Baltar reconstitúe o bipartito co partido de Jácome na Deputación de Ourense

Armando Ojea e José Manuel Baltar, reunidos o 6 de setembro de 2021 na Deputación de Ourense, no retorno do dirixente de DO ao goberno co PP © Deputación de Ourense

O ex-conselleiro Jesús Vázquez, antigo alcalde de Ourense (2015-2019) e principal sacrificado pola dirección do PP ourensán na operación para salvar a José Manuel Baltar como presidente da Deputación mediante a entrega da alcaldía a Gonzalo Pérez Jácome, de Democracia Ourensana, abandonou a pasada semana de vez o escenario político. Tras dous anos acantoado pola cúpula do partido na provincia coa aquiescencia da dirección galega, Vázquez renunciou á acta de edil e tamén á de senador por designación do Parlamento, posto co que o círculo dirixente de Feijóo procurara compensar o seu sacrificio local.

O retorno de DO ao goberno de Baltar prodúcese escasos días despois da dimisión de Jesús Vázquez, principal dirixente do PP local crítico coa reconstitución do bipartito con Jácome no Concello

Entre as causas que precipitaron a dimisión definitiva de quen fora o primeiro conselleiro de Educación de Feijóo -con encomendas como o denominado decreto do plurilingüismo- destaca o retorno do PP ao goberno local do Concello de Ourense, presidido por Jácome. Tras a reconstitución dese bipartito co que resta de DO (a formación localista sufriu unha escisión) e escasos días despois da marcha de Vázquez, Baltar vén de facer o mesmo na Deputación, reintegrando no seu goberno ao partido de Jácome.

Jácome e Baltar, reunidos na Deputación de Ourense o pasado abril CC-BY-SA Deputación de Ourense

O gabinete de Baltar confirmaba este luns que Armando Ojea, voceiro de DO no Concello e un dos membros do partido que continuaron fieis a Jácome, volve ser membro da Xunta de Goberno da Deputación, órgano Executivo da institución presidido polo barón popular e composto por outros sete deputados do PP. O retorno de Ojea, segundo Baltar, outorga "estabilidade e fortaleza" ao seu goberno e de "afouteza e estabilidade" á "maioría" que o sustenta na corporación provincial.

Ojea comezara o mandato como vicepresidente de Baltar, que o destituíu alegando "perda de confianza" no marco da ruptura do PP con DO no Concello

Ojea comezou o mandato como vicepresidente de Baltar na Deputación no marco do devandito pacto entre ambos partidos. No entanto, en setembro de 2020 destituíuno do posto alegando "perda de confianza" xusto cando o PP rompeu o bipartito con Jácome no Concello sinalando as acusacións de irregularidades financeiras que membros de DO lanzaran contra o alcalde mediante unha denuncia na Fiscalía (o caso foi arquivado a principios de ano e reaberto o pasado xullo). No seu lugar situara a Miguel Caride, un dos rebeldes de DO que impulsaran a denuncia contra Jácome.

Pero a vicepresidencia de Caride durou pouco. En novembro do mesmo ano, Baltar viuse obrigado a retirarlle o cargo. O antigo home de confianza de Jácome fora expulsado de DO e un informe da secretaría xeral da Deputación evidenciou que o seu nomeamento contraviña unha sentenza do Tribunal Supremo que impide que os tránsfugas asuman cargos que melloren o seu rango político ou económico.

Feijóo, Baltar e Jácome, en xaneiro deste ano, durante a inauguración da remodelación do pavillón dos Remedios de Ourense CC-BY-SA Xunta

Con este pano de fondo e unha vez frustrados definitivamente todos os movementos para unha posible moción de censura no Concello e mesmo na Deputación (entre outras operacións, Baltar atou o apoio de Montserrat Lama, que fora a súa voceira no mandato anterior e que concorreu ás eleccións municipais de 2019 por Cudadanos), os bipartitos do PP con DO volven ser unha realidade tanto na institución municipal como na provincial. Agora, non obstante, con Democracia Ourensana enfraquecida pola escisión e co principal crítico do PP con esta estratexia, Jesús Vázquez, definitivamente fóra de xogo.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.