O ente fiscalizador censura a “excesiva prolongación” dos procesos das oposicións, que poden estenderse ata catro anos
O Consello de Contas, o ente encargado da fiscalización das administracións públicas galegas, vén de facer público este xoves un informe sobre os gastos de persoal da Xunta entre 2014 e 2019 [aquí o PDF]. O documento reflicte entre outras cuestións que Galicia foi a cuarta comunidade autónoma que máis reduciu o seu persoal público entre 2009 e 2019, un 2,25%, ata as 86.598 persoas a finais do segundo ano, case dúas mil menos que unha década antes. Contas tamén censura a “excesiva prolongación” das oposicións ou procesos de oferta pública de emprego, que poden estenderse ata catro anos.
Do persoal total ao servizo da Xunta a finais de 2019, o 41% está no ámbito sanitario, o 38% no educativo, o 18% na administración xeral e o 3% na administración de xustiza. A súa evolución na última década seguiu en Galicia unha traxectoria similar á do resto de comunidades autónomas, segundo analiza o Consello de Contas, cunha caída do emprego público nos primeiros anos, ata 2013 ou 2014, froito dos recortes provocados pola crise económica de hai unha década, e “unha nova fase expansiva do emprego ata o ano 2019”.
Pero Contas matiza que en Galicia “se ben no período de axuste a redución de efectivos e de gasto foi porcentualmente menos intensa” que noutras comunidades, “no período posterior a recuperación do emprego en número de efectivos foi menor, polo que a decembro de 2019 era unha das comunidades autónomas que aínda non tiñan alcanzado o emprego existente a finais de 2009”.
A caída de persoal público na Xunta rexistrouse fundamentalmente na educación non universitaria, cun 9,79% menos en 2019 que en 2009
Segundo as cifras empregadas por Contas, a redución do número total de efectivos en Galicia do 2,25% só foi superada polas caídas do 9,42% de Murcia, o 4,24% de Castela e León e o 4,1% de Andalucía. Pola contra, dez comunidades autónomas aumentaron o seu persoal en 2019 a respecto de 2009.
No caso galego, a caída do persoal rexistrouse fundamentalmente na educación non universitaria, cun 9,79% menos en 2019 que en 2009. Unhas 2.500 persoas menos que as 35.500 que chegou a haber hai unha década. Pola contra na sanidade aumentouse o persoal un 5,39% pasando de 34.000 persoas en 2009 a 35.800 unha década despois.
O informe de Contas admite que en parte as políticas de persoal das comunidades autónomas estiveron condicionadas polas restricións á contratación impostas polo anterior Goberno de España a través das coñecidas como taxas de reposición. Pero iso non afecta a outra das críticas que fai Contas, a de que “existe unha excesiva prolongación na duración dos procesos selectivos de acceso ao emprego público convocados en desenvolvemento das Ofertas Públicas de Emprego (OPE), que incide na prolongación de situacións de temporalidade, dificulta o desenvolvemento dos concursos e o relevo xeracional”. A 31 de decembro de 2019, exemplifica Contas, había aínda abertos procesos da oferta de emprego de 2015.
Por outra banda, os procesos de consolidación do emprego abertos para reducir a temporalidade existente entre o persoal supuxo “que só o 22% das prazas das OPE 2018 e 2019 foran de acceso libre, sistema de oposición”.
Ademais, Contas sinala que a finais de 2019 había “un elevado número de persoal declarado indefinido non fixo por sentenzas xudiciais (1.462 empregados), cun incremento relevante respecto da mesma data do exercicio anterior (1.060 no 2018), o que denota a necesidade dun maior control na contratación temporal”.
Como todos os informes do Consello de Contas, estas conclusións emitíronse tras escoitar as alegacións da Xunta un borrador previo sometido ás súas consideracións. Isto é, Contas conclúe todo isto tras escoitar e incluír ou matizar as alegacións que considerou pertinentes e desbotar o resto.