Nun mesmo día o TSXG revogou o veto do Goberno galego a que catro xefaturas de Medio Ambiente puidesen ser ocupadas por enxeñeiros de Camiños e tombou o intento de nomear a dedo directores de oficinas de emprego equiparándoas a centros de acollida
O pasado 3 de xullo o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anulou, como avanzou este diario, o intento da Xunta de nomear a dedo directores de oficinas de emprego equiparándoas a centros de acollida. Pero ese mesmo día o mesmo tribunal, a mesma sala do Contencioso Administrativo e a mesma sección, a primeira, composta polos mesmos xuíces, emitía outra sentenza, á que agora tivo tamén acceso este medio, coa que anulou outro intento do Goberno galego de restrinxir o acceso a postos de responsabilidade, neste caso a catro xefaturas de sección da Consellería de Medio Ambiente.
O 11 de maio de 2017 o Goberno galego, na súa reunión semanal, aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT) da Consellería de Medio Ambiente, un listado no que restrinxía as titulacións coas que se podía acceder a varios empregos públicos. Dous anos despois, e tras un recurso do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anula que catro de aqueles postos, xefaturas de sección nos catro casos, estivesen vetados aos seus colexiados.
A nova sentenza critica que a Xunta non ofreceu "unha xustificación que exclúa toda arbitrariedade na súa decisión" de excluír os enxeñeiros de Camiños do acceso aos postos en cuestión
Segundo a sentenza do TSXG, o Goberno galego non xustificou os motivos polos que eses catro postos debían estar restrinxidos a determinadas titulacións coas que os relacionaba. Esa ausencia de xustificación, di o tribunal, “converte en irrazoable a reserva efectuada pola Administración nestes postos de traballo ás titulacións ás que se restrinxe, o que impide á súa vez entender xustificada a exclusión dos [enxeñeiros de Camiños] para acceder a eles”. Así o establece a sentenza para tres xefaturas de sección de xestión ambiental e unha de avaliación ambiental.
Pola contra, a sentenza rexeita a pretensión do Colexio de Camiños de que tamén se anulase o veto aos seus titulados noutros oito postos distintos. Neses outros casos o tribunal salienta que a Xunta si ofreceu suficientes xustificacións dos motivos polos que debían adscribirse a outras titulacións distintas, polo que a sentenza critica que nos catro postos agora anulados o Goberno galego non dese “maior explicación ao respecto, a diferenza dos datos, máis ou menos completos, que si se ofreceron respecto dos demais postos de traballo”. Por iso, considera que nos catro postos en cuestión a Xunta non ofreceu “unha xustificación que exclúa toda arbitrariedade na súa decisión”.
“É claro que as oficinas de emprego e coordinación non se atopan en ningún de ditos grupos”, dixo o mesmo día o TSXG noutra sentenza sobre a posibilidade de designar a dedo a dirección de determinados "centros con características singulares"
Esta sentenza relativa aos catro postos restrinxidos de xeito ilegal pola Xunta na Consellería de Medio Ambiente foi emitida polo TSXG o mesmo día en que pronunciou outra anulando parcialmente outra Relación de Postos de Traballo (RPT), a da Consellería de Economía, aprobada polo Consello da Xunta o 5 de xullo de 2018, na que se establecía a libre designación para o nomeamento dos directores ou directoras das sete principais oficinas emprego de Galicia, situadas nas sete cidades. A Xunta xustificara esa discrecionalidade amparándose nunha norma que prevé ese tipo de nomeamento a dedo para responsables de residencias, internados, centros de investigación ou formación profesional ou centros de menores ou de atención a vítimas de violencia de xénero. Porén, o TSXG considerou que “é claro que as oficinas de emprego e coordinación non se atopan en ningún de ditos grupos”.
Na Xunta segue a haber máis de 300 xefaturas de servizo de libre designación malia que a lei prevía que fosen a excepción
A anulación parcial desas dúas RPT das consellerías de Medio Ambiente e Economía en dúas sentenzas distintas emitidas o mesmo día e nos dous casos por restrinxir o acceso a determinados postos de responsabilidade prodúcese mentres seguen a existir na Xunta máis de 300 xefaturas de servizo de libre designación malia que a lei prevía que fosen a excepción, e así o publicitou o propio Goberno galego.