O Tribunal Superior anula a decisión do Goberno galego de establecer a libre designación para sete postos atribuíndolles responsabilidade similar ás direccións de residencias ou internados, centros de investigación ou de atención a vítimas de violencia de xénero
O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) vén de anular a decisión do Goberno galego de nomear por libre designación os directores ou directoras das sete principais oficinas de emprego de Galicia, situadas nas sete cidades. A Xunta xustificara esa discrecionalidade amparándose nunha norma que prevé ese tipo de nomeamento a dedo para responsables de residencias, internados, centros de investigación ou formación profesional ou centros de menores ou de atención a vítimas de violencia de xénero. Porén, o TSXG di que “é claro que as oficinas de emprego e coordinación non se atopan en ningún de ditos grupos”.
Hai agora un ano a Xunta aprobou a relación de postos de traballo (RPT) da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e Comisión Obreiras presentou un recurso xudicial contra a previsión establecida nela de cubrir 16 postos por libre designación. Un ano máis tarde o TSXG, en sentenza do pasado 3 de xullo á que tivo acceso este diario, sentencia que nove daqueles postos (xefaturas de servizo na propia estrutura central da consellería e direccións de centros integrados de formación profesional) si poden ser cubertos discrecionalmente pola Xunta polas súas especiais responsabilidades, pero non así os sete restantes, de director ou directora das oficinas de emprego e coordinador ou coordinadora de emprego e formación da Coruña-Monelos, Ferrol-Esteiro, Santiago Norte, Lugo Sur, Ourense Centro, Pontevedra-Concello e Vigo-Calvario.
Para eses sete postos de dirección das sete principais oficinas de emprego de Galicia a Xunta argumentou que os nomeamentos debían facerse por libre designación pola súa “especial responsabilidade por garantir o adecuado exercicio da autoridade”. Pero ao citar a norma na que pretendía ampararse, unha resolución do propio Goberno galego de 2016 que establece en que casos excepcionais os postos públicos poden ser nomeados por libre designación, non acudiu ao seu apartado 3, que establece esa “especial responsabilidade” só “en razón de ser garante do exercicio dos dereitos e deberes da cidadanía”, algo que por outra parte o TSXG nega que se poida atribuír ás direccións das oficinas de emprego.
“É claro que as oficinas de emprego e coordinación non se atopan en ningún de ditos grupos”, di o TSXG sobre a posibilidade de designar a dedo a dirección de determinados "centros con características singulares"
A sentenza di expresamente que na xustificación incluída no expediente administrativo “non se acode a ese criterio 3 de excepcionalidade senón ao do apartado 6”, que fala de “especial responsabilidade por dirixir centros con características singulares”. Son, lembra o TSXG, “1º Centro no que estean internadas persoas, en situación de dependencia ou formación, ou menores tutelados pola Administración autonómica; 2º Centro de investigación e innovación no que se desenvolvan proxectos que poidan supoñer unha vantaxe competitiva para Galicia; 3º Centro de formación profesional integrado de titularidade pública; e 4º Centro con competencias en materia de atención integral ás vítimas de violencia de xénero e ás persoas delas dependentes”.
“É claro que as oficinas de emprego e coordinación non se atopan en ningún de ditos grupos”, di o TSXG, polo que considera que a resolución de 2016 argumentada pola Xunta para xustificar a libre designación deses sete postos “non presta respaldo a ese criterio de excepcionalidade”.
O TSXG estima así parcialmente o recurso presentado por CCOO e anula o sistema de provisión por libre designación deses sete postos de director ou directora das oficinas de emprego principais das sete cidades e mantén ese sistema para os outros nove postos cuestionados.