O xuíz censura que a Deputación fixese pasar os cartos que o xornal tivo que devolverlle por unha condena anterior como se fosen un ingreso extraordinario que a facultaba a empregar outra figura legal coa que pagarlle novamente
Un xulgado do Contencioso-Administrativo de Ourense vén emitir unha sentenza, con data deste mesmo venres, na que volve anular un novo intento da Deputación de Ourense de pagar 2,7 millóns de euros a La Región polo arquivo histórico do xornal. O xuíz censura que a Deputación fixo pasar os cartos que o xornal tivo que devolverlle por unha condena anterior polos mesmos feitos como se fosen un ingreso extraordinario que a facultaba a empregar outra figura legal coa que pagarlle novamente.
Tras unha denuncia orixinal do agora alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, daquela na oposición e enfrontado a Manuel Baltar, a xustiza xa anulara un anterior intento de compra do arquivo do xornal, sentenza ratificada en 2020 polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) que condenaba a La Región a devolver os 2,7 millóns de euros que lle pagara a Deputación. Pero a continuación a deputación puxo en marcha un novo procedemento para insistir na compra.
Cunha autorización do propio presidente, Manuel Baltar, desta segunda volta recorreu a unha denominada “xeración de créditos”, unha das formas das que dispón unha administración “para aplicar a un destino aqueles ingresos non previstos ou contemplados inicialmente no orzamento anual”, en particular ingresos que cheguen de mans privadas para financiar fins propios das administracións. E o que fixo a deputación foi considerar a devolución á que foi condenada La Región como un ingreso non previsto que a través desa “xeración de crédito” decidiu dedicar a pagarlle novamente a La Región.
Segundo o xuíz, “o que fixo a Administración é asimilar unha sentenza que anula a previa adquisición realizada pola Deputación Provincial e a conseguinte obriga de La Región de devolver o diñeiro percibido a un compromiso de achega económica por parte de La Región” á deputación. Un procedemento que o maxistrado censura xa que “unha sentenza ordenando a devolución dunha suma que non debeu aboarse non é un compromiso firme de achega para financiar actividades por parte dunha entidade privada, senón unha obriga de restitución do que, conforme á sentenza, non debeu recibirse”.
“Non dubido que a Deputación Provincial faga uso con frecuencia, como declarou a interventora no acto da vista, da figura da xeración de créditos, pero iso non pode supor que se deforme a mesma ata o punto de facela irrecoñecible por non poder incardinala en ningún dos supostos legalmente previstos para o seu uso”, engade a sentenza.
O xuíz censura que a Deputación “está considerando como unha achega dunha entidade privada o feito de que lle devolvan o que é seu” en aplicación dunha condena xudicial previa; "que sexa cómodo ou útil non quere dicir que sexa legal", engade
“Entendo que pode ser moi cómodo acudir á xeración de créditos neste caso para a Deputación Provincial, pero que sexa cómodo ou útil non quere dicir que sexa legal”, di o maxistrado, e engade que “de admitirse este xeito de proceder, poderíase acudir a esa figura de forma fraudulenta, xa que bastaría con celebrar un contrato a sabendas de que vai ser anulado, para posteriormente considerar a sentenza que o anula como un suposto de achega privada, o que habilitaría acudir á xeración de crédito e repetir o mesmo contrato, esta vez coa única intervención da presidencia como órgano competente para a súa aprobación”.
O xuíz constata que en todo caso tres anos despois da anterior condena La Región aínda non devolveu os cartos
A sentenza vai máis alá e di que “neste caso nin sequera hai achega algunha, dado que ese diñeiro que se ten que devolver por La Región era e é da Deputación” e esta “está considerando como unha achega dunha entidade privada o feito de que lle devolvan o que é seu” en aplicación dunha condena xudicial previa.
A nova condena mesmo salienta que tampouco pode falarse dun ingreso por parte de La Región xa que en todo caso a devolución dos cartos “a data de hoxe e case tres anos despois de ditarse sentenza polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia confirmando a anulación da adquisición, segue sen efectuarse”, co arquivo do xornal en poder da deputación e o diñeiro en mans da empresa editora.