación pasaron de 1.081 a 880, mentres que as comisións de servizos aumentaron de 981 a 1.884, o que supón un aumento global desas dúas formas de provisión de postos de 2.062 a 2.764, un 34% máis. E nos dous casos Contas constata que a Xunta outorga os postos sen motivar suficientemente que as persoas seleccionadas son as máis adecuadas.
No caso dos postos por libre designación, reservados para especiais responsabilidades como subdireccións xerais ou secretarías de altos cargos, a Xunta pode elixir ás persoas que os ocupen de xeito discrecional, pero debe facer explícita a motivación, algo que Contas di que non está a facer.
“O risco que presenta a utilización desta figura é que a discrecionalidade que cabe na designación dos candidatos quebre os principios de mérito e capacidade no seu nomeamento”, di o ente fiscalizador, que salienta que “non se está plasmando adecuadamente a motivación dos criterios concretos aplicados para decidir o nomeamento, nin as calidades profesionais consideradas nos funcionarios nomeados para apreciar que concorren en maior medida que nos restantes candidatos”. Contas engade nas súas conclusións que “tampouco na provisión de postos en comisión de servizos consta unha motivación adecuada da designación do candidato seleccionado nin a publicación das adxudicacións das prazas convocadas”.
Contas tamén censura os longos períodos de tempo en que se manteñen as comisións de servizo e o pouco que se empregan os concursos específicos
No caso das comisións de servizo, a Xunta vén empregándoas para cubrir postos de todo tipo que non poden quedar baleiros dando un prazo ás posibles persoas interesadas en ocupalos de tan só cinco días para que presenten as súas candidaturas, o que provoca a sospeita en diversas fontes sindicais de que podería haber avisos previos a persoas concretas para que estean preparadas. Non calquera funcionario pode decidir en tan pouco tempo se quere mudar ou non o seu posto de traballo. En todo caso, Contas lembra que “o carácter excepcional das comisións de servizos require de motivación xustificativa das razóns de urxencia e interese público para a cobertura do posto e da ausencia doutro procedemento para facelo”, algo que o ente fiscalizador bota en falta.
“Tampouco consta nos expedientes a motivación da designación dos candidatos seleccionados, nin se lle está dando publicidade aos criterios de valoración dos candidatos”, engade Contas, que tamén censura os longos períodos de tempo en que se manteñen as comisións de servizo sen convocar novamente esas prazas a través de procedementos que permitan ocupalas de xeito definitivo.
Por outra banda, Contas tamén pon o foco no sistema de concurso específico previsto pola lei desde 2015 para a ocupación de prazas como as xefaturas de servizo. “Só se utilizou para a cobertura do 2% das prazas ocupadas que prevén este sistema de provisión”, di Contas, que lembra que seis anos despois da lei así o estableceu aínda “está pendente de desenvolvemento regulamentario”.
Tras facerse público este informe do Consello de Contas o xoves 11 de novembro, seis días despois o PP incluía nas súas emendas á lei de acompañamento dos Orzamentos da Xunta para 2022 varias disposicións para facilitar aínda máis os nomeamentos a dedo en máis postos e facer máis flexibles os requisitos para acceder a eles.