Pontón denuncia as "trampas" de Rueda por "usar a Xunta e a TVG para facer campaña"

Ana Pontón, co alcalde de Pontevedra, Fernández Lores, no Culturgal CC-BY-NC-SA BNG

Logo de que o comité intercentros da CRTVG pedise amparo e denunciase a "manipulación sen pudor" que a favor do PP asegura que se realiza nos medios públicos de Galicia, este venres foi o BNG quen acusou os populares e o seu líder e presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de "facer trampas" ao utilizar o seu cargo, os recursos do Goberno e a TVG "para facer campaña" no que considera "unha descarada utilización partidista de recursos públicos".

“Rueda xa non exerce como presidente senón como candidato do PP metido de cheo na súa campaña, e o grave é que está utilizando de maneira espuria o seu cargo, a Xunta e os medios públicos para a súa promoción como candidato, unha utilización partidista dos recursos públicos que é un auténtico escándalo democrático”, denunciou Pontón, indicando que nunhas eleccións “todos e todas temos dereito a competir en igualdade de condicións pero unha vez máis o PP quere facer trampas poñendo a Xunta e a CRTVG ao seu servizo”.

Ana Pontón, durante a súa visita ao Culturgal CC-BY-NC-SA BNG

Pontón acusa a Rueda de "utilizar de maneira espuria o seu cargo, a Xunta e os medios públicos para a súa promoción como candidato"

Pontón fixo esta denuncia desde Pontevedra, desde o Culturgal, onde participou con Suso de Toro e María Reimondez na presentación dos seus respectivos libros, Descubrindo Ana PontónA semente, a árbore e a froita, que analizan a figura da líder do BNG.

Malia esas "trampas" que denuncia, Pontón amosouse convencida de que o BNG vai liderar o próximo goberno porque ós galegos e ás galegas “xa non lles cola” a propaganda dun candidato que "anuncia agora que vai facer o que non fixo en catorce anos". “Hai unha maioría social que está cansa de promesas que non se cumpren e quere pasar a páxina de catorce anos de retroceso dun PP que deixa unha Galiza peor da que atopou”, dixo.

"Un presidente irrelevante"

“Se me preguntan cando van ser as eleccións, a única certeza que teño é que a data vaina decidir o PP desde Madrid, porque a submisión de Rueda é tal que nin sequera é capaz de marcar a cita electoral”, dixo ao ser cuestionada polos comicios, dos que cre que xurdirá "un cambio de ciclo liderado polo BNG" para “reflotar Galiza da desfeita provocada por catorce anos dun goberno do PP entregado ao centralismo madrileño".

“Neste momento temos un presidente irrelevante desde o punto de vista político, incapaz de defender os intereses dos e das galegas ante o Estado, incapaz de conseguir investimentos, avanzar en infraestruturas ou en autogoberno, con cero novas competencias”, denunciou Pontón, poñendo como exemplo máis recente o fracaso de Rueda á hora de lograr a xestión do litoral, que si conseguiron outras comunidades como Andalucía, Canarias ou Balears.

Por iso, avanzou, o Bloque volve levar ao pleno do Parlamento un proxecto de lei para reclamar a transferencia do litoral, pero facendo as cousas ben, “e agardamos que esta vez Rueda vote a favor”, concluíu na súa visita ao Culturgal, “unha cita imprescindible coa nosa cultura no que gozar da literatura, cinema, teatro, música e de todas as manifestacións artísticas dos nosos creadores e creadoras”.

Ana Pontón, durante a súa visita ao Culturgal CC-BY-NC-SA BNG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.