Hai dous anos a Xunta elevou de 400.000 a un millón o límite polo que non tributa unha herdanza, o que beneficiou a menos do 1% da poboación máis rica, e agora rexeita unha lei estatal que fai tributar máis se unha propiedade herdada en vida é vendida antes de cinco anos
O aínda presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, vén de estrearse como presidente do PP e líder da oposición estatal decidindo, un día despois de reunirse con Pedro Sánchez, interpoñer un recurso ante o Tribunal Constitucional contra unha lei estatal que entrou en vigor o pasado ano pensada para evitar certa picaresca á hora de facer pasar por herdanzas en vida o que poderían ser outro tipo de doazóns ou transmisións patrimoniais.
Hai dous anos a Xunta elevou de 400.000 a un millón de euros o límite polo que non tributa unha herdanza, o que beneficiou a menos do 1% da poboación máis rica. Pero o pasado ano o Goberno central estableceu para o caso das herdanzas en vida que se unha propiedade herdada é vendida antes de que pasen cinco anos hai que tributar por esa venda (como se tributa por calquera outra venda patrimonial) en función da plusvalía que o ben acumulou non só desde o momento da herdanza senón desde antes, cuestión contra a que agora recorre Feijóo.
A loita de Feijóo contra os impostos ás herdanzas, na que foi beneficiando progresivamente a patrimonios cada vez máis altos, comezou en 2016, cando eximiu de tributar polas herdanzas de ata 400.000 euros recibidas de familiares directos. Naquel momento a propia Xunta salientou que a medida beneficiaría ao 99% das herdanzas de pais a fillos. Porén, catro anos despois o Goberno galego ampliou ese límite exento de tributación ata un millón de euros, cifra na que non se ten en conta a vivenda habitual, o que supuxo estender o beneficio a maior parte do 1% das herdanzas de maior importe. Novamente o propio Goberno galego calculou que con esa nova rebaixa só o 0,06% dos galegos pagarían impostos por herdar.
Segundo a Xunta, a lei estatal "cando presume que a venda en vida dun ben transmitido por pacto sucesorio implicaría unha fraude fiscal, é inconstitucional e discriminatoria"
A medida tamén é aplicable ás herdanzas en vida, figura prevista no dereito civil galego. Pero a mediados do pasado ano o Goberno de España impulsou e o Congreso aprobou unha denominada lei de medidas de prevención e loita contra a fraude fiscal que introduciu límites. En concreto, establece que o herdeiro en vida “subrogarase na posición” que tivese quen lle cedese os bens “respecto ao valor e data daqueles”. “Deste xeito impídese unha actualización dos valores e datas de adquisición do elemento adquirido que provocaría unha menor tributación que se o ben fose transmitido directamente a outra persoa ou entidade polo titular orixinal”.
Isto é, se unha persoa vende un inmoble a outra allea á súa familia ten que tributar polo beneficio que lle comporta esa operación. Pero se a deixa como herdanza en vida a un fillo sen tributar nada e a continuación este a vende, o beneficio desa venda sería supostamente nulo desde o momento en que se herdou o inmoble. Así, non tributaría nin pola herdanza nin pola venda, situación contra a que lexislou o Goberno de España.
O que di o Goberno galego é que esa tributación se se vende unha propiedade herdada en vida antes de que pasen cinco anos supón unha intromisión por parte do Goberno central no dereito civil galego que permite as herdanzas en vida. Xunta e Goberno de España abriron unha negociación a finais do pasado ano para tentar chegar a un acordo, o que non se logrou e agora leva ao Goberno galego a recorrer ante o Constitucional. Segundo di a Xunta, a lei estatal "cando presume que a venda en vida dun ben transmitido por pacto sucesorio implicaría unha fraude fiscal, é inconstitucional e discriminatoria".