Admitidas xa case 77.000 peticións de voto por correo, máximo histórico nunhas autonómicas galegas

Oficina central de Correos en Santiago, durante o trámite do voto por correo das eleccións xerais do 28A © Correos

Correos admitiu un totla de 76.907 solicitudes para exercer o seu dereito a voto nas eleccións ao Parlamento de Galicia do vindeiro 12 de xullo. A cifra, influída pola pandemia do coronavirus, supón o máximo histórico en relación ás solicitudes deste tipo de sufraxio nos comicios autonómicos desde 2001, o último ano que se inclúe na información do INE. Nas de 2016, foron máis de 46.000 as peticións, aínda que nas xerais de 2016, tamén no verán, foron máis de 86.000

As case 77.000 solicitudes son un récordo nas autónomicas, aínda que nas xerais de 2016 superárase esa cifra en Galicia

Do total desas case 77.000 solicitudes das que informa Correos nun comunicado, case 68.000 presentáronse de forma presencial e case 9.000 de forma telemática, esta última unha medida extraordinaria adoptada pola excepcionalidade provocada pola Covid-19. 

Así, Correos entregara xa 67.102 solicitudes nas delegacións provinciais da Oficina do Censo Electoral en Galicia --25.142 na Coruña, 10.303 en Lugo, 10.390 en Ourense e 21.267 en Pontevedra--.

Os solicitantes do voto teñen de prazo ata o 10 de xullo para depositar o sobre co seu voto en calquera dos 8.600 putnos de admisión cos que conta Correos en toda España.

Ata o día de onte, emitíronse xa 40.776 votos por correo para as autonómicas do 12X. 

Ademais, a Xunta Electoral Central rexeitou esta semana dúas peticións formuladas polo Defensor del Pueblo e o PSdeG para que os carteiros esixisen a súa sinatura ás persoas ás que entregan a documentación precisa para votar por correo. O órgano de supervisión dos comicios desbótao argumentando que o propio persoal de Correos debe comprobar a identidade desa persoa co seu DNI ou documento de identificación equivalente, polo que a sinatura é só unha opción a maiores de ratificar esa identidade pero non obrigatoria xa que iso dificultaría o voto ás persoas que non saben escribir. A identificación da persoa por parte do carteiro e non a súa sinatura é a clave para a Xunta Electoral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.