O BNG impulsa a Ana Pontón, que afronta "o reto de ser a presidenta do cambio": "É agora"

Ana Pontón, no acto de proclamación da súa candidatura CC-BY-NC-SA BNG

"Nin é un mitin máis nin é unha campaña máis", advertiu Ana Pontón, durante a súa proclamación como candidata á presidencia da Xunta polo BNG. Foi nun ateigado Multiusos Fontes do Sar, en Santiago, onde cargos públicos, militancia, simpatizantes e diferentes representantes de varios sectores sociais apoiaron a portavoz nacional do Bloque, que convocou a cidadanía galega a "facer historia" e "facer que por primeira vez unha muller" torne en presidenta do Goberno galego

Pontón pide o voto a toda a cidadanía que quere cambio, "votasen o que votasen" antes

"É agora, é o momento", advertiu Pontón, un lema repetido, empregado tamén por Núñez Feijóo no seu primeiro asalto á Xunta e no último á Moncloa. Unha mensaxe consciente, tamén, do escenario máis aberto que se lembra nunhas eleccións autonómicas nos últimos anos. Por iso, tamén, apelou a toda a cidadanía que "quere cambio", sen importar "o que votasen noutras ocasións". "Son a súa candidata", insistiu. E pediulles o voto. A todos e todas eles. "Hai moitas maneiras de sentirse galego e todas son necesarias para abrir un tempo novo", dixo, tras reivindicarse como "a candidata desas maiorías, desa xente". 

Ana Pontón, durante a súa proclamación como candidata á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

"Afronto o reto de ser a presidenta do cambio", insistiu Pontón, que pediu unha "oportunidade" ás galegas e galegos para "un proxecto común de país" para "poñer en marcha a Galiza en grande que merecemos". E unha oportunidade, insistiu, para darlle ao país "a primeira presidenta muller e nacionalista". 

"En 40 anos de democracia tivemos seis presidentes, todos homes e todos de forzas estatais. Pensades que nos foi ben, que colocaron Galiza no lugar que merece? Penso que Galiza vai saír gañando cunha presidenta do BNG, que ao país vaille ir moito mellor", respondeuse. 

"Pídolle aos e ás galegas que me dean a oportunidade de demostralo, de demostrarlles que podemos facelo mellor. Unha presidenta coas mans libres e un proxecto común de país, pensado desde nós e para nos, é a combinación perfecta para poñer en marcha a Galiza en grande que queremos e que merecemos”, resumiu. 

A portavoz nacional augurou que o liderado dun próximo goberno galego por parte do BNG "está ao alcance das mans". "2020 foi a semente do cambio; 2024 será o ano no que naza un novo goberno liderado polo Bloque", dixo Pontón ante "as eleccións galegas máis importantes das últimas décadas" e en competición cun Alfonso Rueda "cunha resaca de campionato". "Non dá dixerido que o BNG conseguiu o que el non soubo, nin puido, nin quixo: defender este país", asegurou en referencia ao acordo de investidura co PSOE. 

"Un goberno liderado polo BNG está ao alcance das mans", di Pontón, que cre que "Galiza vai deixar atrás a resignación e o pesimismo"

Con todo, Pontón tamén advertiu das "voces interesadas, interesadísimas" que alertarán de que o cambio "non é posible, que vai seguir todo igual, que non toca cambio". "A eses predicadores imos dicirlles, coa cabeza alta e cun sorriso, que se equivocan, que o seu tempo pasou, que hai unha Galiza que vai deixar atrás o inmobilismo, a resignación e o pesimismo", insistiu. "Non vai ser fácil, temos moito traballo que facer", engadiu. 

"Galiza non pode seguir cara atrás nin un minuto máis, ten que empezar a avanzar porque está en xogo a sanidade, a atención ás persoas maiores, o futuro da xente moza, sacar adiante os sectores produtivos ou preservar o territorio", citou Pontón, nun momento, dixo, no que hai que afrontar grandes retos cunha crise con múltiples caras, a climática e ambiental, a social, a de prezos. “Así de importante é todo o que está en xogo”, recalcou.

Ana Pontón, durante a súa proclamación como candidata á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

Ante esa realidade, a candidata nacionalista alertou contra o previsible intento das forzas estatais de desviar a atención “coas súas batalliñas e liortas madrileñas”, demostrando, dixo, "que nin teñen proxecto para este país nin lles interesa". "Non merecemos a súa crispación madrileña porque as eleccións non van de Feijóo nin de Sánchez, van de solucións para o noso futuro colectivo, de facernos valer e de avanzar”.

Ademais, Pontón quixo tamén apelar ao "rigor, a solvencia e o realismo”. "Sen perseguir o imposible nin prometer o que non poidamos cumprir, con propostas para transformar e capacidade para levalas adiante”, engadiu, citando logo as prioridades dun goberno do Bloque na Xunta: reforzar os servizos públicos, —sanidade, educación, o coidado das persoas maiores—, apostando por "darlle futuro á xente moza", o apoio aos sectores produtivos "tendo claro que a ciencia e a innovación son claves para unha economía que xere riqueza e emprego de calidade a través do coñecemento, non da precariedade e dos baixos salarios".

“A miña primeira decisión como presidenta en materia enerxética será quitar a cadeira que as eléctricas teñen no Consello da Xunta”, dixo, sobre un hipotético goberno liderado polo nacionalismo que, advertiu, defenderá a lingua e a cultura galega, o avance dos dereitos e das liberdades das mulleres desde o feminismo, "unha Galiza diversa e plural, na que cada quen sexa libre para sentir, amar e ser o que queira ser".

O Multiusos Fontes do Sar, durante o acto de proclamación de Ana Pontón como candidata do BNG á Xunta CC-BY-NC-SA BNG

No acto, que pechou Pontón, interviron tamén a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, e tomaron a palabra militantes e simpatizantes como Mercedes Veites, emprendedora do téxtil desde o rural; Miguel López, médico; Rocío Barreiro, do sector da ciencia; Fran Quiroga, do ámbito da cultura; e Beatriz Fernández, traballadora de DomusVi. Todas apostando polo "cambio" da man do BNG. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.