O rescate de catro autovías con peaxe en sombra deixou as débedas futuras da Xunta en 20.000 millóns

Rueda nunha autovía nunha imaxe de arquivo coa anterior conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, e evolucion dos compromisos de gastos futuros da Xunta CC-BY-SA Imaxe: Xunta de Galicia - Montaxe: Praza Pública

Contas insiste na reiterada falta de previsión orzamentaria do Sergas e sinala que seis concellos, entre eles Ourense, non renderon as contas de 2024

O Consello de Contas fixo públicos o xoves varios informes de fiscalización da Xunta, entre eles un específico sobre a atención primaria no país, pero tamén os habituais informes anuais sobre as contas públicas, correspondentes neste caso ao exercicio 2024, nos que volveu pedir máis transparencia na empresa coa que a Xunta pactou a chegada de Altri. 

Ese 2024 unha das decisións máis significativas do Goberno galego foi o rescate de catro autovías con peaxe en sombra planificadas por Feijóo nas que Contas detectara que a Xunta estaba a pagar máis do que debera. Un rescate que supuxo un desembolso inmediato para a Xunta duns 300 millóns de euros a cambio de aforrar en futuros pagamentos comprometidos. Malia esa redución a instancias do Consello de Contas, o ente fiscalizador reflicte que os compromisos de pagamentos futuros da Xunta ascendían a finais dese ano a 19.916 millóns de euros.

Neses compromisos futuros que ten xa adquiridos a Xunta ata 2073 goberne quen goberne inclúese os preto de 12.000 millóns de euros de débeda financeira da administración xeral, aos que hai que engadir outros 4.500 millóns doutro tipo de compromisos da administración xeral e outros 3.500 millóns de compromisos futuros de organismos autónomos (fundamentalmente o Sergas) e axencias públicas. Para contextualizar as cifras, o total de gasto non financeiro nos orzamentos da Xunta para este 2026 é duns 14.000 millóns de euros.

A administración paralela da Xunta xestiona xa o 17% de todo o orzamento autonómico, uns 2.300 millóns de euros

Os informes de Contas salientan como na última década e media foise reducindo o número de entidades instrumentais da Xunta, pero cun aumento do importe total de fondos públicos que xestionan, especialmente nas xeneralizadas axencias. Así, contas sinala que en 2024 as entidades instrumentais dispoñían "aproximadamente do 17% do orzamento autonómico" e que "malia a redución considerable no número de entidades dende 2011, o volume de fondos do sector instrumental dende ese exercicio e, en particular, as transferencias e subvencións, medraron pola xeneralización do modelo de axencia". 

Informe de Contas sobre a administración paralela da Xunta CC-BY-SA Praza Pública

En 2024 esas entidades instrumentais xestionaron un total de 2.309 millóns, cifra que aumentou pola transferencia da Xunta á Axencia de Infraestruturas duns 300 millóns para o rescate das catro anteditas autovías de peaxe en sombra: AG-11 Autovía do Barbanza, AG-41 Autovía do Salnés, AG-31 Autovía de Celanova e AG-56 Autovía Santiago-Brión. A cambio deses 300 millóns do rescate inmediato, a Xunta aforrará uns 641 millóns que se comprometera a ir pagando nos próximos anos pola construción e mantemento desas autovías. Pola contra, agora terá que ser a Xunta a que asuma o mantemento desas infraestruturas con contratos ordinarios de conservación ordinaria. 

Os informes de Contas divulgados o xoves tamén reiteran diversas eivas contables en toda a Xunta, especialmente no Sergas, que segue sen contar cun plan de contabilidade adecuado. No eido sanitario o ente fiscalizador insiste en criticar as reiteradas modificacións e ampliacións orzamentarias que se producen cada ano por unha incorrecta planificación de gastos que o Sergas xa debera dar por supostos e estables. En xeral, toda a Xunta insiste en presentar como investimentos gastos que deberan ser correntes. Igualmente, Contas volve cuestionar a elevada temporalidade no emprego público. 

O conselleiro maior de Contas, Juan Carlos Aladro, na entrega este xoves dos informes anuais ao presidente do Parlamento, Miguel Santalices © Parlamento de Galicia

No eido municipal, o ente fiscalizador sinala que seis concellos non lle renderon contas do exercicio 2024, entre eles a cidade de Ourense, ademais de Cambre, Culleredo, Narón, Verín e Rois. Contas tamén constata que naquel exercicio 81 entidades locais contaban cun orzamento prorrogado de anos anteriores, algunha desde hai moitos anos, como Gondomar desde 2012 ou Salvaterra de Miño desde 2017.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.