Baltar ascende o líder dos 'rebeldes' de Democracia Ourensana a vicepresidente da Deputación

José Manuel Baltar e Miguel Caride, nunha imaxe difundida pola Deputación de Ourense tras o nomeamento do edil de DO como vicepresidente © Deputación de Ourense

Miguel Caride, cabeza visible do grupo de edís electos por Democracia Ourensana que acusou a Gonzalo Pérez Jácome ante a Fiscalía de diversas irregularidades económicas antes de contribuír a deixar o alcalde en minoría na corporación, é dende este 28 de setembro vicepresidente da Deputación Provincial con dedicación exclusiva. Éo por decisión de José Manuel Baltar, que rubricou a decisión ao tempo que deixaba sen o posto a Armando Ojea, un dos dous concelleiros de DO que manteñen fidelidade a Jácome.

Baltar nomea como vicepresidente con dedicación exclusiva a quen tamén foi avogado de Jácome mentres o PP accede por primeira vez a negociar unha posible moción de censura para desbancar da alcaldía ao líder de DO

A razón oficialmente alegada por Baltar para destituír a Ojea é a "perda de confianza" que, alega o barón do PP, ficou ratificada na votación, a pasada semana, dos orzamentos da institución para 2021. Faino, asegura, malia dar por "absolutamente vixente, nesta institución", o pacto bipartito que lle permitiu reter a presidencia tras perder a maioría absoluta e que fora asinado a cambio, precisamente, de darlle a alcaldía a Pérez Jácome.

Caride, ademais de concelleiro de DO e candidato do partido nas eleccións galegas de 2016, exerceu tamén como asesor xurídico de Jácome, quen o definiu como "avogado fiel" nos últimos "dez anos" antes de encadrarse nos que descualifica como "traidores" no seo da formación. Tras levalo á Fiscalía e rachar con el na corporación municipal, comprometeuse a "traballar" para desaloxalo da alcaldía. O seu novo posto, en virtude das normas orzamentarias da deputación, implica unha remuneración "equivalente á dun director xeral da Comunidade Autónoma", situado actualmente nuns 59.000 euros anuais.

Encontro entre PSdeG, PP e Ciudadanos no Liceo de Ourense, este 28 de setembro CC-BY-NC-SA PSdeG Ourense

Este novo movemento na crise ourensá prodúcese despois de que, a pasada semana, Jácome recuperase a capacidade de poder aprobar acordos na Xunta de Goberno local ao incorporarse á corporación o concelleiro Telmo Ucha en substitución de Mario González, un dos edís díscolos que optou por non continuar no Concello. Ao contar con dous edís afíns, o rexedor ourensán recuperou unha capacidade de movementos que o PP agora xa se abre a frear tamén por outra vía, a dunha moción de censura para a que estaría obrigado a pactar con, cando menos, un dos partidos que foi oposición ao bipartito PP-DO por mor das normas antitransfuguismo.

Primeiro contacto PSdeG-PP sobre posible censura a Jácome

Nesta liña, este luns os populares accedían por primeira vez a sentar con outros grupos da corporación para abordar unha eventual censura. Fíxoo nun encontro celebrado a instancias do grupo municipal de Ciudadanos (2 edís, co ex-membro do PP José Araújo como líder) despois de evitar participar na xuntanza que, tamén para valorar unha posible moción de censura, impulsou o BNG a mediados deste mesmo mes de setembro

Tras non acudir ao encontro impulsado polo BNG sobre unha posible moción de censura, o PP si estivo na reunión propiciada por Ciudadanos. "Os socialistas estamos abertos ao diálogo e agardamos que formalicen os contactos", subliña o voceiro do PSdeG local

En representación dos populares, a edil Flora Moure asegurou que acudiron por estaren dispostos a ser parte da "solución", pero non limitándose a facilitar a investidura como alcalde do líder da forza máis votada en 2019, o PSdeG. Nese caso a alcaldía correspondería ao socialista Rafael Rodríguez Villarino, tamén presente no encontro, tras o cal reiterou a "disposición do PSdeG de Ourense a liderar un goberno amparado sobre a representación da maioría dos votantes".

A "mensaxe trasladada ao PP", mantén Villarino, foi "que os socialistas estamos abertos ao diálogo e que agardamos que se formalicen os contactos" porque "Ourense non pode seguir nesta situación de bloqueo". O anfitrión do encontro, Araújo, ve "un antes e un despois" neste primeiro diálogo entre PP e PSdeG (os votos de ambas formacións son imprescindibles para unha eventual moción de censura).

O Bloque, pola súa banda, subliñaba este luns que "se non está na foto" da reunión non foi "por vontade propia", senón "porque non fomos convidados". "Sempre entendemos que a solución aos problemas do Concello pasa polo diálogo entre todas as forzas políticas", pero "outros non o entenden así", lamentan os nacionalistas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.