Nas últimas eleccións de 2020, coa pandemia da COVID-19, o voto por correo disparárase a 77.000 solicitudes, o dobre que en convocatorias anteriores
A convocatoria oficial das eleccións anticipadas ao Parlamento de Galicia para o vindeiro 18 de febreiro pon en marcha todos os prazos asociados ao proceso electoral. Entre eles, os relativos á solicitude e envío do voto por correo. Tal e como confirma Correos, dende este 26 de decembro xa é posible solicitar o sufraxio postal, un prazo que está aberto ata o 8 de febreiro.
Para poder participar por correo nas eleccións a solicitude "debe ser solicitada persoalmente por cada elector" agás "en caso de enfermidade ou discapacidade acreditadas mediante certificación médica oficial". Só nese caso e previa autorización notarial ou consular, o trámite pode ser realizado por outra persoa e atendendo, de calquera xeito, aos prazos indicados sobre estas liñas.
Máis de 77.000 votos por correo en 2020
O volume do voto por correo é habitualmente interpretado como un indicador dunha alta ou baixa participación electoral. Porén, as últimas eleccións galegas celebradas ata agora, as de xullo de 2020, non supoñen un indicador válido xa que se viron afectadas polas restricións establecidas durante a pandemia da COVID-19. Unhas circunstancias que fixeron que moitas máis persoas optasen por pedir o voto por correo, máis de 77.000, o dobre ou case o dobre que na serie de comicios galegos celebrados no que vai de século.
Estas cifras refírense só a persoas residentes dentro do Estado español e independentes do voto postal dende o estranxeiro, o das persoas inscritas no Censo de Residentes Ausentes (CERA) ou no da poboación temporalmente residente no exterior (ERTA).